Pode parecer nos tempos que estamos a vivir, que a cuestión idiomática é algo superfluo, secundario, ata de señoritos, preocuparse polo idioma tendo na man os indicadores de pobreza, desnutrición infantil, exclusión social, desemprego... En cifras alarmantes. Máis é algo que está moito máis relacionado con todo iso do que poderíamos pensar nun primeiro momento. É unha cuestión política ligada ó noso modelo produtivo económico e social.
Pode parecer nos tempos que estamos a vivir, que a cuestión idiomática é algo superfluo, secundario, ata de señoritos, preocuparse polo idioma tendo na man os indicadores de pobreza, desnutrición infantil, exclusión social, desemprego...
A eclosión do idioma galego, a súa época de esplendor, coincide ca época na que a economía galega era a referencia de todos os economistas, na que o seu modelo produtivo mesturando o sector primario coa industria do liño e a conserveira facían da galega unha economía forte e sen trabas, que nos permitiu un crecemento demográfico sen parangón nos séculos XV ó XVII.
Todo iso ten que ver co idioma, co sentimento do que é noso, de como a pesares de ter o máis marabilloso do mundo deixamos que se estrague, ou o que é peor, que outros nolo estraguen
Hoxe hai que ver a destrución que estamos a contemplar do noso sistema económico, a sangría do campo galego que ve como o número de explotacións gandeiras cae cada día, o drama do mar, que ten que contemplar como a pesares de ter a flota de pesqueiros máis grande de España, temos unha cota de pesca máis cativa ca do país Vasco. O espolio enerxético que estamos a vivir dende fai tantos anos, condenados á destrución da biodiversidade dos nosos rios para construír encoros, dos nosos montes cos parques eólicos, de estar condenados a ver como cada certo tempo afunde un petroleiro diante da costa da Coruña para producir enerxía barata e limpa para o resto de España, mentres aquí pagamos unha das tarifas máis caras de Europa... Todo iso ten que ver co idioma, co sentimento do que é noso, de como a pesares de ter o máis marabilloso do mundo deixamos que se estrague, ou o que é peor, que outros nolo estraguen.
Un idioma propio é un modelo produtivo propio, e a solución debe ser apoialos e melloralos, non substituílos por outros de fóra que xamais se adaptarán tan ben, porque non hai mellor forma de expresarse que o idioma materno, e non hai mellor forma de vivir que cun modelo económico propio, que atende ás particularidades propias da xente, da terra e do país.
Por primeira vez en máis de 500 anos de historia do idioma galego, a poboación que afirma falalo sempre, cae por debaixo do 50%
O noutrora idioma da cultura e do imaxinario da nobreza da península esvaese, o idioma que o rei Castelán, Alfonso X O Sabio usou para escribir a obra cume da lírica en Galego-portugués xa non é máis que unha tenue sombra nunha maña de densa brétema. Estamos a contemplar o retroceso histórico da nosa lingua, por primeira vez en máis de 500 anos de historia do idioma galego, a poboación que afirma falalo sempre, cae por debaixo do 50%.
Un drama, para o país galego, que sempre puido encher o peito co orgullo de que á diferenza do País Vasco e Cataluña, aquí o idioma sobrevive a pesares de carecer do apoio das institucións nin das clases sociais dominantes. Terá se cadra algo que ver o proceso de asimilación política e cultural co que o Españolismo máis rancio nos afoga, tanto dende as institucións como dende os poderes fácticos.
Se cadra pode influír un chisco, que os cargos máis importantes da nosa administración pública galega sexan historicamente ocupados por xentes de fóra do noso país (cando aquí mesmo, existe un capital humano impresionante), que non falan a nosa lingua, que miran por riba do ombreiro á nosa cultura, que consideran os nosos sinais de identidade como algo meramente folclórico, para amosar nas romarías e pouco máis, xente que non se digna en usar o galego porque menosprezan o que representa, por que o consideran de segunda ou de terceira división.
Vexo decotío como se pon en dúbida a valía dun idioma que pertence a un sistema lingüístico que se estende por todo o mundo. Como un idioma que permite comunicarse con máis de 250 millóns de persoas non vai ser útil?
Non sendo unha cuestión meramente do idioma, senón ideolóxica, o proceso de doma e castración do reino de Galiza iniciado polos Reis Católicos continúa hoxe vixente, nun secular intento de homoxeneizar as maneiras de obrar, pensar e sentir dos pobos Españois.
Vexo decotío como se pon en dúbida a valía dun idioma que pertence a un sistema lingüístico que se estende por todo o mundo. Como un idioma que permite comunicarse con máis de 250 millóns de persoas non vai ser útil?, iso poderíamos explicarllo a un alemán, ou a un italiano, idiomas que apenas existen fóra da fronteira do seu país... Non sei se me explico, pero ningún deles cambiaría o seu idioma por outro, porque o idioma materno, é o único que recolle a particular idiosincrasia da xente que o fala, as súas maneiras de sentir e de comunicarse como ningunha outra lingua foránea podería facer.
Como diría Alfonso Daniel, se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
As camisolas do deportivo coa bandeira galega esgótanse porque existe un sentir no imaxinario colectivo que a pesares de que non se materialice moitas veces nunha acción política clara, é real, existe
Lía absorto fai unhas semanas, neste mesmo xornal un artigo de Ana Luísa Bouza que preguntaba se a pesares de todo había Nación... Son optimista, por suposto que hai país, aínda que ás veces esteamos tan alienados que nin nos decatemos, ¿Que non hai un sentimento claro de demanda de autogoberno? Pode que non sexa hexemónico en termos políticos, máis non hai un pobo na vella Europa que teña un sentimento de apego e amor pola terra coma o noso.
As camisolas do deportivo coa bandeira galega esgótanse porque existe un sentir no imaxinario colectivo que a pesares de que non se materialice moitas veces nunha acción política clara, é real, existe. O que falla é a tradución do relato que se fai dende as instancias políticas, na maioría dos casos errados, é difícil explicarlle á xente que o problema é a falta de autogoberno, cando o discurso é que o teu país é subsidiario do estado central.
Cando o relato se troca unha fábula de balanzas fiscais, na que as grandes empresas de Galiza pagan os seus impostos en Madrid (temos casos como a refinería de Repsol na Coruña, ou a Citröen de Vigo) son precisos argumentos sólidos para por o contrapunto ás terxiversacións que se fan da realidade, que os galegos non vivimos da esmola de ninguén, que existe o empresariado galego e que en Galiza si hai iniciativa (por algo a porcentaxe de galegos que emigran triplica á media de España)
Non se trata dunha cuestión tan superficial como contrapoñer o nacionalismo galego ou español, trátase dunha loita de intereses, cando os intereses de Galiza se contrapoñen ós intereses de Madrid
Que pode ser que co declive de AGE e o isolacionismo no que está sumido o BNG, o nacionalismo galego perdese a súa derradeira oportunidade histórica de postularse como unha solución real da indignación dos cidadáns deste país, e mudar ese relato cara un que sexa o alicerce dunha política de transformación real, máis ábrese outra xanela no horizonte, á que debemos estar atentos para non deixar escapar tamén a oportunidade de reclamar un maior autogoberno.
Non se trata dunha cuestión tan superficial como contrapoñer o nacionalismo galego ou español, trátase dunha loita de intereses, cando os intereses de Galiza se contrapoñen ós intereses de Madrid, a nós sempre nos toca perder para que outros saian beneficiados, por que non temos capacidade política real de facer unha oposición nesa loita de intereses.
Debemos preguntarnos cal é o modelo de futuro que queremos para Galiza, o de ser asimilados política e culturalmente polo binomio Madrid-Castela? Eu non quero para o meu país (con tódolos meus respectos por esas terras) unha Asturias, ou aínda peor, un León ... Reducidos a unha simple provincia de Castela e condenados a vivir á sombra de Valladolid, despoxados do seu idioma, sen poder político propio, unha sorte de provincia á deriva do goberno central.
Eu quero un país gobernado por cidadáns galegos, que de resposta ós problemas que temos neste recuncho do mundo
Eu quero un país gobernado por cidadáns galegos, que de resposta ós problemas que temos neste recuncho do mundo, que seguen sendo os mesmos que hai máis de 200 anos. Que cando os nosos intereses económicos entren en conflito cos de España, teñamos a capacidade real de facer unha oposición sólida, e defender o noso sistema produtivo, o noso idioma, ós nosos cidadáns e á nosa Nación.
Trátase de escoller por unha banda os pactos de vasalaxe para seguir na mesma dinámica de declive que ata agora, ou apostar dunha vez por nós mesmos, creo que os galegos merecemos, despois de todo, unha oportunidade para variar o rumbo do noso sino, que mellor ou peor, pero será o que nós escollamos, sen trabas, sen complexos, en liberdade.