Repasemos os datos de conxunto dispoñibles: nas últimas décadas, dende unha posición de partida na que a dereita era hexemónica, mesmo dun modo esmagador, a suma da oposición –PSdeG e BNG- igualou ou superou en apoio electoral ao PP. A finais dos noventa foi cando se produciu esa equipotencia, ás veces virada en sorpasso. A crecente urbanización e modernización do país constitúe o obvio pano de fondo desa transformación electoral. Que iso non dese lugar a un novo ciclo político en Galicia haino que atribuír non só ás circunstancias obxectivas, senón á pertinaz incapacidade de socialistas e nacionalistas, cada un á súa propia maneira, evidenciada no período do goberno bipartito, pero tamén, anos antes, en grande número de concellos. Non repetirei agora os motivos desa incapacidade, que é simultaneamente intelectual e moral. Fatiga facelo. Quede consignado, no entanto, que a responsabilidade desta nova frustración de Galicia –tal vez a súa consunción como suxeito político- está tamén na ribeira esquerda e nacionalista do parlamento.
As bases para outra Galicia están, por tanto, dadas dende o punto de vista da estrutura social. Nos últimos lustros, segundo o CIS, a autoubicación dos electores en Galicia xirou á esquerda, ao tempo que se reducía a súa conciencia nacional. Unha observación fría parece confirmar ese dato. Dedúcese de aí que se se quere defender o estado do benestar e ao mesmo tempo evitar a consunción da identidade do país hai que abrir paso a outras dinámicas sociais e políticas. A ninguén se lle escapa, polo demais, que a recente crise-estafa está reducindo, outra volta, a influencia e a lexitimidade da dereita no poder. Que, no medio de semellante tormenta, sexa pensable que o PP siga a gobernar demostra a inanidade do que ten enfronte. Que o descrédito alcance non só aos dous partidos do que se da en chamar o réxime do 78, senón tamén ao BNG debería dar que pensar a quen corresponda facelo. Por outro lado, Anova, a grande esperanza de hai dous anos está partida e desorientada. O experimento AGE, con EU, veuse ultrapasado polo fenómeno Podemos. Aínda que non é o lugar para desenvolver o asunto é obvio, ou así mo parece a min, que o nacionalismo terá que enfrontarse á disxuntiva entre implosión ou recomposición. Ao tempo.
Que, no medio de semellante tormenta, sexa pensable que o PP siga a gobernar demostra a inanidade do que ten enfronte
A hexemonía da prensa conservadora foi, e segue sendo, un dos datos relevantes. Mesmo hoxe, no que a prensa vive unha crise que a fai tan vulnerable, ninguén é capaz de sentar os alicerces de medios que dean voz á parte do país que non se recoñece nos tradicionais ou de deslexitimar a perniciosa influencia que exercen, como secuaces que son do poder que lles paga. Ao contrario, a prensa convencional é mimada con raro masoquismo por aqueles con puntos de vista que se supón distintos e distantes.
Durante os anos nos que Francisco Vázquez foi a alma innoble dos socialistas La Voz, expresión do lobby de intereses de certos empresarios coruñeses, serviu fielmente ao entón alcalde coruñés, compartindo esa lealdade coa de Fraga. Ese triangulo era o poder establecido en Galicia, con algún que outro engadido de xeometría variable. Polo seu lado, os nacionalistas, tan clásicos e decimonónicos eles, nunca entenderon o papel dos media nas sociedades contemporáneas nin a súa función decisiva á hora de conformar opinións, mentalidades e valores, unha vez que a hora dos vellos partidos de masas e mesmo dos de cadros xa soou. Non só iso, cando tiveron ocasión tampouco retaron a influencia do xornal coruñés, nin a daqueles outros -o Faro de Vigo, sobre todo- que no país están. Por certo, compróbese documentalmente para que conste en acta, quen e cando fixo ou fai hoxe explícita esta crítica aberta aos medios maioritarios no país: constarase a xeneral e calculadora acomodación á súa hexemonía, por non falar, tantas veces, da directa adulación aos amos da finca.
Pode dicirse, en definitiva, con certa acritude, que a prensa e os dous partidos forman parte tanto do problema como da solución. Se non se reformulan os dous campos –a saber de que maneira podería suceder iso, pero agora Podemos introduce outro factor na ecuación, o mesmo que a fragmentación nacionalista- non haberá nin a mera esperanza de que algo tan modesto e de caixón como unha modernización alternativa á que propón a dereita e o centralismo suceda.
Que o PP en solitario alcance o 40% dos votos semella difícil. Feijóo&co deberían de quedar, por tanto, fóra da circulación. E iso pon sobre a mesa, unha vez máis, a responsabilidade da que hoxe é oposición
Pero pese a todo Feijóo debería perder as eleccións de 2016. Iso sería o lóxico e natural dadas as circunstancias, sobre as que non hai que insistir, e que son extremadamente graves. Antes terán lugar as municipais e as xerais que previsiblemente debilitarán a súa forza. Que o PP en solitario alcance o 40% dos votos semella difícil. Feijóo&co deberían de quedar, por tanto, fóra da circulación. E iso pon sobre a mesa, unha vez máis, a responsabilidade da que hoxe é oposición. Se non son capaces de fraguar un programa común e de conformar maiorías alternativas pode ocorrer outra vez unha derrota moral e, como consecuencia dela, a progresiva desaparición de Galicia non só como suxeito político senón, mesmo, como singularidade étnica, por non falar da estrutura económica e social, de tan pouco prometedoras perspectivas. Galicia precisa desprenderse dese ferrollo que son as maiorías absolutas do PP, máis aínda dende que este virou a ser un puro subproduto da dereita madrileña, baixo o comando dun presidente que se por un lado ten as súas miras postas no goberno central carece polo outro da máis mínima emoción galega. Fraga era un españolista, un fascista e todo o que vostedes queiran, pero non un acomplexado.Non creo que poda dicirse o mesmo de Feijóo e da súa troupe.
Cos datos das enquisas hoxe dispoñibles, se a fragmentación do Parlamento non lle ofrece a vitoria unha vez máis ao PP, ese goberno alternativo será previsiblemente tri ou tetrapartito. PSdeG e Podemos marcarían a pauta, co BNG e AGE en posición subordinada. CxG quedaría fóra. Por suposto, dado o ámbito da convocatoria pode que a relación de forzas variase en beneficio das forzas nacionalistas, pero a foto seguiría a ser extremadamente fragmentada e a tendencia de fondo a apuntada.
Un goberno así sería un crebacabezas, caso de que chegara a nacer, pois cabe que fose frustrado de antemán polas luces curtas usuais no país ou polas dinámicas políticas estatais. Sería máis que probable que as leas internas deixasen as do bipartito en asunto menor.
O mellor modo de garantir unha gobernación que non se suicide outra vez, se sobrepasa os graves obstáculos previos, é definir as grandes liñas de actuación e, ata diría, os nomes, que poden ofrecer confianza ou actuar de modo disuasorio
Considerada a experiencia pasada, o mellor modo de garantir unha gobernación que non se suicide outra vez, se sobrepasa os graves obstáculos previos, é definir as grandes liñas de actuación e, ata diría, os nomes, que poden ofrecer confianza ou actuar de modo disuasorio. Sen consensos previos non só sobre os contidos, senón tamén sobre os modos, un goberno alternativo pode estoupar ás primeiras de cambio.
Con obxecto de poñer sobre o tapete ese escenario posible e a necesidade de adiantarse ás circunstancias para evitar que, ao final, todo quede en nada -cousa máis que posible, coñecendo o pano- propoño, totalmente gratis, de balde, for free, uns posibles puntos mínimos, non exhaustivos, para un programa de goberno. É evidente que hai sectores obvios que nin se mencionan, e moi importantes, pero abonde con propoñer uns puntos para mostrar que sen un mapa claro e unha xerarquía de obxectivos non hai nada que facer, tampouco á hora de xerar consensos non só entre as forzas políticas, senón coa sociedade mesma.
1) Programa para favorecer a natalidade -tómese en consideración mesmo o exemplo portugués, dado que Suecia queda moi ao norte-. Reducións no IRPF, no IVA, no IBI, aumento do tempo de baixa por maternidade, programa de garderías, etcétera.
2) Activar o Eixo Atlántico con forte vontade política. Racionalizar as redes transeuropeas de transporte -o corredor atlántico, etc- dende a óptica dos intereses galegos. Impulsar a conectividade -ferroviaria, etcétera- co norte de Portugal e máis alá, con Lisboa. Hai que falar co goberno lisboeta directamente, favorecendo todas as formas de intercambio. Tamén: colocar a Vigo como autoestrada marítima. Formas transmodais de comunicación e transporte. Liñas de pasaxeiros-mercadorías de transporte ferroviario. Especialización dos aeroportos. Pensar a escala continental, favorecendo a relación con América Latina, Brasil nomeadamente, e África, especialmente a lusófona. Por suposto, impulsar a rede de trens para comunicar as areas urbanas do país.
3 ) Aproveitar o período de estancamento económico para tecer as areas urbanas e periurbanas, densificalas de modo ordenado, e para establecer unha rede galega de cidades favorecendo a súa conexión e cooperación. Acabar co localismo, na medida do que se poida. Atención: iso non significa non valorar e promover o sentimento e os intereses locais, sempre que non entren en competición co interese xeral galego, tal e como se poida precisar de modo explícito. Definir, con grupos de expertos e axentes sociais, as grandes liñas de acción en cada grande cidade na perspectiva da integración. Interpelar á concesionaria para baixar as peaxes da AP-9 na perspectiva de acurtar os prazos de amortización, etcétera. Denunciar a concesión, se é o caso. Desenvolver o uso do ferrocarril como transporte de cercanías e en xeral do transporte público, particularmente nos intercambios entre as grandes cidades coas súas entornas.
4 ) En particular, a través dos concellos identificar as bolsas de pobreza e as necesidades de recursos e abordar medidas de protección social. Nunha época de crise este tería que ser un eixo de actuación prioritario.
5) Forte programa de I+D+i. O labor do bipartito neste campo, por certo, foi prometedor.
6 ) Medidas económicas. Desenvolver esta cuestión con detalle elaborando unha política industrial e definindo un modelo produtivo. Non pode vivirse do mero ciclo económico español sen tomar medidas proactivas. Tomar en consideración aos expertos, evitando a arbitrariedade das decisións.
Pero, en todo caso, aspectos posibles a desenvolver: Papel do Igape. Facenda galega. Crear algún tipo de Instituto de crédito ou banco público. Cluster do automóbil. Entender Citröen.Turismo. Marca Galicia: en viños, pizarra, etc. Atraer investimento exterior non pirata. Tomar en consideración o papel de Abanca e esixirlle –dado que foi produto de rescate público- políticas de crédito reflexivas, evitando o clientelismo.
Hai que combater o paro no posible -outros deciden o principal do ciclo económico- pero mirando máis alá. Promover unha política fiscal que, a diferenza da actual, non constitúa un roubo aos pobres para regalarllo aos ricos. Esa política está, no fundamental, en mans do estado: pero é posible sentar bases discursivas. Por suposto defensa da xoia da Coroa: o sistema sanitario público. Busca de maior peso da investigación sanitaria e da modernización tecnolóxica intentando acordos con Ongs, fundacións e empresarios relevantes –Amancio Ortega-. Tamén da educación pública.
7 ) Aprobar unha nova Lei do Galego, non só no ensino, despois de ser discutida socialmente. Non pode ser, nin moito menos percibirse como unha imposición, nin coma un uso forzado do DOG. Sacar o galego de calquera intento de patrimonialización. Incorporar a organizacións médicas, colexios de avogados, asociacións profesionais de todo tipo. Discutilo socialmente respectando a diversidade de contextos sociais e urbanos, etcétera. Un timing pensado e reflexivo. Dende logo: unha canle de programación infantil atractiva. Promover a cultura popular: deportes, corais, música pop.. Evitar o elitismo e o culturalismo, salvo, claro, no ámbito da elite cultural. Favorecer as iniciativas de redes de ensino concertado e privado en galego.
8) Política de comunicación definida e compartida: especialmente tanto en relación ao grupo Voz, como en relación á Prensa Ibérica. Nada de sostelos con diñeiro público. O mercado é para todos. Axudar, ou polo menos non boicotear, á creación dun medio galego de referencia, con realismo, distancia e prudencia que contribúa a crear unha axenda diferenciada da dos grupos conservadores. Fiarse de Santiago Rey é como se EU ou Podemos fiaran en Madrid no El Mundo ou no ABC: unha estupidez e un delirio. Pero hai que ser cauto, ademais de firme. No terreo dos símbolos promover o uso dos galegos compartidos: a bandeira azul e branca, etcétera. Fuxir do que sexa ou poida aparecer como sectario.
9 ) Unha visión de Europa que, sen arrefriar a crítica ao proxecto neoliberal, entenda que Galicia teno máis fácil con Europa que si só fora co Estado Español. Non confundir as críticas á austeridade coa impugnación da UE. Desenvolver unha política internacional consistente, por máis modesta que sexa. Dialogar coas autoridades europeas.
10 ) Con toda conciencia favorecer a remuda das elites locais, empresariais e profesionais promovendo novas xeracións intelectualmente formadas e máis favorables a unha política galega e progresista. Nada de seguir premiando, como o fan os gobernos do PP, á parte máis arcaica do país, favorecendo as empresas “amigas” nin de practicar políticas de tribo para aumentar a clientela dependente do erario público.
11 ) Unha Lei electoral que favoreza o pluralismo e prime a igualdade do peso dos representados.
12) Naturalmente, definir o papel de Galicia ante un previsible cambio constitucional: este probablemente abra paso cara algunha forma de federalismo asimétrico. Definir un Estatuto que teña en conta esa posibilidade ou, se os tempos se precipitan, esa realidade.
Se foran como é debido deberían ter na cabeza os nomes clave dunha política alternativa e, mesmo, un goberno na sombra, para non improvisar
Esta modesta proposición define uns eixos posibles de actuación, sobre os que pode estarse de acordo ou non, pero, sobre todo, indica que unha certa xerarquía de actuacións ten que ser definida con precisión e que non podemos volver a contemplar a deplorable imaxe dun goberno que se devora a si mesmo. É evidente que esa xerarquía ten que ser compartida por todos aqueles que formen parte do goberno. Teñen que significar, polo tanto, un mínimo común denominador.
É máis, se foran como é debido deberían ter na cabeza os nomes clave dunha política alternativa e, mesmo, un goberno na sombra, para non improvisar. Xa se sabe que un goberno formado por PSdeG, Podemos, BNG, AGE, vai a ser difícil, pero non convén aumentar a súa complicación innecesariamente. Ter claro qué facer axudaría. Por non dicir que, en ausencia dun programa común compartido, non sería de estrañar ata que o PP gobernara en minoría. Todo é posible en Galicia. Ao fin e ao cabo, xa o estamos vendo: acaso haxa –é o máis probable- unha reforma constitucional: de ser así nada se fará sen tomar en consideración o peso –político, demográfico, económico- de Andalucía ou Valencia. Galicia, que era antes unha “nacionalidade histórica”, cos dereitos adquiridos que dimanaban da aprobación do Estatuto no período republicano, apenas ten hoxe nada que dicir, está desaparecida despois de case corenta anos de democracia.