Chegar a vello

Hai trinta anos, cando traballaba en Estepona (Málaga),  publiquei un libriño titulado Como llegar a viejo. Agora, xa próximo aos sesenta, podería escribir cousas distintas porque teño a vellez máis próxima, pero o escrito daquela non perdeu a súa validez. Naquel entón prevalecía a consigna da OMS que pretendía “engadir anos á vida e engadir vida aos anos”. O obxectivo era construír unha vida saudable que nos permitise chegar a idades avanzadas con autonomía e coa capacidade de gozar dunha vida plena. Hoxe eses criterios cambiaron.

Agora prevalece o discurso do FMI, que considera a lonxevidade como un “risco financeiro”, polo que aconsella aos Estados e ás compañías aseguradoras que prolonguen a idade de xubilación, que aumenten as cotas dos seguros e reduzan os niveis de protección

Agora prevalece o discurso do FMI, que considera a lonxevidade como un “risco financeiro”, polo que aconsella aos Estados e ás compañías aseguradoras que prolonguen a idade de xubilación, que aumenten as cotas dos seguros e reduzan os niveis de protección. En resumo: hai que traballar toda a vida -cada vez por menos diñeiro- e morrer pronto para evitar a creba das empresas de seguros. É tal a desfachatez desta organización (dirixida nos últimos anos por Rodrigo Rato, Dominique Strauss-Kahn e Christine Lagarde, todos imputados por motivos diferentes) que se atreve a facer público este discurso tan obsceno. Conseguir unha vellez plena e unha xubilación gozosa debería ser un obxectivo principal de calquera sociedade xusta. As políticas de protección social conseguiron que teñamos unha esperanza de vida elevada; as políticas de recortes impostas ao amparo da crise farán, con toda seguridade, que esta esperanza de vida se reduza.

Os da miña xeración tivemos o privilexio de participar na construción dunha sociedade máis xusta e próspera. Aquela España insana e miserable da ditadura franquista camiñou, durante décadas, cara unha sociedade máis igualitaria, grazas ao esforzo e ao traballo solidario de moita xente.

Os da miña xeración tivemos o privilexio de participar na construción dunha sociedade máis xusta e próspera

Non foi un agasallo do franquismo senón o resultado da loita social. Ben é certo que, xa entón, houbo quen se dedicou á especulación e á rapiña, á fraude e á corrupción. Estas bandas organizadas infectaron a vida pública, roubaron o diñeiro de todos e teñen envelenada a convivencia social. A mocidade terá que romper con todo isto, ten que expulsar da vida pública aos corruptos e impoñer regras de xogo e sistemas de vixilancia que impidan a propagación desta vileza.

A mocidade terá que romper con todo isto, ten que expulsar da vida pública aos corruptos e impoñer regras de xogo e sistemas de vixilancia que impidan a propagación desta vileza

Porque non é obriga dos mozos pensar na vellez (horizonte tan afastado, que chega tan pronto), pero si teñen o deber de protexer e mellorar o Estado de benestar que tanto custou construír ás xeracións precedentes e que agora a maquinaria infernal do capitalismo especulativo quere eliminar, para destruír unha sociedade de cidadáns libres e solidarios e substituíla por unha sociedade de castas con escravos sometidos ao traballo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.