O crecemento da desigualdade

O economista francés Thomas Piketty , no seu famoso libro O capital no século XXI, analiza o crecemento da desigualdade no mundo occidental. Estivo por aquí estes días pasados e afirmou que España é a demostración do fracaso das políticas de austeridade. Tamén expresou o seu desexo de que o previsible cambio político traspase as fronteiras para contribuír a “á refundación democrática de Europa”. Vicenç Navarro xa advertira nos seus escritos que, en contra do que afirman os dogmáticos neoliberais, as desigualdades teñen un impacto negativo no desenvolvemento económico, e que “a concentración da riqueza e o empobrecemento dos traballadores son a causa da gran recesión e o baixo crecemento”.

Pero o certo é que a desigualdade crecente pode xerar situacións de severo conflito social. Nas dúas décadas previas á crise, desde EEUU a España, na maioría das economías avanzadas a etapa de expansión non serviu para distribuír mellor. Non só houbo un maior crecemento na remuneracion do capital fronte á do traballo, senón que se ampliou a brecha nesta última. Mais desde 2008 a desigualdade medrou de xeito brutal. En España, o país europeo onde máis aumenta a desigualdade, as empresas que operan nos mercados do luxo son as que máis aumentan as súas vendas.

O mercado español do luxo é o noveno maior do mundo, e España segue a China como o país onde hai máis novos ricos. É unha realidade obscena: o número de milmillonarios duplícase durante a crise mentres a desigualdade alcanza niveis extremos en todo o mundo. As vinte maiores fortunas españolas aumentaron a súa riqueza en 15.450 millóns de dólares entre 2013 e 2014 e posúen hoxe tanto como o 30% máis pobre da poboación. Pero esta concentración da riqueza en poucas mans non revierte en beneficio da poboación (desmentindo a hilarante “teoría do derramo” defendida polos neocom): Os ricos levan o diñeiro fóra, non cotizan nin invisten no país: as sociedades dos altos patrimonios prefiren a Bolsa sobre a renda fixa, e as accións estranxeiras fronte ás españolas.

Este reducido grupo de ricos rentistas e xogadores do casino da especulación universal provocan un gran sufrimento a millóns de persoas, danadas pola súa inmensa avaricia. Están afectados pola síndrome de Dióxenes (nunca cesan no seu afán de acaparar), e pola síndrome da invulnerabilidade (na súa inmensa insensatez, chegan a pensar que mesmo poden esquivar a morte). Botín exclamaba enfático, dous meses antes de morrer: “Chéganos diñeiro, moito diñeiro: entran cartos por todos os lados”. Esas inmensas cantidades de diñeiro inútil (agochado, furtado aos poderes públicos e ao beneficio colectivo) poderían evitar moito sufrimento, moita enfermidade e miles e miles de mortes prematuras. Pero non existe esa vontade. As organizacións facciosas que gobernan o mundo non teñen o menor desexo de cambiar o rumbo. Ruiz-Gallardón, o que foi ministro de Xustiza con Rajoy, afirmou que “gobernar é repartir dor”. O inversionista americano Warren Buffett (a terceira fortuna mundial segundo a revista Forbes) dixo: “Hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos”. Todo o demais son danos colaterais. Todos os demais somos individuos prescindibles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.