Nin os nomes, nin as siglas son o importante

Na actualidade, estanse a configurar numerosos procesos e candidaturas municipais, tamén se están a reconfigurar os significantes no plano político e social, debido a consolidación desa chamada nova cultura política que leva anos desenvolvéndose nas rúas e prazas, nos movementos sociais e nos diferentes espazos de participación, reforzados polo ciclo 15M ou xurdidos a partir do mesmo. Aparecen así dous conceptos claves, como son: confluencia e ruptura que agroman moitas ideas que, penso, deben ser explicitadas.

Cando se fala de confluencia, en realidade estase a falar de unidade popular

Cando se fala de confluencia, en realidade estase a falar de unidade popular. Trátase dun concepto que se refire aos procesos que buscan construír espazos nos que as diferentes sensibilidades e identidades políticas que procuran acadar a xustiza social poidan sentirse cómodas e traballar en base ao moito que nos une. Porque se estamos xunt@s nas rúas para paralizar un desafiuzamento, ou denunciar o roubo das preferentes, ou para deter o peche dunha fábrica, ou berrar ben alto nunca máis, ou defender os dereitos das maiorías sociais, deberiamos ser quen de construír esa unidade, esa solidariedade, esa confianza, en definitiva, esa confluencia tamén no plano da loita institucional.

As cuestións persoais, as desconfianzas, os cálculos electorais ou o reparto de cotas de representatividade non achegan nada a estes procesos que procuran loitar, tamén no plano electoral, para defender as maiorías sociais agredidas

Penso que son tempos de oportunidades, máis tamén de responsabilidade, de experimentación e de indagación. Penso que o tempo de medir as posturas ideolóxicas, deporte favorito das chamadas esquerdas, pasou ou non serve para o momento actual. Resta máis que achega, e sobre todo, demostra unha falla de madurez política e de responsabilidade que pode desembocar en novas décadas de miseria neoliberal. Os nomes e as siglas non son importantes para a confluencia. As cuestións persoais, as desconfianzas, os cálculos electorais ou o reparto de cotas de representatividade non achegan nada a estes procesos que procuran loitar, tamén no plano electoral, para defender as maiorías sociais agredidas pola crise-estafa dos últimos tempos.

Para a confluencia é fundamental dotarse de ferramentas participativas e transparentes, dunha metodoloxía e dun código común para favorecer o camiñar preguntando e o “gobernar” obedecendo

Para a confluencia é fundamental dotarse de ferramentas participativas e transparentes, dunha metodoloxía e dun código común para favorecer o camiñar preguntando e o “gobernar” obedecendo. Convén deixar atrás posicións maximalistas e construír en base a obxectivos concretos de transformación, repito, sobre principios éticos comúns e mediante procesos de participación amplos, que respondan aos diferentes ritmos e niveis que podemos aportar segundo a nosa dispoñibilidade. Procesos que promovan a rendición de contas e a cooperación na xestión, e non só, dos asuntos públicos. En definitiva, ir rachando a lóxica representativa e competitiva ademais de ir ampliando, aos poucos, outra lóxica colectiva e cooperativa que xa leva anos desenvolvéndose nas rúas e nos movementos sociais.

Outro elemento definitorio da confluencia é o liderado cidadán, estes procesos de unidade popular non poden ser unha suma ou sopa de siglas

Outro elemento definitorio da confluencia é o liderado cidadán, estes procesos de unidade popular non poden ser unha suma ou sopa de siglas, non deberían estar contaminadas por lóxicas partidistas, partidarias ou individuais no que o único importante son os egos ou as cuestións e intereses particulares. A confluencia para ser tal, ten que estar en mans da xente, das persoas organizadas e non organizadas, do que se ven chamando cidadanía, tamén daquelas consideras ilegais polas inxustas leis migratorias, de organizacións sociais e políticas que xa leven anos funcionando en base as lóxicas cooperativas e participativas. Nas que as persoas e os liderados, sexan quen de traballar para o conxunto, sexan quen de promover outros tipos de prácticas políticas, máis horizontais e transparentes, onde a defensa dos dereitos das persoas e do entorno sexan o fundamental. Por iso, que na confluencia os nomes e as siglas non importan, porque temos claro que non podemos permitir que nos goberne o bipartidismo ou que este se reformule nun “gatopardismo” xa coñecido. Deberiamos ser capaces de dotarnos de marcos metodolóxicos e programáticos comúns, honestos, transparentes, que posibiliten atinxir obxectivos concretos e resolver cuestións que requiren de certa urxencia. Alén de seguir camiñando na tarefa permanente de construír democracia dende abaixo, de xeito colectivo e autónomo.

Neste aspecto, por moitas eleccións que se gañen ou por moitas institucións que se gobernen, é necesario ter claro que o cambio ten que ser moito máis profundo. A crise deixou claro que nos atopamos ante un modelo de sociedade,  de desenvolvemento e de economía enfermo. Para mudalo son necesarias estratexias profundas e xenerosas, prácticas radicais e responsábeis na realidade actual, que permitan rachar coas lóxicas que nos trouxeron ata aquí ademais de resolver os problemas diarios das moitas persoas en situación de exclusión e precariedade. As referidas lóxicas non só funcionan nos mercados, nos estados ou nos media senón que tamén se reproducen nas nosas cabezas. Por iso é clave o concepto de ruptura, pois faise necesario marcar o inicio dun tempo novo, onde non se desbote todo o anterior e aproveitemos as experiencias e capacidades acumuladas durante este tempo, pero que si promova un cambio radical en todos os planos da nosa vida, individual e colectiva, para rematar coa lóxica vixente.

É clave o concepto de ruptura, pois faise necesario marcar o inicio dun tempo novo, onde non se desbote todo o anterior, pero que si promova un cambio radical en todos os planos da nosa vida

En definitiva, rachar co chamado réxime do 78, e non só, rachar tamén coa lóxica mercantilista e de explotación, coa lóxica racista e patriarcal, coa lóxica da dependencia e do colonialismo, son tarefas de longo percorrido e de moita envergadura, pois haberá moitas e poderosas resistencias. Polo tanto, precisamos de moitos esforzos, ilusións e ideas que teñen que xurdir das bases sociais en procesos de confluencia rupturista, con xenerosidade, honestidade e radicalidade democrática, nos que os partidos asuman o liderado cidadán, complementando e acompañando, non tutelando, os referidos procesos. En definitiva, trátase de interiorizar unha máxima "nós procuramos a transformación, non o protagonismo do cambio", entón, a quen lle importan os nomes ou as siglas?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.