Salvarmos a nosa lingua

O galego sofre dun desprestixio histórico como consecuencia de sometementos que veñen acontecendo durante máis da metade da súa milenaria historia e que, máis recentemente, vén estando asociado á carencia dunha burguesía nacional que o defendese. Para a xestión desta situación precisamos ter presente a compoñente resultante de autoodio, que constitúe unha diferenza significativa cos casos do catalán e o éuscaro.

As claves da situación actual insírense na perspectiva do consenso político acadado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 (nos derradeiros folgos de Manuel Fraga como presidente), cuxo tímido seguimento por parte do chamado Goberno Bipartito foi empregado como arma electoral polo actual Presidente, Alberto Núñez. Un dos marcos comunicativos máis eficaces desa campaña foi o da "imposición del gallego", que consistiu fundamentalmente nunha denuncia do emprego do galego no ESO, en suposto detrimento do castelán. O Goberno resultante daquela campaña electoral di garantir o dereito á escolla a través dunha enquisa dirixida @s representantes legais do alumnado no inicio de cada curso.

Alberto Núñez insiste en estar a aplicar unha solución salomónica a un conflito (suposta equidade entre galego e castelán) cando na realidade o que fai é despoxar o galego de ferramentas de supervivencia

Alberto Núñez insiste en estar a aplicar unha solución salomónica a un conflito (suposta equidade entre galego e castelán) cando na realidade o que fai é despoxar o galego de ferramentas de supervivencia, como proban a severa amoestación do Consello de Europa e o flagrante incumprimento da Carta Europea das Linguas, voluntariamente asinada por España con José María Aznar na presidencia. Na actualidade, non só a liberdade de escolla lingüística está seriamente comprometida no noso país por mor dos prexuízos sociais, senón que a supervivencia mesma do galego periga a curto prazo pola progresiva perda de capacidades lingüísticas das xeracións máis novas.

É daquela necesario preservar a diversidade a través das ferramentas científicas que permitan que as culturas menos representadas perpetúen a súa orixinalidade no tempo

Propoñemos aquí transcender a este paradigma de conflito apelando á ecuanimidade e botando man dos consensos internacionais sobre diversidade cultural acadados dende unha perspectiva científica (en particular, antropolóxica). A diversidade cultural é intrínseca á humanidade mesma. A civilización mundial non pode ser outra cousa que unha coalición que permita intercambios entre culturas sen comprometer a súa orixinalidade, xa que se unha cultura se confundise coas veciñas perdería a xenerosidade das súas potenciais achegas cara a elas. É daquela necesario preservar a diversidade a través das ferramentas científicas que permitan que as culturas menos representadas perpetúen a súa orixinalidade no tempo.

Nun contexto social no que a aprendizaxe do castelán está totalmente garantida, a inmersión en galego é unha prescrición científica (sociolingüística) necesaria para que a escolla da nosa lingua sexa un dereito

En definitiva, a clave da convivencia entre culturas repousa en asumirmos a tolerancia activa como necesidade. Poderíase por exemplo pretender que un grupo de nais e pais de alumn@s de ESO reclamen o dereito a rexeitar a obrigatoriedade da inmersión lingüística dende posicións dunha suposta tolerancia pasiva (que non neguen a súa aplicación ó resto do alumnado). Porén, nun contexto social no que a aprendizaxe do castelán está totalmente garantida, a inmersión en galego é unha prescrición científica (sociolingüística) necesaria para que a escolla da nosa lingua sexa un dereito. Ó rexeitaren a tolerancia activa á inmersión, acusándoa de imposición, estarían a incorrer (de xeito consciente ou inconsciente) nunha actitude que o consenso internacional sobre diversidade cultural caracteriza como racista.

O necesario retorno de Galiza ó marco teórico do consenso lingüístico de 2004 farase posíbel a través de deslexitimarmos os axentes que foron introducidos para tirar proveito político dun conflito artificial

O necesario retorno de Galiza ó marco teórico do consenso lingüístico de 2004 farase posíbel a través de deslexitimarmos os axentes que foron introducidos para tirar proveito político dun conflito artificial. Deste xeito, a pervivencia da nosa lingua será o logro dunha cidadanía que (independentemente da escolla de uso que cada quen faga entre os dous idiomas oficiais na nosa Comunidade Autónoma) se confabule para garantir a presenza do galego en ámbitos tan importantes como o ensino obrigatorio e a función pública.

Claro que Podemos Galicia acode á manifestación pola lingua do 8 de febreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.