0 Gardados para despois

Xaime Subiela

Lingua democrática do meu pobo

Polas fillas dos nosos fillos, nun país onde as criaturas escasean temos que manifestarnos polas nosas netas, non queda outra. Desta vez nin estamos en guerra, nin parece que esteamos reflexionando moito. Sabemos que a cousa vai mal, que hai uns culpables moi culpables pero non temos moita idea de como facerlles fronte nin que facer para cambiar as cousas. A verdade é que eu son pai de dúas fillas e non teño claro que lles falarán aos seus descendentes. Polo pronto a pequena de 7 anos di que non quere ter fillos, tamén me di que non debo preocuparme, xa lle recomendou á súa irmá maior ir buscar un á 'protectora', claro, se cadra aí no do galego xa non hai garantía. É evidente que a lingua que falen vai ser a que queiran falar, terá que ver co seu coñecemento, cos contextos, esixencias, incentivos, expectativas... pero o central vai ser a súa vontade. A min gustaríame que falasen o meu idioma e é o único que senten na casa, mais quero que falen o que queiran falar.

Liberdade impostada

Nos últimos anos asistimos a unha perversión, os axentes contrarios ao galego apropiáronse da idea da liberdade, asentando o discurso da imposición nunha parte importante da sociedade. Non significa que a maioría da sociedade sexa contraria ao galego, nin moito menos, pero si que o activismo e as políticas de promoción se observan con prevención. Foron capaces de 'enmarcar' o debate no seu terreo: a liberdade, a democracia, que a xente elixa e faga o que queira. E no mesmo movemento connotan como imposición a normalización lingüística, algo que violenta a normal situación das cousas, e incluso se proxecta unha sombra de fanatismo sobre esa xente que vai co idioma por diante a todas horas, o galego está ben, pero tanto tanto...

Nos últimos anos asistimos a unha perversión, os axentes contrarios ao galego apropiáronse da idea da liberdade

É moi inxusto, o mundo ao revés, o que queirades, o certo é que nos teñen enmarcados desde unha posición socialmente minoritaria. Houbo tempos onde o discurso normalizador foi hexemónico, especialmente no espazo público, na cultura ou no ensino, outra cousa é que se falase máis ou menos, pero había unha aceptación pasiva na conveniencia de promovelo. Isto non quebrou de todo, pero agora estamos á defensiva. Pódese argüír que se aceptaba o discurso e as políticas xusto pola súa irrelevancia, por inocuas, eu non o penso. O galego é unha lingua apreciada pola sociedade, unha grande maioría cidadá queremos galego, outra cousa é a valoración da acción social e as políticas vitalizadoras do noso idioma, uns por impositivas e outras por incapaces de reverter o proceso de substitución lingüística.

O caso é que levamos moito tempo á defensiva, e agora nin sequera ten épica a resistencia, estamos aguantando por que non sabemos ben que facer, hai quen se atrincheira en Medulios ou quen se abandona á desesperada, o que non hai é moito quen innove e explore novos -ou vellos- camiños. Poucas cousas hai tan tristes nos debates lingüísticos que ver as/os valedores/as do galego adoptar como argumento principal: que se cumpra a lei. Eu concordo con Rousseau no valor republicano do cumprimento da lei, as boas leis como instrumento de cambio e de integración. Claro que hai que cumprir a lei, pero neste caso semella máis ben reducir os argumentos á autoridade, é así e punto. Igual é por cansazo e por simplicidade, mais ten un aire coa xente que bota man da Constitución para negar o dereito a decidir. No fondo desprendese certa idea de que a xente non o quere, que os responsables públicos deben facer valer un interese xeral contrario á vontade maioritaria. Eu non o creo, penso que unha grande maioría cidadá queremos galego, e por iso a democracia debe inundar as nosas propostas, non terlle medo á xente. Para iso a normalización non pode percibirse como unha prédica de 'los pesados del gallego' e debe ser un diálogo e construción en común, é máis que ter bos argumentos, é ter unha actitude democratizadora con vontade hexemónica, con moitas resistencias pero con ambición maioritaria. Xa sei unha cousa é dicilo e outra ser capaces.

Poucas cousas hai tan tristes nos debates lingüísticos que ver as/os valedores/as do galego adoptar como argumento principal: que se cumpra a lei

Temos algunhas certezas contraditorias. Os actuais gobernantes da Xunta están sendo letais para a lingua galega, non só polas súas políticas e non-políticas, o problema principal foi a lexitimación tácita do discurso contrario e como promoveu a confrontación lingüística civil. Os responsables do PP actuaron como bombeiros pirómanos alentando o que debían evitar, e situando o debate nos termos da liberdade-democracia vs imposición-fanatismo. Tampouco esta perdida a batalla discursiva, agora ben, algunhas palabras e accións xa parecen inútiles para revitalizar o noso idioma. Insisto que este ámbito é o central, supoño que eu podería falar moito dos datos da evolución, da avaliación das políticas ou das dinámicas sociais arredor das linguas; mais estou persuadido que mudar a tendencia ten que ver coa moral, enchernos de razóns anovadas para gañar a batalla discursiva, acadar a hexemonía significa que as ideas favorables se convertan nun novo sentido común.

Cenizos vs incautos

Agora o ideario normalizador semella encerrado nun dilema irresoluble: cenizos vs incautos. Pesimismo derrotista ou volutarismo inxenuo. Por un lado está a xente que insiste en que o galego morre, confiando que o alarmismo sexa un revulsivo de cambio. Ou ben a xente que di que se fai o que se pode facer, que o galego está moito mellor que hai anos, queda moito por mellorar pero deberá facerse sen forzar a situación, paseniño, para que non se volva contra o propio idioma. Algo de razón ten todo o mundo por suposto, agora ben, temos que rescatar o debate deste punto morto. Evitar a profecía de autocumprimento do galego, se o idioma está morrendo quen vai ter interese en falalo; evitar ao tempo a idea de que non cabe unha outra actuación sen rexeitamento social, só unha sorte de homeopatía para situacións crónicas que acaba converténdose en placebo. O efecto placebo pode ser importante nun momento de hexemonía discursiva, producindo efectos positivos alén das accións concretas. Quero dicir, algunhas accións que hai uns anos podían ter sentido, se cadra hoxe son absurdas, unha vez coñecida a carencia de principio activo. Mesmo pode instaurarse certo efecto nocebo, se non cres no tratamento e desenvolves unha actitude negativa cara o mesmo: empeoran os síntomas.

Non comparto a idea que todo o feito ata o momento na promoción do galego fose un desastre,  agora ben, hai moitos anos que está esgotado e que deberíamos andar a outra cousa

Non comparto a idea que todo o feito ata o momento na promoción do galego fose un desastre,  agora ben, hai moitos anos que está esgotado e que deberíamos andar a outra cousa. Fomos perdendo forza e hoxe boa parte da normalización é entropía, enerxía incapaz de realizar traballo útil. Non creo que o galego morra, depende de nós, pero si que a política e o discurso normalizador está en vía morta. 

Apagar o facho e prender as luces

Un dos retos é mudar a concepción do galego como algo a preservar e pasar a comprendelo como algo valioso para a xente que o fala. A idea de manter o facho prendido presupón unha concepción marxinal do ideario propio, un tesouro que hai que resgardar agardando tempos mellores. Por suposto que é importante a idea de comunidade lingüística que transcende o presente, o vínculo do pasado co futuro, avós e netas. O que quero dicir é que non debemos operar como unha seita do ben, unha especie de contra-sociedade que ten como tarefa a preservación dun legado. Eu case penso que era mellor apagar o facho e prender as luces. Non dar por sentado que somos minoría, eu síntome maioría. Claro que temos un tesouro, pero témolo como sociedade, un ben común que debemos manter e desenvolver por que é valioso para quen o fala e para quen non, no presente e no futuro. Debemos socializar o debate sobre as linguas e non reducilo aos convencidos, iso si, saber como abordalo con novo ánimo.

Recentemente a AGAL falaba dun New Deal para o galego, un novo pacto. Estou convencido de que é moi necesario, e non só pola dimensión internacional do idioma, que tamén

Recentemente a AGAL falaba dun New Deal para o galego, un novo pacto. Estou convencido de que é moi necesario, e non só pola dimensión internacional do idioma, que tamén. Eu participei no desexado Plan Xeral de Normalización Lingüística, e penso que conten algunhas bases para acadar un consenso positivo, ten valor polo seu contido, pola súa intención e polo efecto demostrativo: si se pode. En todo caso, o novo trato debe partir de ideas que nos permitan levantar a vista, mirar o horizonte con esperanza. Non aguantar, ir alén dun consenso de contención.

Labrar un novo pacto non vai ser fácil, e menos nestes tempos, pero temos que ir abrindo o debate das novas -e vellas- ideas con ambición de hexemonía. Para iso é importante situar as persoas e a súa vontade no centro da reflexión, queremos decidir todo. O enfoque non debe reducirse á preservación dun legado senón o valor que ten para min. Por suposto que non é un simple útil comunicativo, a dimensión emotiva, o valor comunitario, o sentirse parte ten grande valor, ou mesmo a defensa ecolóxica da diversidade. Vexamos se hai vimbios para unha nova ilusión.

Un novo sentido común

Non é fácil atopar ideas compartidas e ilusionantes, algunhas chocan coa traxectoria propia e outras son palabras secuestradas polos contrarios ao galego. En todo caso penso que non lle podemos entregar aos adversarios as palabras que a xente valora, hai que resignificalas para articular o discurso da vitalización do galego co sentir cidadán maioritario. Unha idea é rescatar o multilingüismo como un valor que aumenta as capacidades e as oportunidades en canto persoas e comunidade; somos os galego-falantes quen promovemos unha sociedade multilingüe oposta a unha sociedade monolingüe en castelán que promoven, activa ou pasivamente, os detractores do galego. Por outra parte demandamos igualdade, ou por dicilo en palabras de van Parijs, liberdade real para todos e todas, é dicir, a necesidade de accións afirmativas para que o falante de calquera idioma poida desenvolver os seus dereitos, o que se contrapón a unha consideración equivalente das dúas linguas reprodutora das desigualdades. Xa incidín na idea do galego ben común, e o seu valor para a comunidade, non só para os galego-falantes, o que elude a consideración como unha loita entre comunidades lingüísticas.

Somos os galego-falantes quen promovemos unha sociedade multilingüe oposta a unha sociedade monolingüe en castelán que promoven, activa ou pasivamente, os detractores do galego

Outras ideas delicadas son necesarias para levantar un new deal sobre bases compartidas amplas. Evitar a formulación da relación co español como un xogo de suma cero, o que gaña un pérdeo o outro, eu creo que certo rexeitamento cara ao galego asenta no prexuízo absurdo de que máis galego nos pecha as oportunidades do castelán, é importante neutralizar estes medos. Por último, temos que abrazarnos a Brasil, creo que hai que reler o multilingüísmo en clave internacional, non necesariamente para ser menos españois senón para termos máis oportunidades no mundo, dispoñer de máis recursos e máis vínculos. Por suposto que hai reforzar vencellos con Portugal, pero debemos superar os prexuízos respecto da veciñanza do sur así como a dificultade na comprensión comunicativas abrindo o campo. Digo o do Brasil por que simboliza ampliar oportunidades, e comprender que o galego-portugués non é unha lingua menor europea, mais unha lingua maior mundial. Estas ideas son de sentido común, é dicir, permiten construír un novo sentido común. Seguramente compren outras e mellores ideas, o que non alcanzo a entender é que no momento no que todo se move non sexamos quen de repensarnos. Na construción da hexemonía entender o galego como idioma do pobo é susceptible de encherse de moitos significados; eu, desde logo, quero que o pobo sexa quen máis ordene e que o galego sexa a lingua democrática do meu pobo. Tamén aquí se pode.

Acerca de Xaime Subiela

Xaime Subiela naceu en Chantada, vive en Ames e ten dúas fillas. Politólogo, traballa como investigador social e consultor público en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento urbano e coa cultura. É concelleiro de @AmesNovo e foi candidato @En_Marea. O seu labor profesional e escritos pódense consultar no blog https://xaimesubiela.wordpress.com/