Unha lingua de pobres, pailáns e bloqueiros

Publicidade
Publicidade

Logo de 35 anos do actual sistema monárquico parlamentario e no que se atinxe a Galiza, o BNG xa é considerado un partido da “casta”. Aos bloqueiros pódenos gustar máis ou menos que así nos consideren; eu diría que máis ben menos, xa que ingresamos no sistema “por imperativo legal” e sen acordar cos principios xerais do movemento, pero coa esperanza de traballar pola causa nacionalista dende o interior das institucións. Dende o comezo da súa andaina, o BNG fixo da lingua o seu estandarte e paseou o pendón en tódalas procesións. E fíxoo con tanta ansia e determinación que conseguiu inserir nos miolos da xente a imaxe de parella única, eterna e indisoluble: BNG e Lingua Galega; ou Lingua Galega e BNG, que tanto monta monta tanto. Póñovos un exemplo: Xosé Crespo, o alcalde de Lalín, subiu ao seu feisbu un artigo meu en Praza coa seguinte introdución: “Chamoume a atención este comentario, na revista dixital do BNG Praza Pública do Concelleiro do BNG José Luís Sucasas ....” Como Praza utiliza o galego, daquela é unha revista do BNG, debeu ser o seu razoamento municipal. E ollo, Crespo é do PP e galegofalante, dou fe.

Como Praza utiliza o galego, daquela é unha revista do BNG, debeu ser o seu razoamento municipal. E ollo, Crespo é do PP e galegofalante, dou fe

Pero podía o BNG ser menos belixerante no asunto da lingua? Penso que non. Podería facelo doutro xeito, pero levaba a lingua no seu ADN e non lle quedaba outra que loitar por ela, aínda coa súa propia vida.  Como partido nacionalista debía poñer por diante os sinais de identidade, e se hai un sinal de identidade por riba de todos, ese é a lingua propia. Así o recoñece o Estatuto do 81 (artigo 5.1: “A lingua propia de Galicia é o galego”), redactado e aprobado por xente que non era do BNG, que aínda non nacera. Errou, logo, no xeito de defendela? Se cadra, si, pero é moi doado falar da feira unha vez rematada. O caso é que, a día de hoxe, a identificación bng=galego está xa no imaxinario da xente, coma pode estalo que 2+2=4 ou que as andoriñas chegan na primavera. E como corolario da igualdade, a súa propiedade conmutativa: Un bloqueiro é unha persoa que fala galego, e o galego é a lingua que falan os bloqueiros. Outro estigma que engadir á lingua de pobres e pailáns.

Agora veñen as preguntas. Esta identificación automática coa lingua, inserida xa no subconsciente colectivo, é boa para o BNG? Penso que non. O BNG tivo e ten votantes que non son galego-falantes, ou só o falan de cando en vez, pero iso non empece que o sintan como propio e que non o desprezan. E pola contra, o PP e mailo PSOE teñen milleiros de votantes que si son galego-falantes, e  moitos deles monolingües; e outro tanto acontece en IU e nas mareas de aquí e acolá. Mais aínda, penso que os rivais políticos aplauden coas orellas que o BNG faga causa xeral da defensa da lingua, xa que así eles poden coller peixes sen mollar os pes. O PP e  mailo PSOE, partidos sistémicos por excelencia, saben que o galego é a lingua propia de Galicia e así o proclama o Estatuto, que é peza fundamental do sistema que eles defenden. Pero claro, se alguén se ofrece voluntario e ás carreiras a pelexar contra os que o aldraxan ou fan de menos, eles encantados. Como se se matan, pensarán eles.

Os rivais políticos aplauden coas orellas que o BNG faga causa xeral da defensa da lingua, xa que así eles poden coller peixes sen mollar os pes

E outra pregunta, aínda mais importante. Esta identificación BNG-Galego é boa para o galego? Pois penso que tampouco. E se tivera que estar xunguido -que non ten por que nin debería- a algún partido político, sería preferible que o estivera ao PP, como partido hexemónico na terra; ou ao PSOE, segundo na hexemonía, pero non ao BNG, un partido que nos intres de mais gloria acadou o apoio do 25 por cen do electorado. Ademais, identificando o idioma a unha opción política concreta, corremos o risco de que a xente non simpatizante desa opción remate trasladando a súa antipatía tamén ao idioma. E penso que, do que é mal, esa situación xa se ten dado e estase a dar hoxe en día. O BNG debería ir afrouxando as correas que o xonguen ao galego, e darlle a entender ás demais forzas políticas que o idioma non é unha teima particular súa, que o defendemos e respectamos todos ou rachamos a baralla (Reforma ou supresión do artigo 5 do Estatuto). Si, é un envite arriscado, con cheiro a farol descomunal; pero dada a situación do galego e maila do propio BNG, se cadra chegou a hora poñer o resto riba da mesa e que sexa o que Deus queira, que sempre é.

O BNG debería ir afrouxando as correas que o xonguen ao galego, e darlle a entender ás demais forzas políticas que o idioma non é unha teima particular súa

A lingua, coma calquera outro patrimonio común, non debería identificarse con ningún partido en particular. Casamos a Catedral de Santiago con algún partido? E a Gran Muralla de Lugo? Non, defendémolas todos como patrimonio noso e común. Por que non así a lingua? Acaso non vale por cen murallas e cincocentas catedrais, que no fondo, non deixan de ser un morico de pedras colocadas con gusto?

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.