O xogo da galiña entre Alemaña e Grecia

Desde que Syriza chegou ao poder estamos a asistir ao que se coñece en teoría económica como o xogo da galiña entre Grecia e Alemaña. Este xogo refírese a unha situación na que dous actores non ceden nas súas posicións negociadoras até o último instante, coa esperanza de que o outro vaia a ceder xusto antes de que finalice a negociación ben sexa porque acaba o tempo ou porque xa non hai máis recursos para negociar. No mundo empresarial esta é unha práctica común. Cando os empresarios europeos visitan China para negociar un contrato, os seus anfitrións adoitan alongar as negociacións até o día de regreso da delegación europea (que normalmente xa ten os seus billetes de volta sacados) para conseguir un acordo máis favorable.

Ou Varoufakis e Schäuble ceden, ou só cede un deles ou non cede ningún e Grecia sairía do euro

A imaxe que se adoita utilizar para este tipo de xogo é a de dous coches que marchan un contra o outro ou que van cara a un precipicio. A do precipicio quizais sexa a máis indicada para describir o que vén pasando na zona euro desde o comezo da crise aló por 2008, xa que os líderes europeos tomaron medidas correctivas só cando viron o precipicio aos seus pés. Neste caso, os que están sentados nos dous coches son os ministros de finanzas grego e alemán, Yanis Varoufakis, e Wolfgang Schäuble, e as posibilidades do xogo son catro: 1) que os dous fagan a galiña, é dicir, que os dous cedan nas súas posicións antes de chegar ao precipicio; 2) que só ceda Varoufakis; 3) que só ceda Schäuble, ó 4) que non ceda ningún dos dous, o que significaría Grexit (a saída de Grecia da zona euro).

O xogo non é apto para espectadores con problemas cardíacos porque os dous condutores son de sangue frío. Schäuble ten 72 anos, está curtido en mil batallas políticas en Alemaña e Europa, mesmo superou un atentado contra a súa persoa, e aínda que desde aquela quedou en cadeira de rodas é dos negociadores máis duros que hai en Europa. Varoufakis é un experto en teorías de xogos, a súa complexión física impón, e é un dos economistas máis intelixentes e mediáticos que produciu Grecia nos últimos anos. Varoufakis ten 53 anos, case 20 anos menos que Schäuble, e ademais nunca tivo un posto político, así que estamos nunha competición onde se enfrontan a mocidade e o coñecemento teórico heleno fronte á madurez e a experiencia práctica teutoa.

Para gañar o xogo, os dousu saben que teñen que convencer o outro de que están dispostos ao Grexit, aínda que ningún o queira realmente

Para gañar este xogo os dous saben que teñen que convencer o outro de que están dispostos a chegar a Grexit (aínda que realmente ningún dos dous o queira). Os espectadores intelixentes (e isto é unha mensaxe para os mercados) deberían ter isto en mente se non queren padecer un ataque de nervios. Isto explica que o goberno alemán filtrase á prensa a mensaxe de que xa non estamos no 2012 e que Grexit sería perfectamente absorbido polos colchóns institucionais que se crearon desde entón (ESM, OMT, QE etc.). A proposta de máximos (e pouco realista) de reestruturar a débeda nun 50% lanzada por Syriza tamén hai que interpretala baixo esta lóxica.

Varoufakis sabe que nesta partida de poker (outra figura que se utiliza para explicar o xogo da galiña) a carta máis poderosa que ten é a de Grexit. Isto é así porque todo o mundo con sentido común en Bruxelas, Frankfurt e Berlín sabe que Grexit sería un desastre para a zona euro. Demostraría que a unión monetaria europea foi un erro, que o euro xa non é irreversible e que cabe a posibilidade de que saian máis países. Os especuladores na City de Londres apuntarían os seus canóns directamente a Portugal, o seguinte elo máis débil da cadea. Ademais, e isto é importante, xeopoliticamente Grexit sería aínda máis tóxico. Os problemas de Grecia (a falta de competitividade e unha administración incompetente e corrupta) non van desaparecer coa saída do euro. Ao contrario, unha Grecia rexeitada por Europa e malferida lanzaríase aos brazos de Rusia e crearía un novo quebradizo de cabeza nos Balcáns para a Unión Europea.

Unha Grecia rexeitada por Europa e malferida lanzaríase aos brazos de Rusia e crearín un novo problema para a UE

Moitos analistas cren que a posición de Varoufakis é débil porque a ameaza de Grexit non é crible (e por tanto non asusta a Schäuble). Máis do 70% dos gregos non queren saír do euro, así que é moi difícil que Syriza force tanto a súa posición negociadora até chegar a ese extremo. Sería unha traizón á vontade do poboo soberano grego. A baza por tanto de Schäuble é a de esperar a que o cidadán grego vote co seu peto. É dicir, que empece a sacar os seus aforros dos bancos por temor ao Grexit e que iso ao final force a Varoufakis a ceder. A xogada é maquiavélica, pero ten sentido desde o prisma do xogo da galiña.

O lóxico e sensato é que se deixen de xogos perigosos e busquen unha solución política ao que é un problema político

Ao final todo vai estar en mans do árbitro da carreira: o Banco Central Europeo (BCE). Os bancos gregos van poder proporcionar a liquidez necesaria (é dicir, euros nos caixeiros) aos depositarios gregos mentres o BCE faga o mesmo con eles. Se o BCE cánsase da chantaxe grega e pecha a billa, Grexit sería inminente. Pero mesmo nese escenario, certamente dramático, Tsipras, o primeiro ministro grego, tería unha última carta. Convocar de inmediato un referendo sobre a permanencia ou non no euro. O resultado sería contundente. Seguro que a gran maioría dos gregos votarían a favor da permanencia. Que faría entón Draghi? E Juncker? Que faría Merkel, a xefa de Schäuble? Botarían a Grecia do euro contra a vontade democrática do pobo grego? Non. O lóxico, e sensato, sería que se deixasen de xogos perigosos e tentasen buscar unha solución política ao que é un problema político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.