Rajoy debe estar a se partir de risa ante o espectáculo da esquerda madrileña metida nunha Turmix. Algún día haberá que parar a analizar a especificidade desa cidade para comprendela e comprender o dominio ideolóxico da dereita alí e desde alí. E para comprender a debilidade e as contradicións da esquerda madrileña e española.
No centro da Turmix está Podemos. É, xunto coa crise, causante de que PSOE e IU aparezan como fórmulas caducadas, corpos anquilosados dos que se alimenta para crecer
Alí o PSOE está nunha vertixe imprevisible. O discurso súper radical é ruidoso na Rede e parece ocupar máis espazo do que realmente ocupa na sociedade; con todo, o partido socialista xogou un papel moi importante na sociedade española e non vai desaparecer da noite para a mañá. Dentro segue habendo persoas sinceras que cren que é unha ferramenta para mellorar as cousas, que aínda pode atopar un rumbo e unha dirección. A IU ocórrelle algo parecido, a crise xubilou toda unha época e leva moitas cousas, pero quen levan moitos anos militando nas causas sociais senten como unha gran inxustiza que se lles pretenda xubilar inesperadamente. E é que, ademais de cruel, é unha perda absurda.
E no centro da Turmix está Podemos. É, xunto coa crise, causante de que PSOE e IU aparezan como fórmulas caducadas, corpos anquilosados dos que se alimenta para crecer. Tamén Podemos se atopa nun momento moi delicado da súa evolución desde ninfa a bolboreta. Das varias fontes que alimentan a Podemos unha estase secando: a fonte da pureza, a de quen non teñen pasado. A operación contra ese partido que poderiamos chamar operación Monedero pretendeu precisamente demostrar que tamén teñen pasado e que é un pasado moi común e parecido ao doutros partidos.
O que fixo Montoro é un delito gravísimo e é a aniquilación moral dun cidadán por un estado totalitario, non se pode comparar iso coas operacións nas que se viu envolvido o dirixente Monedero
Estes días comparouse insistentemente as operacións mercantís de Juan Carlos Monedero co que lle fixo a el o ministro Montoro e esa comparación é unha verdadeira monstruosidade. O que fixo Montoro é un delito gravísimo e é a aniquilación moral dun cidadán por un estado totalitario, non se pode comparar iso coas operacións nas que se viu envolvido o dirixente Monedero.
En que se viu envolto? No que ten todas as trazas de ser o que poderiamos chamar "a acumulación orixinaria de capital" para fundar un partido. Hai unha gran hipocrisía no modo en que se trata ese tema, queren que esquezamos como se financiaron os partidos estatais no seu momento inicial. AP, daquela PP, fíxoo inicialmente co diñeiro de supostos contrabandistas, o PSOE fíxoo con diñeiro da Internacional Socialista, como revelou o caso Flick, e o PCE fíxoo presuntamente con diñeiro da URSS e doutros países do bloque soviético. Cada un, agora Podemos, sacou o diñeiro de onde puido.
Hai unha gran hipocrisía no modo en que se trata ese tema, queren que esquezamos como se financiaron os partidos estatais no seu momento inicial
Condicionou ese diñeiro inicial a política que a continuación realizaron eses partidos? Nese caso debería ser recoñecido ese financiamento? Ata que punto é lícito para un partido democrático e para un partido progresista conseguir diñeiro desoutros modos no canto de financiarse unicamente polos afiliados? É discutible e esa discutibilidade leva á relación entre ética e política con todos os seus dilemas. Felipe González poida que fose o gran creador, para ben e para mal, da cultura política española actual e lembrounos no seu día ese conflito que tan ben explicou Max Weber. A ética é unha cousa e a política outra, aínda que estean relacionadas máis ou menos directamente.
Agora Podemos é un partido e, por iso, o seu funcionamento interno esperta críticas coma noutros partidos e, tamén por iso, vese obrigado a dar conta dos seus diñeiros
Poderíase dicir que a ética estivo nas mobilizacións cívicas que contestaron á política antisocial que impuxo a troika e aquí xestionaron dous gobernos, cada un á súa maneira. A ética está na crítica á política ao servizo dunha minoría e na crítica á corrupción, que se estendeu aos partidos de esquerda que ocuparon máis ou menos poder. Por así dicir, a ética estivo nese 15-M que foi a explosión inicial que catalizou e expresou o descontento social.
En diante Podemos terá que centrarse en facer política nun campo onde os seus adversarios o teñen máis fácil, pois están afeitos ao práctico e concreto
Podemos remítese a ese movemento social de crítica, un movemento que alimentou a varios grupos ata que o grupo liderado por Pablo Iglesias creou unha forma política moi enérxica que triunfou sobre os demais. Agora Podemos é un partido e, por iso, o seu funcionamento interno esperta críticas coma noutros partidos e, tamén por iso, vese obrigado a dar conta dos seus diñeiros. Podemos xa é un partido político coas súas contradicións, dilemas e erros. Por iso, desde o caso Monedero non poderá seguir sinalando os defectos dos outros con tanta autoridade, os seus inimigos conseguiron que deixase de ser unha fonte de autoridade moral. Ese obxectivo conseguírono.
En diante Podemos terá que centrarse en facer política nun campo onde os seus adversarios o teñen máis fácil, pois están afeitos ao práctico e concreto, terá que ofrecer medidas políticas concretas que se verán inmediatamente discutidas. Así é a vida, así é a política.