0 Gardados para despois

Marcos Lorenzo

Por unha nova política cultural en Galicia

Logo de varias décadas de medranza ininterrompida do sector cultural, sexa en termos de emprego, facturación ou número de empresas, semella que esteamos a atravesar un túnel escuro. O que non sabemos é o que haberá do outro lado.

Hai 6 anos unha compañía de teatro era contratada por un Concello para exhibir o seu espectáculo. Hai 4 anos ese mesmo Concello xa só lle ofrecía apoio na difusión, cesión do auditorio e entrega do recadado na billeteira. Hai 2 anos cobráballe polo aluguer

Dous son os principais factores polos que o sector cultural entrou en barrena. Dunha parte o factor endóxeno e máis lonxevo, o resultante da revolución dixital e a descarga masiva e de balde de contidos na rede, e que levou por diante a boa parte da vella industria cultural, sexa a fonográfica ou a do cinema. E doutra, máis recente, a crise económica, que provocou severos recortes nos orzamentos públicos da cultura, diminución nas partidas que as empresas dedican a patrocinios e contracción dos consumos culturais da poboación. A combinación de ambos elementos derivou nun proceso de reconversión industrial encuberta, onde as formas de operar están a mudar e non se albisca un horizonte claro.

Por mencionar un exemplo ilustrativo: se hai seis anos unha compañía de teatro era contratada por un Concello para exhibir o seu espectáculo, hai catro anos ese mesmo Concello xa só lle ofrecía apoio na difusión (carteis), cesión do auditorio e entrega do recadado na billeteira. Hai dous anos cobráballe directamente polo aluguer do espazo.

Aos dous factores anteditos habería que engadir un terceiro, de orixe ancestral: a ausencia en Galicia dunha política cultural digna de tal nome, que parta dun diagnóstico realista, cuns obxectivos explícitos e factibles, cunha dotación orzamentaria estable, con medidas ben articuladas e coherentes entre si, con indicadores de avaliación claros, e que en definitiva responda a un deseño racional e non á suma de ocorrencias ou intereses do responsable de turno.

Ao longo do artigo tentarei expor algúns criterios que, ao meu xuízo, deberan guiar a acción de goberno neste ámbito. Dividireino en seis áreas temáticas, a sabendas de que a clasificación é arbitraria e ben podería ter sido outra.

 

Democracia cultural

A democracia cultural é o principio transversal que debera guiar a toma de decisións. O foco da acción de goberno debera estar centrado na cidadanía e non só nos artistas ou nas empresas do sector

A democracia cultural é o principio transversal que debera guiar a toma de decisións. O foco da acción de goberno debera estar centrado na cidadanía e non só nos artistas ou nas empresas do sector. Os políticos e técnicos do ramo adoitan ter como interlocutores cotiáns a estes últimos, polo que acaban perdendo a perspectiva sobre quen é o seu principal destinatario.

Un obxectivo ineludible da política cultural debera ser favorecer a creatividade, a capacidade expresiva, o espírito crítico e a autonomía das persoas, piares fundamentais dunha democracia viva e saudable. Porque sen debate social non hai democracia. Pero ademais, non se trata só de “instruír ao pobo” ou de gobernar para el (despotismo ilustrado), senón de gobernar con el, de incorporar as achegas plurais da cidadanía para que as políticas sexan máis ricas e eficaces. Nese sentido precisariamos dun goberno permeable onde os e as cidadás sexan protagonistas e poidan formular elementos de diagnóstico e propostas de solución aos problemas que nos atinxen (tamén aos culturais).

Todos somos xeradores de cultura. Polo tanto, os gobernos deberan habilitar canles de participación para recoller ese caudal de coñecemento esparexido en favor do ben común

Xa non serven os enfoques caducos da “democratización cultural”, é dicir, de facilitar o acceso á alta cultura por parte das maiorías, causa que só encobre un prexuízo elitista. Todos somos xeradores de cultura. Polo tanto, os gobernos deberan habilitar canles de participación para recoller ese caudal de coñecemento esparexido en favor do ben común. E por certo, unha aposta pola participación non se pode sustentar unicamente en crear Consellos Municipais de Cultura, artefactos que, á luz da experiencia, non adoitan funcionar. Se non se sabe para que se queren nin como dinamizalos, acaban por esmorecer. Habería que esforzarse un chisco máis na arquitectura da participación cultural.

 

Cohesión social

Unha política cultural acorde cos tempos debera traballar en rede co mesto tecido asociativo da cultura, cos colectivos informais de creadores e coas empresas locais

Unha política cultural acorde cos tempos debera traballar en rede co mesto tecido asociativo da cultura, cos colectivos informais de creadores e coas empresas locais. É dicir, coas múltiples iniciativas da cidadanía organizada. Para o cal é preciso coñecelas previamente, debuxando un mapa cultural do territorio.

O labor esencial dun bo goberno neste eido sería promover a cooperación entre axentes culturais, así como impulsar accións público – privado – sociais con vistas a optimizar recursos, a acadar un maior impacto e visibilidade, e a vertebrar e fortalecer á sociedade civil. Pola contra, un mal goberno establecerá relacións un a un (clientelares), repartindo subvencións a modo de prebendas e fagocitando aqueles proxectos con maior éxito para apropiarse do seu prestixio e pendurarse medallas, cousa que lamentablemente acontece de cotío.

Un mal goberno establecerá relacións un a un (clientelares), repartindo subvencións a modo de prebendas e fagocitando aqueles proxectos con maior éxito para apropiarse do seu prestixio

Por suposto ese empeño na cooperación e na cohesión non se debera limitar ao perímetro da cidadanía organizada, senón que tería que abranguer a todos os segmentos de poboación, mediante a realización de actividades que revertan nun maior coñecemento mutuo entre distintos, sexa por razón da súa etnia, clase social, xénero, xeración ou calquera outra variable. Desde a promoción activa do respecto á diversidade.

 

Educación   

Educación e cultura forman un tándem difícil de disociar, con abundantes interaccións e sinerxías

Un binomio esencial da acción cultural é o que liga cultura con educación. Non se trata só do papel crucial da ensinanza das artes, ou de que a cultura sexa parte consubstancial do proceso educativo, é que a cultura pode achegar ferramentas creativas para as escolas, ao tempo que a pedagoxía pode proporcionar técnicas para formar novos públicos. Educación e cultura forman un tándem difícil de disociar, con abundantes interaccións e sinerxías.

Cando falamos en cultura de “traballar a canteira” (a parte mergullada do noso iceberg), con frecuencia pensamos en adestrar cativos e cativas, cousa que ten a súa lóxica. Porén, non podemos pór todos os ovos no cesto da infancia ou da mocidade. Toda a cidadanía en Galicia, a comezar pola xente maior (o noso meirande continxente de poboación), debera ser obxecto de liñas de fomento das habilidades e destrezas creativas. E iso supón exceder os balados do recinto escolar (colexios, escolas de danza, conservatorios...) para abrirse a outros espazos. Os centros socioculturais ou de saúde, as prazas, rúas e comercios son focos que poden irradiar cultura. Trátase de conxugar múltiples iniciativas a un tempo, de forma que se poida xerar un ecosistema propicio para edificar cidades, vilas e aldeas realmente creativas e educadoras.

 

Identidade

Un bo goberno debe mimar as expresións baseadas nas nosas propias coordenadas culturais, na nosa lingua e nos nosos riscos antropolóxicos, e aquelas iniciativas que contribúan a establecer un diálogo coas grandes correntes estéticas da esfera internacional

Nunha contorna global onde circulan inxentes cantidades de información, elementos folclóricos e cosmovisións procedentes de universos culturais afastados, é importante que poidamos dixerir ese enorme caudal desde as nosas raíces e parámetros, de forma que nos apropiemos del adaptándoo á nosa idiosincrasia, en vez de asumilo de forma acrítica. A identidade galega, na súa rica pluralidade interna, é un marco interpretativo da realidade que nos proporciona entendemento, fraternidade e vínculo coas orixes. Un bo goberno debe mimar especialmente as expresións baseadas nas nosas propias coordenadas culturais, na nosa lingua e nos nosos riscos antropolóxicos, así como aquelas iniciativas que contribúan a establecer un diálogo non cohibido coas grandes correntes estéticas da esfera internacional, de modo que, como cultura, nos vaiamos situando na contemporaneidade.

Pero é que ademais, o coidado da propia cultura é un bo negocio. Axuda a definir e diferenciar a nosa marca territorial e a dos nosos produtos no mercado global, engadíndolle valor e sabor. Por citar un exemplo, a cidade de Ferrol podería (comeza a facelo) especializarse en propostas de arte industrial, en coherencia coa súa historia e identidade. Cada lugar debe buscar aqueles trazos constituíntes que mellor o representan ante terceiros. Do contrario, corremos o perigo de limitarnos a copiar mal e tarde ou a emitir mensaxes confusas nas que ninguén repara.

 

Mercado cultural

As ideas concibidas no sector cultural transcenden as súas fronteiras para fecundar territorios anexos, como no caso do téxtil e a moda, a publicidade, o deseño industrial ou a arquitectura

O sector cultural, entendido como o conxunto de traballadores e empresas que operan no eido da cultura, ten un peso notable na economía galega, ademais de exercer un efecto arrastre sobre outros sectores como o turismo, a hostalería, o agroalimentario ou as novas tecnoloxías. As ideas concibidas no sector cultural transcenden as súas fronteiras para fecundar territorios anexos, como no caso do téxtil e a moda, a publicidade, o deseño industrial ou a arquitectura, permitíndolles ser máis innovadores e competitivos.

Algúns dos principais problemas do sector cultural en Galicia teñen relación coa súa extrema atomización (empresas unipersoais), dependencia da Administración como cliente único, dificultade no acceso a financiamento, escasa proxección en mercados exteriores e unha acusada precariedade e temporalidade no emprego.

Perante este panorama un bo goberno ten moito que dicir. A comezar por clarificar o seu papel no mercado cultural, deixando de ocupar espazos que non lle corresponden como a promoción de concertos de artistas con tirón comercial (o que supón unha competencia desleal coas empresas musicais). Ou rematar coa gratuidade das súa oferta de actividades, o que redunda na desvalorización dos bens e servizos culturais. E a seguir por medidas como estimular a cooperación entre as empresas do sector, priorizar a contratación de empresas locais, mediar con entidades financeiras privadas e institutos de crédito público para a concesión de préstamos, potenciar a conexión con axentes e operadores internacionais, lexislar con vistas a protexer aos artistas cun novo réxime laboral e marco de cotización, favorecer o investimento privado en cultura mediante exencións fiscais, propiciar a colaboración comercial entre empresas culturais e doutros sectores, e un longo etcétera.

Perante este panorama un bo goberno ten moito que dicir. A comezar por clarificar o seu papel no mercado cultural, deixando de ocupar espazos que non lle corresponden como a promoción de concertos de artistas con tirón comercial

Por suposto tamén os axentes culturais teñen deberes que facer no tránsito cara un novo modelo. Un novo modelo que de certo pasará por unha maior diversificación de ingresos, por unha maior énfase no traballo cooperativo, polo pleno aproveitamento das NTIC e por nunha maior implicación cos públicos. O desafío non é menor.  

 

Equipamentos

Na última década, o principal feito diferencial da nosa política cultural a respecto doutras autonomías residiu na hiperbólica preponderancia dos gastos de capital sobre os gastos correntes

Na última década, o principal feito diferencial da nosa política cultural a respecto doutras autonomías residiu na hiperbólica preponderancia dos gastos de capital sobre os gastos correntes. Desde 2003 o gasto liquidado en cultura pola Xunta de Galicia repartiuse (de media) entre un 70% de gastos de capital e un 30% de gastos correntes, en aberto contraste coas súas homólogas de Madrid, Cataluña e País Vasco, onde as proporcións se inverten (media nese período de 20% de gastos de capital e 80% de gastos correntes). Nunha tradución aproximada, isto vén a significar que a nosa administración autonómica destinou máis do dobre de fondos culturais a ladrillo que a contratar equipos de profesionais cualificados, á programación de actividades ou ao reparto de axudas entre os axentes culturais. Claro, isto é o que sucede cando non se dispón de proxecto cultural de ningunha clase. E ollo, non se trata só da Cidade da Cultura, símbolo de todos os males (e espantallo moi útil para esquivar un debate real sobre a cultura), senón tamén de canta “casa da cultura” hai diseminada polo país, en cada concello e ás veces mesmo en cada parroquia.

Ollo, non se trata só da Cidade da Cultura, símbolo de todos os males (e espantallo moi útil para esquivar un debate real sobre a cultura), senón tamén de canta “casa da cultura” hai diseminada polo país

Chegados a este punto de malgasto e orxía inmobiliaria, cumpriría facer inventario e avaliar cantos deses equipamentos responden a unha necesidade cultural real e cantos poden ser reconvertidos para outros usos ou mesmo vendidos, se é que alguén os quere. E tamén habería que proceder a unha xerarquización territorial de funcións, de xeito que certa oferta cultural se exhiba en cabeceiras comarcais e outras programacións en espazos de proximidade. Trátase de establecer un mínimo principio de racionalidade. E por suposto, dándonos por abastecidos de equipamentos por unha boa temporada, concentrar o gasto en deseñar plans culturais á medida de cada localidade e en contratar ao persoal técnico que os poida executar. Unha aclaración: un plan cultural non é un mero sumatorio de actividades a programar (a programación é un instrumento de política cultural, non un fin).

 

E para rematar

Unha boa política cultural non pasa por monstruosos fastos e demais variantes do espectáculo senón por mobilizar coñecemento e imaxinación, dotarse de estratexias e sumar forzas. Políticas pequenas ancoradas na nosa realidade social e con vocación de perdurar

O anteriormente exposto é sintomático da escasa consideración que a cultura lle mereceu a boa parte da clase política do país. Simplemente non se tomou en serio. Ao meu ver unha boa política cultural non pasa por monstruosos fastos e demais variantes do espectáculo senón por mobilizar coñecemento e imaxinación, dotarse de estratexias e sumar forzas. É dicir, por políticas pequenas ben ancoradas na nosa realidade social e con vocación de perdurar. Por certo, ese é outro dos nosos cancros, o da efémera vida das programacións, mudadas a golpe de cita electoral, o que lles impide realizar todo o seu potencial e que sexan verdadeiramente transformadoras.

Quedan fóra deste artigo temas tan relevantes como os cambios que está a desencadear a cultura colaborativa, sustentada en soportes dixitais e no código aberto, ou o papel chave do turismo cultural no desenvolvemento territorial, ou o tratamento que se debera aplicar na xestión do patrimonio. Quizás poidan ser motivo de vindeiras entregas, ou quizás alguén queira coller o relevo e se anime a completar esta pequena análise.

Acerca de Marcos Lorenzo