Ser muller, moza e deportista parece ser incompatible coa igualdade. A pesar dos avances producidos nas últimas décadas en todos os ámbitos, o deporte, certo é que con algunhas actuacións e medidas encamiñadas a poñer freo a situacións de desigualdade e a promover a participación das mulleres na actividade deportiva a todos os niveis, segue sendo unha especie de couto pechado para homes e, de forma especialmente notoria, en certas disciplinas.
A desigualdade no deporte entre homes e mulleres aínda faise máis patente naquelas modalidades consideradas de "masas", como acontece co fútbol no noso país
Porque a realidade constata un feito, que é que a desigualdade no deporte entre homes e mulleres aínda se fai máis patente naquelas modalidades consideradas de "masas", como acontece co fútbol no noso país. Un deporte, o fútbol -campo e sala- copado por homes non só en número de fichas federativas, senón tamén noutros postos, como adestradores, árbitros e responsables das xuntas directivas dos clubs e federacións. Este feito, sumado ao machismo que subxace na nosa sociedade, en xeral, e no deporte, en particular, leva a que ser muller e tomar a decisión de querer xogar ao fútbol aínda se poida considerar, a estas alturas, unha decisión valente.
E máis que valente pareceume o duro testemuño de Sara, unha moza de 18 anos que, malia a súa xuventude, fixo gala dunha gran madureza ao decidir denunciar ao presidente do club ao que pertencía e no que xogaba, o Leis. Presidente ao que acusa, xunto con outras compañeiras, de acoso e que, a pesar das denuncias presentadas non só ante o xulgado senón tamén ante as institucións deportivas e políticas pertinentes, aínda continúa no seu cargo. Coma se nada. Nin medidas preventivas ata que haxa resolución xudicial definitiva, nin dimisión. O mundo ao revés. Porque mentres el nin sequera foi apartado provisionalmente do seu posto, nin Sara nin o resto das súas compañeiras poden xogar ao que queren e polo que viven, o fútbol, xa que por non facer, nin liberaron as súas fichas federativas para poder ser trasladadas a outro club.
Máis que valente pareceume o duro testemuño de Sara, unha moza de 18 anos que, malia a súa xuventude, fixo gala dunha gran madureza ao decidir denunciar ao presidente do club ao que pertencía e no que xogaba, o Leis
Escoitar a Sara, que participou nunhas xornadas sobre Deporte e Igualdade organizadas polo PSdeG co obxectivo de promover a igualdade entre homes e mulleres no deporte e fomentar e incrementar a actividade física a todos os niveis das mulleres, foi escoitar a cara máis amarga, máis dura e máis inxusta do deporte. Unha cara, a da desigualdade e violencia nas súas diferentes manifestacións contra as mulleres, que vendo o acontecido neste caso ou, por exemplo, no campo de fútbol do Betis non hai moito -onde se fixo unha clara apoloxía á violencia de xénero, ante a pasividade de moitas e moitos-, parece que, lonxe de erradicarse, mesmo se está a incrementar.
A sociedade e, as mulleres de forma moi particular, non pode, non podemos consentir nin unha mostra de desigualdade nin podemos ser cómplices deste tipo de comportamentos. Porque o máis dramático dalgunhas situacións de abuso e acoso que se producen contra as mulleres -e no deporte de forma especialmente destacada pola maioritaria presenza de homes en postos de "superioridade" -, é que están asumidas como “normais” por un bo número de homes e, lamentablemente, tamén de mulleres.
O máis dramático dalgunhas situacións de abuso e acoso que se producen contra as mulleres é que están asumidas como “normais”
Contra esas actitudes, contra esas vexacións, contra ese machismo debemos alzar a nosa voz. Debemos esixir responsabilidades e debemos reclamar medidas. As administracións e poderes públicos non poden seguir subvencionado a entidades, federacións e clubs que permitan e consintan actitudes violentas e/ou de abuso contra os seus integrantes. As administracións han de velar pola igualdade das mulleres no deporte, en todas as categorías, niveis e disciplinas, esixindo protocolos de obrigado cumprimento e realizando un seguimento periódico destes. As administracións han de velar polo deporte como ferramenta fundamental para a educación en igualdade, promovendo dende o deporte de base estes valores que preveñan futuras actitudes machistas e nos convertan en persoas iguais a todos os niveis. En deportistas. Sen máis… e sen menos.