O AVE en Galicia

Os medios de comunicación informaban onte da entrada en servizo do treito de alta velocidade ferroviaria entre A Coruña e Vigo. O traxecto entre as dúas maiores cidades galegas será só de 70 minutos. E eu pregunto: Percorrer 150 quilómetros en 70 minutos é propio dun tren de alta velocidade? Cómpre reflexionarmos sobre o caos conceptual que acompaña a posta en servizo do novo “tren bala galego”, como xa se escoita por aí. Moito ruido e poucas noces. Plantexarei seis cuestións de xeito breve e esquemático para expoñer o meu punto de vista.

Un tren de alta velocidade (TAV) non pode ter cinco paradas en 150 quilómetros. Conceptualmente, iso pode ser un “rexional”, ou mesmo un “media distancia”, pero non un TAV. Non un AVE

Primeira. Un tren de alta velocidade (TAV) non pode ter cinco paradas en 150 quilómetros. Máis que nada, porque un TAV non para cada 30 quilómetros. Conceptualmente, iso pode ser un “rexional”, ou mesmo un “media distancia”, pero non un TAV. Non un AVE.

Segunda. O novo tren veloz vai polarizar aínda máis o territorio galego, ao reforzar os grandes nodos urbanos do Eixo Urbano Atlántico: A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo. Ferrol, unha vez máis, queda á marxe. As Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia falan da Metrópole Ártabra, rexida pola Coruña e Ferrol. Con este novo tren, trónzase de facto esta Metrópole Ártabra, ao quedar Ferrol aínda máis descolgado do que xa está. De Lugo e boa parte do interior de Galicia (agás as contornas de Ourense), nin falemos… Como imos reequilibrar o territorio galego así?

Semella que a mobilidade cotiá e diaria sostible dos cidadáns de Oleiros, Ames, Poio, Baiona, Culleredo, Sada, Teo, Marín, Nigrán, Redondela, etc... non é unha prioridade

Terceira. Galicia conta agora cun tren decente entre A Coruña e Vigo, pero non ten servizos de cercanías que o alimenten de viaxeiros procedentes de fóra das cidades centrais. Isto chámase “comezar a casa polo tellado”. Semella que a mobilidade cotiá e diaria sostible dos cidadáns de Oleiros, Ames, Poio, Baiona, Culleredo, Sada, Teo, Marín, Nigrán, Redondela, etc... non é unha prioridade. É evidente que non hai vontade de solventar o problema dos atascos de tráfico nos accesos ás cidades. Os residentes das primeiras e segundas coroas urbanas das cidades seguirán condenados a empregar o coche para ir ao traballo, mentres escoitamos un renovado discurso sobre a mobilidade. Non é posible que haxa mobilidade sostible cando non hai medidas de fomento efectivo do transporte colectivo (nomeadamente ferroviario) nas áreas metropolitanas e urbanas galegas.

O novo servizo ferroviario non ten conexión con ningún dos tres aeroportos galegos

Cuarta. A nova liña é unha sentenza de morte para núcleos como Ordes, Padrón, Pontecesures, Portas, etc. Un bo exemplo é a nova estación Padrón-Barbanza, que nin está en Padrón nin no Barbanza, como o seu propio nome NON indica. Está no medio do campo, cun impresionante park and ride que pouca xente vai empregar. Ogallá me equivoque, pero vaise repetir a triste sorte da estación Ordes-Fosado.

Quinta. O novo servizo ferroviario non ten conexión con ningún dos tres aeroportos galegos. Nada máis que dicir sobre este tema.

Sexta. A liña, a 31 de marzo de 2015 (un día despois da súa inauguración) aínda non conta con sistema de seguridade ERTMS nin ancho internacional.

No día despois da inauguración a bombo e platillo, a maior parte dos cidadáns terán que seguir empregando o coche, padecendo atascos e aparcando a prezo de ouro para poder ir traballar. Hai obras que son amores, pero non prioridades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.