O Consello Escolar de Galicia aprobou onte, 21 de maio, por 20 votos contra 17, a retirada do anteproxecto de decreto de ESO e Bacharelato, e a súa devolución ao Goberno galego. É unha vitoria simbólica, unha decisión que o goberno de Feijoo pode ignorar xa que os acordos do CEG teñen carácter consultivo. Así ocorreu co decreto de trilingüísmo en 2007. Porén, é importante xa que visualiza a oposición á LOMCE da comunidade educativa galega.
É unha vitoria simbólica, unha decisión que o goberno de Feijoo pode ignorar xa que os acordos do CEG teñen carácter consultivo. Así ocorreu co decreto de trilingüísmo en 2007
Esta vitoria foi posible grazas ao esforzo coordinado e as emendas á totalidade presentadas polos movementos de renovación pedagóxica, os sindicatos CIG, CCOO e UXT e por min mesma en representación da Universidade de Santiago de Compostela. Na votación as emendas foron apoiadas tamén pola Federación das Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) de Galicia.
Por que non queremos esta LOMCE en versión galega? Hai moitas razóns, mais podemos resumilas en que a lei contribuirá a afondar as desigualdades. Separar ao alumnado en itinerarios desde 3º da ESO con dúas opcións de matemáticas, unha para o itinerario académico, outra para a formación profesional, non contribúe á igualdade de oportunidades, senón todo o contrario. Esta segregación xa se mostrou ineficiente noutros países europeos onde existe.
Ignora os malos resultados académicos en avaliacións internacionais, como PISA ou TIMMS, dos países onde existen as avaliacións finais, como pode ser EEUU
E que dicir das “reválidas”? O anteproxecto galego e a LOMCE ignoran o modelo de avaliación continua e formativa. Este modelo responde a principios ideolóxicos, e ignora os malos resultados académicos en avaliacións internacionais, como PISA ou TIMMS, dos países onde existen as avaliacións finais, como pode ser EEUU. A súa finalidade parece ser etiquetar os centros por resultados e asignar máis recursos aos centros que os teñan mellores (correspondentes ao alumnado de procedencia socioeconómica máis privilexiada), creando un perverso bucle.
Isto é unha vitoria que mostra o potencial da unidade da comunidade e asociacións, para mudar a situación
En canto á lingua galega, é tratada como se fose estranxeira. Ademais desaparecen da ESO os contidos de Historia de Galicia, como a cultura castrexa, os irmandiños ou o Estatuto do 36. Temos que pedir de novo que se contextualicen as materias en Galicia, o que nos fai sentir como se estivésemos de novo nos tempos do franquismo.
En resumo, isto é unha vitoria que mostra o potencial da unidade da comunidade e asociacións, para mudar a situación.