Non debería volver pasar: Unha proposta

O que sucedeu o 24 de maio era parcialmente previsible, e dende hai moito tempo. Que o PP ia ser o partido máis votado, pero perdendo a práctica totalidade das maiorías absolutas nas distintas Comunidades Autónomas, e nas grandes cidades de España estaba cantado. O que non podía prognosticarse con tanta facilidade era a magnitude da catástrofe para os conservadores. Cos datos na man, o grande vencedor da noite foi o PSOE. Non só porque o PP perdera en torno aos dez puntos mentres eles se manteñen relativamente estables. Sobre todo,  porque nas CCAA o PSOE revalidou a súa condición de primeira forza e Podemos aparece case sempre en terceira posición. O asalto aos ceos terá que esperar, o mesmo que a hipótese de ruptura co réxime do 78. O que anuncian os resultados de onte é a reforma dentro da reforma. Haberá cambios, pero matizados.

O asalto aos ceos terá que esperar, o mesmo que a hipótese de ruptura co réxime do 78. O que anuncian os resultados de onte é a reforma dentro da reforma

Polo demais, á vista dos resultados, o máis probable é que nas próximas Xerais o PP sexa o primeiro partido, pero sen capacidade de formar goberno e por tanto que a alternativa, tal vez moi plural, sexa liderada polos socialistas. Unha certa italianización de España, pois. Podemos verase na dificultade de decidir se entra nun hipotético goberno das esquerdas, ou contribúe a el dende o exterior. Veremos que decide. Outras opcións son pensables: que o PP goberne con Ciudadanos ou que o PSOE faga o propio. Pero xulgo o máis probable a primeira opción. Será algo inédito en España. Así, parece que a baraka sorriulle onte a Pedro Sánchez.

Será moi difícil que o PP teña maioría absoluta no parlamento galego. Pode ser o inicio dun novo ciclo. Ou non. Depende de como as distintas fozas xestionen os escenarios que se abren

En Galicia hai que destacar que o ciclo non acaba nas Xerais, senón nas autonómicas de 2016. As Xerais, especialmente as coalicións que se formen ou non, incidirán nas galegas, pero estas preservarán a súa relativa autonomía en relación ao ciclo español.

Ao grao: o que sucedeu onte foi un desastre para  o PP en Galicia. Moito maior do esperado. Será moi difícil que o PP teña maioría absoluta no parlamento galego. Pode ser o inicio dun novo ciclo. Ou non. Depende de como as distintas fozas xestionen os escenarios que se abren. Para empezar, os pésimos resultados de Ciudadanos farán, previsiblemente, que esa parella de baile tampouco compareza na festa no papel de soporte en caso de apuro. Iso devolve a iniciativa -e a responsabilidade- ao conxunto de forzas alternativas. O PSOE e o BNG como partidos tradicionais que son baixaron, pero non se desfondaron. O seu problema constitúeno as Mareas, que de repetir fórmula nas Xerais e Autonómicas –loxicamente alguén estará pensando niso agora- ocuparían un espazo non menor e, mesmo, poderían chegar a ser o epicentro dun posible goberno galeguista e progresista. As Mareas son un fenómeno urbano e periurbano: iso constitúe a súa forza e tamén os seus límites. Por outra banda, son dabondo diversas como para resultar sinxela a súa articulación máis xeral. Cabe temer que a mala experiencia de AGE se prolongue.

As Mareas son un fenómeno urbano e periurbano: iso constitúe a súa forza e tamén os seus límites. Cabe temer que a mala experiencia de AGE se prolongue

Por outro lado, parecería que as Mareas, para dar o salto, necesitaran simplificar o seu espazo. En breve: que Podemos non concorra. Pero Podemos aprobou en Vista Alegre concorrer con marca propia nas autonómicas. Prescindirá desa directriz en Galicia? Pódese inferir con certo fundamento que resultados poderían acadar PSOE e BNG, pero en Galicia e nese momento, dentro dun ano, Podemos será toda unha incógnita. Sexa como for, sucede que ANOVA, EU et altri terían complicado presentarse en competencia con Podemos e viceversa. Ademais, a dimensión nacional pesará nun sentido que non foi o caso o domingo nin o será tampouco nas Xerais.

En definitiva, ninguén o ten fácil, do punto de vista dos seus estreitos intereses de partidos. A modestia debería impoñerse. A modestia e o sentido común

En definitiva, ninguén o ten fácil, do punto de vista dos seus estreitos intereses de partidos. A modestia debería impoñerse. A modestia e o sentido común. Se preguntan pola miña opinión servidor sería partidario dunha fórmula excepcional, que a ninguén gustará, nin a min mesmo, pero que tería a virtude de ocultar as dificultades electorais ou de articulación social e de discurso que sofren as distintas organizacións, amén, naturalmente, de darlle esperanza aos sufridos electores que ven as súas expectativas de transformación social defraudadas por perspectivas e intereses de corto alcance. No período que se abre Galicia debería de deixar de estar inerte. Iso só pode conseguirse agregando, con boa vontade, xentes e perspectivas diversas pero coincidentes nalgúns puntos básicos.

No período que se abre Galicia debería de deixar de estar inerte. Iso só pode conseguirse agregando, con boa vontade, xentes e perspectivas diversas pero coincidentes nalgúns puntos básicos

Esa fórmula implica tres aspectos A) Un candidato independente, non ligado a organización algunha. Tamén o goberno tería que estar a salvo das liortas estreitas e sectarias contando, moi especialmente, con xente cualificada. B)  un programa de consenso, pensado para poñer en práctica. Se gañas tes que cumprir as expectativas, polo menos medianamente. C) unha base de apoio de amplo espectro, idealmente dende o BNG a Podemos, pasando por ANOVA; EU, CxG, etcétera, pero, sobre todo, incorporando saiva, nova ou vella, pero distinta.

Teremos outra vez que ver o que virá e lamentarnos amargamente mentres sementamos todos os froitos da discordia entre a débil parte de Galicia que quere iniciar un novo rumbo? Non debería volver a pasar o que pasou

É unha fórmula improbable, que aos nacionalistas non gustará por facerlle perder intensidade á súa presenza, á xente das mareas –hoxe crecidas- tal vez sentirán que se lles arrebata unha posibilidade de facer hexemónica a súa visión. Os partidos con mando en praza non amarán perder o control que é o que máis aman por riba de todas as cousas. E os candidatos in pectore –que seguro que agora xa hai- chorarán por perder a súa oportunidade. Iso, por non mencionar os que argumenten que esta é unha hipótese reformista, socialdemócrata, neoliberal e españolista. Sucede, sen embargo, que o tripartito tivo lugar, e despois veu o que veu, e que o bipartito tivo lugar, e que despois veu o que veu. Teremos outra vez que ver o que virá e lamentarnos amargamente mentres sementamos todos os froitos da discordia entre a débil parte de Galicia que quere iniciar un novo rumbo? Non debería volver a pasar o que pasou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.