En tempos chamóuselle a Ourense a Atenas galega. Nesa cidade xurdiu a Xeración Nós e foi a porta de entrada para diferentes vangardas, desde a teosofía do Risco mozo ao realismo sucio de Blanco Amor. Nas eleccións municipais do 24 de maio, máis de 13.000 ourensáns levaron o seu gusto pola arte contemporánea a outro nivel: elevaron a performance de Democracia Ourensá (en realidade, o seu líder, Gonzalo Xácome) a real alternativa de poder no Concello.
Creban o consenso sobre o voto útil e o eixo esquerda dereita non a través de propostas cidadás senón mediante un partido trituradora
O grande éxito de Xácome só se pode entender desde un punto post irónico. É dicir, unha parte importante do electorado ourensán converte a política municipal nunha reflexión sobre os límites do pragmático en política; creban o consenso sobre o voto útil e o eixo esquerda dereita non a través de propostas cidadás senón mediante un partido trituradora cuxas tres propostas estrela son (por esta orde): baixar o IBI un 20%, acabar cos privilexios dos funcionarios municipais e construír un parque acuático no Miño que axude a combater a calor abafante do verao.
Democracia Ourensá (DO) foi unha forza pioneira en varios aspectos. Cando os indignados aínda estaban na tenda de campaña, Xácome xa tiña empaquetado o concepto nun partido político, madurado desde o 2007. O 15M valeulle para dar o salto. Nas eleccións do 2011 pasou de pouco máis de 1.000 votos aos 4.500, con dous concelleiros. O político aproveitou un período moi convulso na praza Maior para gañar cada día titulares a medias de histrión a medias de profeta. Mentres os xulgados acoitelaban o proxecto de estabilidade que planificara o socialista Francisco Rodríguez (imputado na Pokemon, obrigado a dimitir en plena campaña electoral das eleccións galegas do 2012), Xácome demostraba como se fai populismo de verdade. Un día aparcou o coche na entrada dun aparcadoiro subterráneo do centro para demostrar que o negocio non tiña licenza. Outro desvelaba que varias concesións municipais non cumprían os obxectivos dos seus contratos e a fiscalía dáballe a razón.
O político aproveitou un período moi convulso na praza Maior para gañar cada día titulares a medias de histrión a medias de profeta
Nas últimas semanas agrandou o seu mito. Primeiro cando se lanzou a plena carreira polas rúas de Ourense detrás dun suposto músico que lle arrebolara un ovo na careca. Nunha nota de prensa involuntariamente cómica, Democracia Ourensá subliñaba que Xácome non perdoa unha afrenta e menos se para facer xustiza ten que saír correndo tras o agresor, xa que foi en tempos campión de atletismo. E segundo cando, para defenderse da acusación do BNG de que xa pactara baixo a mesa o apoio a un posible goberno do PP, dixo en ágora público: “Imaxínense vostedes que eu digo que a candidata do Bloque estivo traballando nunha barra americana como prostituta”. A comparación acendeu a irritación feminista en toda Galicia. Por primeira vez conseguía ser viral na internet. O seu vídeo conseguiu que a súa candidatura fose aínda máis coñecida.
A través do seu canal local, Auria TV, o líder de DO, o político adiantouse a Pablo Iglesias ou a Albert Rivera
Porque Xácome foi pioneiro tamén no uso da televisión como moderna ferramenta electoral. A través do seu canal local, Auria TV, o líder de DO, o político adiantouse a Pablo Iglesias ou a Albert Rivera. Xácome fai o mesmo que Abel Caballero en Vigo ou facía Hugo Chávez en Venezuela: exponse cada semana ao que lle pregunta a xente. Viaxa rúa por rúa para denunciar o abandono, o abuso, a “cacicada”. Outravolta o instinto primario, a mala hostia cidadá que el sabe explotar mellor ca ninguén porque non propón unha alternativa senón unha boutade.
O proxecto de Ourense en Común (que a pesar de todo entrou con relativa forza no Concello) foi dinamitado desde dentro por mor dun proceso de primarias fallido. Non houbo maré pero o malestar precisaba saír por algún lado
Como é posible que triunfe esa mensaxe nunha cidade de máis de cen mil habitantes? Primeiro porque o desencanto sociopolítico non se canalizou convenientemente. O proxecto de Ourense en Común (que a pesar de todo entrou con relativa forza no Concello) foi dinamitado desde dentro por mor dun proceso de primarias fallido. Non houbo maré pero o malestar precisaba saír por algún lado. Un malestar engordado desde hai moito tempo por un modelo institucional oxidado e halitósico. Ourense é a capital dunha provincia que se enruga e mingua, cunha absoluta dependencia dos salarios e os subsidios públicos (especialmente pensións), moi golpeada pola crise, especialmente des que o PP proclamou o seu final, curiosamente. A industria morre antes de nacer (peche de T-Solar, ERE brutal de Adolfo Domínguez, xeneralización da economía informal no sector téxtil e na construción…) e como adoito o ourensán mozo ten dúas alternativas: preparar oposicións (non en van Academia Postal é o centro con mellores resultados do Estado e recibe alumnos de toda España) ou emigrar. Nunha provincia onde se non és do PP “ghodeté, ghodeté” e nunha cidade na que o PSOE revive ciclicamente guerras civís, votouse coa bile de fóra.
O triunfo de Xácome hai que entendelo como a última achega ourensá á evolución da arte. Cousas menos interesantes adornan as vitrinas do CGAC
A segunda razón do éxito de DO hai que buscala no propio carácter dunha parte da poboación que resiste en Ourense. Unha cidade que creou a Los Suaves, que ten o número máis alto de establecementos que venden alcol por habitante, que inventou o trampitán (unha lingua inventada, inútil pero dotada dunha simpática sonoridade), que produciu unha ducia dos mellores escritores de Galicia, desde Blanco Amor a José Ángel Valente, desde Bieito Iglesias a Xoán Tallón, ten sempre unha parte da súa alma pendente do humor, da esmorga, do mundo ao revés, do porco de pé. O triunfo de Xácome hai que entendelo como a última achega ourensá á evolución da arte. Cousas menos interesantes adornan as vitrinas do CGAC.