Non. Non vou ser orixinal. Defendo, de novo, que o BNG participe nunha candidatura galega unitaria, aberta a nacionalistas e non nacionalistas, para que o noso país teña voz propia no Parlamento estatal. Seica non foi posíbel nas europeas. Sei que tampouco houbo vontade de facelo nas municipais. E, porén, felizmente, houbo quen con todo dereito ocupou o espazo que o BNG deixou libre. Por iso agora, ademais dos alcaldes e alcaldesas do BNG, contamos con alcaldes nacionalistas na Coruña e en Santiago e con centos de concelleiros e concelleiras, tamén nacionalistas, elixidos en candidaturas diversas.
Defendo, de novo, que o BNG participe nunha candidatura galega unitaria, aberta a nacionalistas e non nacionalistas, para que o noso país teña voz propia no Parlamento estatal
As cousas mudaron en Galiza. E mudaron para ben. E teño para min que desta volta as cousas tamén poden mudar no BNG. Agora todos coincidimos no diagnóstico – sen unidade Galiza ficará sen voz propia en Madrid – aínda que propoñamos tratamentos diferentes.
As cousas mudaron en Galiza. E mudaron para ben. E teño para min que desta volta as cousas tamén poden mudar no BNG
Con efeito, algúns compañeiras e compañeiros, lexitimamente, consideran que o BNG debe continuar a camiñar en solitario e perseverar na denominada liña de Amio. Asumen que iso pode supor ficar sen representación institucional, como en Vigo ou en Ourense, mais xulgan que paga a pena correr ese risco, que as enerxías deben concentrarse na mobilización social e que, enfin, unha forza como o BNG non pode aspirar máis que a representar a un 10% do electorado. Tal é, ao cabo, a porcentaxe que obteñen as organizacións coas que estes compañeiros queren homologar o Bloque.
Estamos certos de que só así será posíbel derrotar ao PP e pór á fronte do país un goberno de esquerda e, tamén, nacionalista
Outros e outras, entre os que me conto, queremos que o BNG faga parte dunha candidatura unitaria que nos permita conformar un grupo parlamentar galego nas Cortes españolas. Apostamos porque este esforzo mancomunado poida ter continuidade nas eleccións autonómicas de 2016. Estamos certos de que só así será posíbel derrotar ao PP e pór á fronte do país un goberno de esquerda e, tamén, nacionalista. E pensamos que a mobilización cidadá, indispensábel, precisa de presenza e de forza institucional para que o cambio que arelamos sexa posíbel. De resto, un movemento nacionalista que defenda de forma consecuente o dereito a decidir non pode conformarse con representar a unha minoría. En definitiva, nin o BNG pode facelo en solitario nin tampouco ninguén poderá facelo sen o BNG.
Da súa decisión, do camiño que escollan, depende o futuro do nacionalismo e o futuro do país. Xa non caben medias tintas. Ou avanzar con Galiza ou ficar á marxe
Este é o debate no seo do BNG. É posíbel que estas dúas posturas sexan minoritarias e que, no medio das dúas, sexan maioría os e as que aínda dubidan. Súa é, pois, a responsabilidade. Da súa decisión, do camiño que escollan, depende o futuro do nacionalismo e o futuro do país. Xa non caben medias tintas. Ou avanzar con Galiza ou ficar á marxe, á espera de incertos tempos mellores, do movemento de cambio que atravesa o país.
É tempo de escoller.