O mito da Voz de Galicia

Así o PP coma o PSdeG, así o BNG coma Anova, así Feijóo coma Besteiro, Beiras ou Paco Rodriguez: se hai algún consenso establecido en Galicia, ese é o que existe sobre La Voz de Galicia. Todos concordan na súa superior capacidade de influencia política. Polo mesmo, unha vez no goberno, así sexa local coma autonómico, todos se afanan en buscar a súa amizade ou compracencia a través da subvencións de turno. Todos parecen xulgar que, en Galicia, fora da Voz non hai salvación, e que sen ilustrar as súas páxinas en fotos de primeiro plano todo é erro ou divagación. Para a maior parte dos dirixentes políticos non hai outro who´s who que o que a Voz decide. Á hora da verdade, todos pasan pola sé do xornal de Arteixo a cumprir o que entenden é unha obriga de vasalaxe. Aí están as hemerotecas para dar fe. É cousa que enche de marabilla.

Iso, aínda que sexa cousa sabida cales son os intereses e as simpatías do xornal e do seu peculiar dono. Se algunha vez pareceu ser un medio de radio amplo e se algunha vez intentou dar a aparencia da obxectividade para evitar perder a credibilidade que é a base mesma do periodismo é evidente que hai moito tempo que sucumbiu á tentación de querer poñer e quitar gobernos en todos os niveis.

Un dos principais erros estratéxicos do goberno bipartito foi poñerse nas súas mans

A campaña que orquestrou contra o bipartito nos últimos días de campaña, en coordinación coas correspondentes axencias de comunicación do PP –Swap era o nome, segundo nos revelou Xosé Manuel Pereiro- foi lida por todos como sendo decisiva para a vitoria da dereita. Precisamente un dos principais erros estratéxicos que o tal goberno foi poñerse nas súas mans. Sábese que o día das eleccións Santiago Rey, xunto cun grupo reducido de persoas, algunhas da elite económica, outras comentaristas do medio, celebrou a derrota do bipartito como asunto propio abrindo unhas botellas. Iso non foi obstáculo para que os ofendidos buscasen ao día seguinte a Pax: era, de feito, a pax romana na que o vencedor impón as súas condicións draconianas. Veremos se no ciclo que se abre non se repite a historia..  

Agora ben, é a Voz tan importante e decisiva? A resposta é moi simple: non. Por dous motivos. O primeiro, a súa constante perda de lectores. É unha baixada no número de vendas e de difusión que ten raíces complexas. Dende logo, á Voz aféctalle a crise xeral da prensa escrita. Pero tamén xoga un papel o descrédito que leva aparellado unha intervención política tan explícita. Sexa coma for, segundo a OJD o xornal La Voz de Galicia perdeu un 11,9% das súas ventas na comparativa interanual entre abril de 2014 e o mesmo mes de 2015. Se a Voz vendía o ano pasado 36.677 exemplares a cifra redúcese agora a 32.325. En difusión baixa dos 77.470 exemplares aos 72.160. Se se fai unha comparativa coas cifras de hai unha década entenderase que o descenso foi espectacular: no ano 2000 as vendas achegábanse aos 83.000 números. Por outro lado, a elección de Xulio Ferreiro mostra ata que punto a posición da Voz foi irrelevante na Coruña, a cerna da súa hipotética influencia. Pero o mesmo se podería predicar en Vigo e tantos outros sitios.

É un exemplo de adicción insuperable, un mono constante que os ten atados a unha experiencia masoquista, e, o que é peor, a unha visión do país no que certas elites son insubstituíbles

Pero o segundo motivo é o máis importante. A proliferación de canles de comunicación e entretemento, sexa audiovisual –radios e televisións-, sexa na rede, coa aparición de novos medios dixitais, sexa a expansión das redes sociais fai que o papel relativo de cada medio en particular sexa cada vez máis cativo. Que os rapaces por debaixo dos 30 non len xornais e que acoden a informarse ás redes sociais é xa unha afirmación estereotipada. El Pais xa non é o medio de referencia que deixara apuntado Vidal Beneyto non só por este motivo, pero tamén por el. O mesmo pasa coa Voz en Galicia: forma parte da polifonía, pero non é capaz de que o seu ton se escoite cun acento tan decisivo... Agás nos aparellos políticos, adictos a ese cabalo. Para eles, sexan da cor que sexan, a Voz segue gozando do virtual monopolio do mapa mental, mesmo contra toda evidencia empírica medible. É un exemplo de adicción insuperable, un mono constante que os ten atados a unha experiencia masoquista, e, o que é peor, a unha visión do país no que certas elites son insubstituíbles.O mesmo lles pasou antes co tándem Méndez-Gayoso. Foi a Merkel quen os botou fóra, non eles. Eles foron moi mandadiños.

No entanto, hai un elemento que si é incontrovertible: en Galicia non hai –aínda non hai ou segue sen haber- un medio no que poda cristalizar e verse reflectida a opinión galeguista e progresista. Esa é a verdadeira debilidade mediática da oposición á prolongada hexemonía conservadora. Os dixitais actualmente existentes aínda carecen desa masa crítica que é necesaria para marcar a axenda e organizar un mapa mental que non sexa tributario do que a diario crean os medios de dereita –todos os escritos no país-. Parece que un novo ciclo político enceta no país -loubado sexa o Señor-: estará coxo se non resolve esta anomalía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.