Na defensa dunha institución laica

Unha das cousas que máis me teñen sorprendido durante estas semanas é a controversia pola posición de Compostela Aberta de apostar por unha institución laica para Santiago, posición xustificada na separación Igrexa-Estado (artigo 16.3 da Constitución) e na necesidade de que todos os actos institucionais onde participe o Concello teñan unha natureza civil. Esa posición bebe da crenza da liberdade relixiosa de calquera cargo público e tamén da crenza de que o espazo do relixioso non debe atoparse nos actos institucionais participados polas administracións públicas que representan a todos e a todas. 

Esa posición bebe da crenza da liberdade relixiosa de calquera cargo público e de que o espazo do relixioso non debe atoparse nos actos institucionais participados polas administracións públicas que representan a todos e a todas

Durante a campaña falamos da situación dos máis de 18.000 veciños e veciñas en risco de exclusión social en Compostela, da necesidade de recuperar o latexo cultural, da importancia de planificar as obras en base á demanda existente e aos recursos, da vocación de impulsar o espazo político da gran capital e da aposta pola recuperación dun relato de cidade partillado en moitas mans que mesture tradición e vangarda. Falamos estas semanas da necesidade do diálogo e da participación da institución municipal cos barrios e parroquias de Santiago pero tamén cos estamentos que condicionan o  día a día da cidade como a Universidade, a Xunta, o Estado e a Igrexa. Dito isto, nós entendemos que máis aló dese diálogo cada quen debe asumir as súas responsabilidades. Díxeno varias veces durante a campaña como exemplo, pero eu son dos que penso que non lle corresponde a un alcalde pedirlle ao Apóstolo que remate co desemprego e coa corrupción. O que lle toca, é ser quen de impulsar políticas de transparencia e de fomento do emprego.

Facémolo dende o máximo respecto pola cidade de Lugo, por esta ofrenda e a súa tradición e tamén polo máximo respecto ao noso programa co que gañamos as eleccións, onde está recollida a defensa dunha institución laica para a capital de Galiza

Os vindeiros días 13 e 14 de xuño, coincidindo co Pleno de toma de posesión da Corporación municipal, hai un convite para o novo alcalde de Santiago do Vigairo Xeral da Diócese de Lugo para participar na Ofrenda de Galicia ao santísimo sacramento na edición núm. 246. “Os actos darán comezo o día 13 na Catedral Basílica de Lugo coas Vésperas Solemnes da Oitava do Corpus Christi e o día 14 coa solemne misa pontifical, actos que rematarán coa procesión eucarística polas rúas e prazas da Cidade do Sacramento”. A non participación da institución compostelá nesta Ofrenda xa aconteceu durante os anos da República (1931-1936) durante os cales a ofrenda non foi presentada polos concellos, senón polo Consello Diocesano de Adoración Nocturna (1931 e 1932) e polo “católico pueblo de…” (1933, 34, 35 e 36). A decisión do grupo municipal de Compostela Aberta, independentemente das responsabilidades derivadas da sesión plenaria do día 13, será a de non participar neste acto e comunicarllo ao Vigairo Xeral da Diocese de Lugo nos vindeiros días. Facémolo dende o máximo respecto pola cidade de Lugo, por esta ofrenda e a súa tradición e tamén polo máximo respecto ao noso programa co que gañamos as eleccións, onde está recollida a defensa dunha institución laica para a capital de Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.