0 Gardados para despois

Manuel Casal Lodeiro

AmigⒶs libertariⒶs: é a hora de vos implicardes no Estado!

Prégovos desculpas, antes de nada, polo provocador título desta carta aberta, compañeirⒶs. Lonxe de min a intención, con tan frontal mención á vosa némese, de facer un internético flaming acendedor de iradas respostas: tan só pretendo captar a vosa atención, ao mesmo tempo que resumo o cerne da miña proposta co propósito de que atendades —aínda que só for durante os minutos que vos leve ler este texto— os meus argumentos e comprendades que a miña proposta vai totalmente en serio.

Quero deixar claro de partida tamén que, aínda que non a comparta, respecto a lexítima posición clásica do movemento libertario de rexeitar frontalmente o Estado como o inimigo que combater, e o consecuente rexeitamento a vos implicardes no seu goberno e nas súas institucións, o cal adoitades plasmar historicamente nunha negativa absoluta a participar no xogo electoral das democracias liberais-burguesas e, polo tanto, nun abstencionismo consciente. Porén, permitirédesme que lembre que hai excepcións a esta postura: existiu —e aínda se poden atopar exemplos aquí e acolá— o herético concepto de Partido Anarquista, e mesmo hoxe unha parte do anarcosindicalismo ibérico —CGT— acepta a participación nas eleccións sindicais, exemplos que me serven para defender que o antielectoralismo non é un dogma inamovible nin absoluto dentro do movemento libertario. Tamén temos preto de nós o caso do Partido da Terra, cunha ideoloxía moi achegada aos postulados anarquistas mais que participa nas eleccións e que, de feito, hoxe xa ten representación nun municipio galego: Lousame1. Ollando un chisco cara atrás na historia do anarquismo, podemos tamén ver como, a partir dos anos 80 do século pasado, o municipalismo libertario proposto por Murray Bookchin supuxo unha evolución especialmente notable da estratexia política de base anarquista que, se ben non se pode dicir que causara unha mudanza definitiva no pensamento maioritario do movemento libertario, si que demostrou que existían outras maneiras de perseguir os seus ideais que eran compatibles cunha participación moi determinada na mecánica electoral e institucional do Estado, cando menos no ámbito local, asemade dunha incorporación profunda do ecoloxismo baixo a fórmula novidosa do ecoloxismo social. Xa nos nosos días, o avance do chamado confederalismo democrático no Curdistán —sustentado precisamente nas ideas de Bookchin— é un exemplo de como estes principios se están a levar á práctica en multitude de ámbitos sociais, sen desbotar o electoral, no que o HDP2 obteu por primeira vez oitenta deputados nas lexislativas turcas de xuño deste ano. Tamén nestes últimos anos o pensador australiano Ted Trainer —moi afín ás ideas libertarias e admirador tanto do movemento cooperativista como especialmente da experiencia histórica da Revolución Española de 1936-37 e dos seus logros autoxestionarios—, coa súa proposta do Camiño da Simplicidade (The Simpler Way), tamén aposta por un modelo similar, actualizado coa consciencia do colapso da civilización industrial que, desde a época en que Bookchin elaborara a súa proposta municipalista-comunalista, entrou nunha vía acelerada e irreversible. E é precisamente aí onde reside o punto central co que eu pretendo xustificar a necesidade dunha urxente e excepcional implicación libertaria nas institucións dun Estado en crise terminal.

O fin da pseudodemocracia

Este simulacro de democracia que desfrutamos/padecemos, ten os seus días contados. Ao se esborrallar o sistema capitalista-industrialista no que se insire historicamente —debido en primeira instancia ao devalar enerxético mais tamén ás outras crises simultáneas de tipo biofísico-ecolóxico (caos climático acelerado, perda acelerada de biodiversidade e de servizos ecosistémicos, perda de auga e terra fértil, etc.)—, só aparecen dúas saídas posibles: quer unha deriva autoritaria-totalitaria-fascista a nivel intraestatal acompañada a nivel interestatal dun auxe paralelo das guerras polos derradeiros recursos (combustibles fósiles e nucleares, auga, terra...), quer unha profundización radical cara a unha auténtica democracia con fundamento ecoloxista e local, é dicir, o que algúns autores como Luis González Reyes chaman eco-comunitarismos. É dicir, asistimos a un intre de discontinuidade histórica, un punto de emborque, no que a (pseudo)democracia tal e como a coñecemos afundirá moi probablemente, arrastrada pola morte desa efémera paz social entre capital e traballo da última metade do śeculo XX. Esa tregua histórica estivo baseada nun reparto pretendidamente xusto dunha torta (riqueza) que estaba sempre a medrar grazas á enerxía fósil, pero que agora entrou nun acelerado e irreversible devalar3. En consecuencia: a menos enerxía, menos produción e menos riqueza que repartir. Esta situación está a forzar unha deriva desesperada do sistema capitalista, necesitado de beneficios sempre crecentes, cara ás bollas financeiras de destrución másiva e mais a un paralelo espolio extractivista, e a un acaparamento neofeudal da riqueza física en forma de terra, auga, sementes... nun auténtico revival a escala planetaria dos cercamentos tardomedievais.

Non vos enganedes: este modelo que chaman democracia non vai subsistir no contexto de escaseza xeralizada cara ao que nos diriximos, esa Gran Escaseza da que nos veñen advertindo divulgadores científicos como Antonio Turiel4. E xa temos experiencias históricas dabondo para saber como acaba ese conto: viviuno a xeración das nosas avoas e bisavós hai agora oitenta anos, co apoxeo dos fascismos tras a Gran Depresión, e ímolo vivir nós tamén, con toda probabilidade, máis cedo ca tarde, a consecuencia da Depresión Terminal do sistema. É por isto que considero máis que xustificada unha implicación crítica e condicionada —pero decidida— do anarquismo nas institucións do Estado, axeitada ao excepcional momento histórico, como soubo facer a CNT en 1936 para tentar parar os pés ao fascismo. Considero, mesmo, que hoxe existen aínda máis razóns ca daquela para substituír a hostilidade e a confrontación pura e dura (dogmática) co Estado sexa cal for o goberno que o dirixe, por unha participación activa e heterodoxa que cumpra dous obxectivos da máxima relevancia histórica: 1º) Poñer todos os atrancos posibles aos intentos neofascistas para se faceren cos últimos resortes do aparato estatal; e 2º) Procurar que o Estado elimine todos os atrancos posibles ao xurdimento de iniciativas non-estatais de autoxestión eco-comunitaria. Isto é: ao mesmo tempo que actuamos desde dentro para evitar deixar o campo libre ao tardocapitalismo omnicida, facilitar que se actúe desde fóra para crear alternativas a un Estado que pode tamén morrer matando. O que propoño é a infiltración a xeito de quinta columna que sabotee internamente a deriva actual dos poderes á fronte do Estado. Tentarei explicar brevemente en que podería consistir esta estratexia que algunha xente afín ao movemento libertario (podo citar, entre os que máis coñecido, a Jorge Riechmann e Emilio Santiago Muíño) denominamos estratexia mixta ou dupla5.

1) Participar nas institucións do Estado para impedir o seu dominio absoluto polas forzas antisociais.

Comprendo que o institucional non é o voso campo de acción, que é alleo á vosa fulcral estratexia de construción de liberdade sen e contra o Estado. Aínda así, considero que se deixamos este campo de xogo libre —por un purismo que ben puido estar xustificado noutros tempos históricos moi diferentes, nos que non estaba en xogo a continuidade da nosa especie—, o resultado vai ser que a deriva fascista tomará con máis facilidade o seu control6. Por suposto non agacho o feito de que non vai ser nada doado participar no xogo do inimigo, coas súas regras, no seu terreo, mais se non o facemos, a súa vitoria é segura (cando menos na batalla polo control do Estado e os seus recursos). Así pois, eu pregúntovos: por que non tentarmos darlles a volta a esas regras? Que nos impide tentar unha reviravolta ao xeito do aikido e viralas na súa contra? Unha estratexia para lograr isto, podería ser a que promove levar a democracia directa ás institucións representativas, como concellos e parlamentos, sen necesidade de mudar a lexislación electoral, simplemente facendo un uso instrumental e creativo dos mecanismos existentes: é a estratexia do cabalo de troia que xa fora anticipada en 2006 por D37 e que agora renaceu entre nós —unida á defensa da revitalización da tradición local do concello aberto— baixo o nome de Grândola Galega8. Mediante este mecanismo —ou calquera outro que coidásedes máis útil e coherente— poderíades buscar compatibilizar ao máximo algúns dos principios libertarios fundamentais (asemblearismo, democracia directa, confederalismo...) coas vías da democracia parlamentar. Teño a convición de que algo así abriría, ademais, non só a posibilidade de mobilizar por primeira vez desde hai moito tempo —e dunha maneira efectiva— o voto libertario, senón tamén boa parte do voto abstencionista non libertario. Podería mesmo chegar a se constituír como unha forza determinante ou de goberno en determinados ámbitos, ou —cando menos— facer decantarse de maneira decisiva certas leis, certas accións nos respectivos gobernos: é dicir, marcar unha diferenza prosocial e consciente dos límites da biosfera en aspectos críticos deste devalar civilizatorio que imos vivir durante as vindeiras décadas9.

A estratexia que vos convido a considerar podería ter as seguintes características, que facilitarían  unha participación altamente coherente cos principios libertarios, na miña opinión:

a) O movemento libertario non apoiaría electoralmente candidaturas de partidos políticos, mais si unha propia ou acordada —a partir do resto de principios aquí recollidos— con outros movementos sociais.
b) O programa político desta candidatura sería elaborado conxuntamente pola sociedade, mediante mecanismos asembleares abertos e de democracia directa.
c) As persoas que conformasen a lista electoral desta candidatura serían tamén elexidas pola base social, de maneira totalmente aberta entre aquelas que estiveren dispostas a asumir os seus principios de funcionamento. Idealmente, estas persoas non deberían ter militancia previa en partido político algún.
d) A actuación das persoas que resultasen electas, dentro das institucións lexislativas representativas —e que mesmo poderían facer parte de posibles gobernos—, estaría supeditada de maneira estrita ao programa aprobado previamente ampliado coas novas decisións que a mesma base social iría tomando posteriormente mediante asembleas permanentes. Obedecerían imperativamente o mandato dado seguindo os principios tradicionais do asemblearismo libertario, a xeito de delegadas/os. Calquera proposta de lei, pregunta parlamentar, etc. que fose aprobada maioritariamente por esta asembleas sería elevada automaticamente á institución parlamentar por estes/as voceiros/as mandatados/as10. Ningunha negociación con outros grupos políticos sería posible sen o acordo das asembleas.
e) Tanto para a conformación programática como para o control da actuación das persoas electas, disporíanse mecanismos que aproveitasen a extensión e accesibilidade actual das NTIC, pero que non se limitasen a elas, de tal xeito que calquera persoa puidese intervir na determinación democrática do voto das persoas delegadas nos parlamentos e/ou gobernos.

Non falamos de utopías imposibles, de renunciar a principios considerados sagrados en troco dunhas migallas do poder do Estado, senón de vías que poden chegar a resultados dun alcance semellante aos logrados hoxe polo neozapatismo en Chiapas ou polo confederalismo democrático no Curdistán, por non mencionar as experiencias de democracia directa a nivel local existentes por todo o mundo, comezando pola famosa —malia que imperfecta— Marinaleda. En definitiva: mentres levemos ás institucións un(ha)s representantes que maden obedecendo non estaremos traizoando en absoluto, na miña opinión, os ideais libertarios. Estaremos, de feito, mutando as institucións estatais de aparatos baixo o control das oligarquías en mecanismos cun máximo control cidadán. Estaremos mutando esas institucións para facelas simbióticas coas que estamos a construír —no entanto e paralelamente— desde baixo, nos parámetros do ecoanarquismo/ecocomunalismo/ecofeminismo.

2) Participar nas institucións do Estado para facilitar a mudanzas civilizatorias comunitarias.

Existen xa numerosas experiencias por toda parte que están a construír —con maior ou menor éxito, cun ritmo máis ou menos rápido— unha nova sociedade paralela ao Estado e mais ao mercado capitalista, que os poida substituír cando estes se esborrallen xunto co resto da civilización industrial. Iso, por suposto, é agora mesmo o máis importante, o máis útil que podemos facer como sociedade e como movementos sociais: levantar ese tipo de utopías palpables e implicar nelas ao maior número de persoas posible, predicando co exemplo, como sempre soubestes ver os e as libertarias. Con todo, a pregunta que pretendo lanzar con esta carta é clara: por que non dedicarmos tamén un (pequeno ou grande) esforzo a evitar que a hidra xigante Estado-Capitalismo nos esmague na súa caída? Por que non utilizarmos os seus propios recursos para facilitarmos o camiño da utopía eco-comunitarista?

Como se demostrou en Cuba no Periodo Especial11, é a sociedade a que mellor pode liderar o proceso de transformación e adaptación postindustrial, a que mellor poderá e saberá pilotar o decrecemento, pero o papel do Estado facilitando ou —cando menos— non poñendo atrancos á iniciativa da sociedade civil, pode resultar sumamente útil e implicar un enorme aforro de recursos e esforzos á sociedade. Mesmo existen vías para promover desde o Estado a autoorganización social, como reclama por exemplo desde o ecoloxismo social máis consciente Yayo Herrero. Baseándome na consciencia destas posibilidades, anímovos a prestardes atención no movemento libertario a esas vías de superación do antagonismo Estado-autoxestión, e —con ela— de superar a separación histórica das dúas pólas da Esquerda que desa concepción antagónica se derivou hai agora 150 anos, como comezan a reclamar moitas voces. Se renunciamos a esta actualización estratéxica, arriscarémonos a perder aínda máis forzas nunha esgotadora confrontación cun Estado que, xa totalmente nas mans das elites, ben poderá dispor de forzas ata o derradeiro estertor para esmagar calquera iniciativa aestatal, calquera icaria local12. Algo parecido á posibilidade que eu propoño está descrito, para o caso catalán, por Jordi Solé nun interesante texto de anticipación política publicado no nº 0 da revista 15/15\15, no que o científico e activista catalán nos presenta un debate situado no ano 2030 sobre a devolución de soberanía por parte do Parlament dunha Catalunya confederada ás iniciativas autoxestionarias de transición postindustrial de cada comarca13. É dicir: sabemos que non precisamos do Estado para construír a nova sociedade poscapitalista, poscrecemento, pospetróleo... mais, podemos permitirnos renunciar de partida a tentar construíla coa súa colaboración ou, cando menos, coa súa anuencia?

Confío en que ninguén de vós se escandalice se xulga isto unha manobra de pura e dura instrumentalización do Estado, pois considero que, en todo caso, esa instrumentalización non estaría eticamente moi afastada da que, a nivel individual, pode realizar, por exemplo, unha persoa libertaria que participe instrumentalmente dentro dos mecanismos e normas do Estado para conseguir unha praza de profesor ou profesora universitaria e así dispor do efecto multiplicador da súa voz que ofrece o entorno académico ou ben para, simplemente, liberar economicamente parte do seu tempo para o estudo e difusión das ideas libertarias. Se consideramos, cabal e honestamente, que as persoas de convicións libertarias que participan dunha ou doutra forma nas estruturas do Estado —mesmo que for como funcionarias, parte integrante e incarnadora capilarmente do Estado—, están a facer unha instrumentalización do Estado para os seus propios fins, totalmente lexítima e en absoluto incompatible co mantemento da súa fidelidade e coherencia ideolóxica... daquela, concordaremos en que tamén o había poder facer —da maneira que veño describindo ou outra análoga— unha parte máis ou menos ampla e organizada do colectivo libertario.

O Estado é na realidade unha estrutura intrinsecamente opresora e irreformable?

Moitas de vós responderedes ás proposicións que veño de enunciar co clásico posicionamento anarquista que me atrevín a enunciar como un argumento duplo no título deste epígrafe: a) o Estado é unha estrutura inherentemente dominadora e opresiva por si mesma, con independencia de quen o gobernar e, xa que logo, incompatible coa liberdade; e b) o Estado é basicamente irreformable. Intúo que desde esa postura descartaredes calquera estratexia que pase —como a que modestamente vos estou a propor— por tentar actuar dentro do Estado. Agora ben, permitiredes que me anticipe ás vosas obxeccións cos argumentos que bosquexo a continuación.

En primeiro lugar non concordo en que o Estado deba ser necesariamente —ontoloxicamente— unha estrutura que oprima e sexa incompatible cos ideais de liberdade do anarquismo (agás que falemos de anarcocapitalismo e de anarquismo individualista, onde si habería que recoñecer unha absoluta incompatibilidade co Estado). Pero non pretendo agora entrar a debater acerca dos diversos tipos de Estado que poden existir ou que teñen existido en función de quen os controle en cada momento. Simplemente situareime nunha aceptación momentánea da vosa hipótese para, partindo dela, formularvos un par de cuestións. A primeira sería que precisamente por consideralo un instrumento antagonista e privador da liberdade, sería unha opción táctica perfectamente compatible a de aproveitar a pequena porta que abre o mecanismo electoral nos Estados configurados como democracias burguesas de tipo parlamentar, para tentar aínda que só fose interferir ou sabotear a súa acción. Que combatente podería renunciar a aproveitar unha fenda no muro do inimigo? Con todo, o argumento máis forte contra esta obxección penso que é o seguinte: ademais dunha hipotética estrutura de dominación, o Estado (polo menos este Estado industrialista-fosilista-capitalista) é unha estrutura de destrución da biosfera, é dicir, un factor que está a contribuír positivamente para o rumo de suicidio colectivo que leva a civilización industrial. E, nese sentido, aínda que o segamos a considerar unha estrutura de dominación, podemos pensar en actuar desde dentro para mudar esoutra característica que en ningún caso podemos considerar inherente nin, desde logo, secundaria. O que quero dicir é que, se ben o capitalismo precisa crecer constantemente, non é ese o caso do Estado, e polo menos na teoría podemos pensar nun Estado decrecentista ou que promova unha economía estacionaria, e nese sentido, deixe de ser un Estado biodestrutor. Se concordades con isto, estaredes perante un dilema: rexeitamos participar no Estado porque é dominador e non pode deixar de selo, ou ben aceptamos participar no Estado porque é produtivista —e, en tanto que tal, unha ameaza para a continuidade da nosa e doutras especies— pero pode deixar de selo?

En canto á segunda parte da dupla obxección que encabeza este epígrafe, a de que o Estado non pode ser reformado en ningún sentido profundo, tamén penso que podemos botar man de argumentos históricos que demostrarían o contrario e que abondaría con comparar, por exemplo, a evolución do Estado durante os pasados séculos así como as evolucións políticas producidas a partir das Revolucións Francesa, Rusa, Cubana, Chinesa, etc. para comprender que, cando menos, existen factores políticos que levan a certas mudanzas de importancia innegable no contido e funcionamento da forma Estado. Pero de novo, non quero centrar a miña defensa nesa subxectiva avaliación das reformas producidas ao longo da historia por factores políticos e/ou económicos, como tamén podo ser o caso da progresiva tomada de control do Estado por parte da burguesía capitalista no mundo occidental desde o Renacemento. No que penso que compre reparardes é máis ben nas mudanzas producidas na forma Estado ao longo da historia por factores enerxéticos. Isto é, que comparedes os Estados do Antigo Réxime, por exemplo, cos seus modelos sucesores da primeira época industrial e cos poderosos Estados (quer capitalistas, quer de modelo soviético, maoísta, castrista, etc.) que se conforman a partir da II Guerra Mundial. As reformas autoinducidas neses Estados grazas a unha maior dispoñibilidade enerxética son innegables. E precisamente de aí derivo o punto que invalida, para min, a argumentación da irreformabilidade do Estado actual: o Estado vai sufrir profundísimas reformas queiramos non queiramos, precisamente porque está a ficar de maneira acelerada sen a enerxía que precisa para manter o seu formato actual, hipercomplexo e cuase-ubicuo. A cuestión, daquela, á que nos enfrontamos é: Queremos incidir aínda que sexa minimamente nese proceso de reforma-redución do Estado que está xa en marcha? Se non participamos, xa estamos a ver quén está dirixindo este decrecemento (máis ben xibarización desmembradora) do Estado: o poder económico-financeiro14. Podemos permitirnos, neste contexto, o luxo de manternos á marxe e non influir, aínda que sexa minimamente? Sabemos que hai conxunturas derivadas da mecánica electoral e parlamentar na que uns poucos deputados ou tan só un(ha) pode botar atrás unha lei, ou facer posible outra. Se queremos menos Estado e máis poder comunitario, metamos baza no proceso, porque xa está en marcha —connosco ou sen nós—, e podemos ser un vector máis que apuxe na dirección que queremos.

Conclusión: por unha actuación urxente e simultánea dentro e fóra do Estado

Por suposto non pretendo proporvos que abandonedes o obxectivo histórico de construír o comunismo libertario desde abaixo (acaso podería ser doutra forma?) nin que centredes os vosos maiores esforzos na parte institucional da acción política. Insisto novamente en que a construción de estruturas independentes do Estado é máis necesaria, pertinente, posible e urxente ca nunca, e aí coincido con moitos pensadores no campo libertario e decrecentista, como Carlos Taibo, Enric Duran —e todo o movemento das Cooperativas Integrais—, Álex Corrons, Emilio Santiago, Adrián Almazán ou Ted Trainer, coa súa interesante proposta das Community Development Cooperatives15, por citas só algunhas das voces que —cada vez máis numerosas— apuntan esa urxencia. Pero, precisamente porque non podemos caer na inxenuidade de pensar que, mesmo no caso de darmos construído a tempo un potente tecido comunitario e autoxestionario capaz de satisfacer boa parte das necesidades básicas da xente, este vai ser inmune á deriva totalitaria do Estado, é polo que eu coido imprescindible implicármonos onde fixer falla para empecela ao máximo, nunha auténtica estratexia de guerra total. E se para iso pode ser útil presentarse a unhas eleccións e participar no xogo parlamentar, hai que facelo. Aínda que só for para defender os logros que van levantando os movementos de emancipación e transición eco-feministas-comunalistas, non podemos deixar o terreo de xogo estatal libre a un inimigo que con toda probabilidade o usaría para esnaquizar eses logros.

Coincido con Jorge Riechmann, Yayo Herrero e outros autores en que non é en absoluto imposible concibir un Estado que permita medrar a alternativa ao Estado. Isto é posible unicamente agora, porque as regras de xogo están a mudar de maneira irreversible, mais non só as regras políticas senón algo máis profundo: as regras metabólicas das sociedades humanas e, en concreto as do Estado, cada vez máis incapacitado para manter non xa iso que chaman o Estado do Benestar senón tan sequera unha estrutura minimamente ampla e complexa16. Quen dirixir os Estados postindustriais deberá asumir que esta institución xa non vai poder monopolizar o papel de omnisatisfactor das necesidades sociais, que non vai ser xa o principal actor social, en competencia (colaboración?) co mercado capitalista, e que precisa cooperar coa sociedade autoorganizada, no canto de loitar contra ela. E, desde o outro lado, as persoas que defendedes a autoxestión faríades ben en ter en conta ese novo feito histórico, e en consecuencia colaborardes para o Estado virar nese sentido, e se tornar unha especie de post-estado que comparta pacificamente o poder con outras institucións comunitarias de tipo non-estatal. Non me cansarei de teimar: marxismo e anarquismo precisan ollar a cuestión que os separa —a cuestión do Estado— con novos ollos a partir dunha clara consciencia do inevitable colapso civilizatorio en marcha.

Estamos a nos adentrar nun periodo absolutamente inédito na historia da Humanidade no que cada vez imos dispor de menos enerxía, o cal nos vai levar por un destes dous camiños: ou ben a (re)aprendermos a vivir unicamente da enerxía que nos fornece o fluxo solar anualmente, ou ben á extinción como especie, levando por diante boa parte dos demais seres vivos nunha VI Extinción Masiva xa en marcha17. Ningún outro tempo pode ser máis digno de medidas excepcionais. Son tempos nos que non podemos cometer o tráxico erro de nos enrocarmos en posturas esencialistas e ortodoxias autocompracentes propias de épocas moi distintas. Son tempos de emerxencia civilizatoria nos que precisamos máis ca nunca da utopía libertaria e das persoas que loitades por ela. Pídovos que non deixedes de defendela, compañeirⒶs, e que ampliedes esa loita agora tamén á fronte institucional onde se están a xogar recursos moi valiosos que non podemos permitirnos desbaldir, e que poderían ser usados na nosa contra e para a aniquilación de calquera posibilidade dun mundo mellor. Temos que erguer entre todas, tamén dentro do Estado, as barricadas que protexan o noso futuro e o propio futuro da vida neste planeta.

 

1 http://tambre.mancomunidade.org/

2 Partido Democrático dos Pobos, brazo político pro-curdo do Congreso Democrático dos Pobos (HDK), plataforma anticapitalista que resulta da unión de varias organizacións de esquerda co obxectivo de representar na política turca as persoas oprimidas por razóns étnicas, relixiosas ou de xénero. Web oficial: http://www.hdp.org.tr/

3 Para o concepto de Peak Oil ou Teito do petróleo remítovos aos diversos textos publicados pola Asociación Véspera de Nada por unha Galiza pospetróleo: http://www.vesperadenada.org. Pode servir tamén como introdución o artigo de Xoán R. Doldán: «Pico do petróleo, crescimento económico e capitalismo» , na revista O Golpe, nº 2, “Economia e crise”. URL: http://galiza.pospetroleo.com/2013/09/13/pico-do-petroleo-crescimento-economico-e-capitalismo/ Tamén vos recomendo —se aínda non o lestes— o libro Guía para o descenso enerxético. Preparando unha Galiza pospetróleo (Véspera de Nada, 2013), dispoñible de balde en http://galiza.pospetroleo.com

4 http://crashoil.blogspot.com.es/

5 Tento profundizar máis nesta e noutras estratexias no meu libro de próxima aparición A Esquerda ante o colapso da civilización industrial. Apontamentos para un debate urxente.

6 Concordo aquí co compañeiro Xoán Doldán cando recoñece: “As estratexias na loita de clases nun capitalismo en ascenso non poden ser as mesmas que nun en declinio”. URL: http://www.vesperadenada.org/2010/11/20/o-declive-asimetrico-da-civilizacion-industrial-e-a-necesaria-viraxe-estratexica-da-esquerda/

7 Inoculación de la Democracia Directa en el Sistema Representativo por medio de las NTIC: El sistema D3. Comunicación ao III Congreso online do Observatorio para a cibersociedade (2007). URL: http://www.d-3.info/democraciadirecta/descargas/?did=2

8 Manifesto que se pode ler e asinar en http://Grandola.gal

9 Postos a pensar no peor dos casos —obxectivo de mínimos absolutos—, no dunha total inutilidade a efectos lexislativos ou de acción gubernamental, esta estratexia que propoño sempre había permitir facer un uso instrumental do altofalante das institucións para transmitir á sociedade unha mensaxe radical e disruptiva a prol do decrecemento autoxestionario e dun colapso construtivo dunha nova civilización: é dicir, para rachar co tabú institucional e mediático sobre a cuestión máis trascendental da nosa época, o cal non sería pouco!

10 O termo procede duns pioneiros a nivel internacional nas propostas de emprego da telemática como estratexia de infiltración para introducir a soberanía do pobo nas institucións representativas: os uruguaios Democracia Directa Informatizada: http://www.democracia-directa.org

11 Remito para máis detalle ao anexo sobre a experiencia cubana co seu particular e antecipado Peak Oil na xa citada Guía para o descenso enerxético, así como á tese doutoral do antropólogo Emilio Santiago Muíño sobre este asunto, en preparación.

12 Termo tomado de Michael Joker en Historia de España 2014-2033. Crónica de un colapso (La catarata, 2013).

13 Jordi Solé: “Un pas més en el camí cap a la 'Nova República', aprovat al Parlament” URL: http://www.15-15-15.org/num0/un-pas-mes-cap-nova-republica-POR-jordi-sole.shtml Nese mesmo número da revista 15/15\15 para unha nova civilización pódense ler máis textos que debuxan como pode ser un conflitivo camiño cara a unha sociedade postestatal, algúns deles ambientados na Galiza. Sobre esta cuestión tamén recomendo o texto de Joám Evans Pim “Mancomunidade: Uma terra livre sem estado”, en Taibo, Carlos; Nieves, Arturo de (eds.), Tempos chegados? Sobre o futuro político da Galiza (Galaxia, 2015 —no prelo—), pp. 93-120.

14 O que adoitamos chamar recortes e privatizacións non son senón síntomas dese proceso, que actualmente podemos presenciar en fases avanzadas en países como Grecia e cada vez máis ao noso redor.

15 Descritas no libro de próxima aparición en castelán El camino de la simplicidad: Por un mundo más justo y sostenible, cuxa publicación está prevista este outono na Editorial Trotta.

16 É fundamental neste punto comprender que a complexidade de calquera estrutura é función directa da súa permanente dispoñibilidade de enerxía. Así é que as estruturas de elevada complexidade como o Estado moderno das sociedades industriais posúen metabolismos cun consumo de enerxía e materiais verdadeiramente gargantuesco.

17 Confirmada pola ciencia nun recente estudo, por se alguén aínda tiña dúbidas: «Accelerated modern human–induced species losses: Entering the sixth mass extinction» en Science Advances (19/06/2015), vol. 1, n. 5. URL: http://advances.sciencemag.org/content/1/5/e1400253

Acerca de Manuel Casal Lodeiro

Manuel Casal Lodeiro, "Casdeiro", (Barakaldo, 1970) é consultor de proxectos en Internet licenciado en Informática pola Universidade de Deusto (Bilbao). Autor de A esquerda ante o colapso da civilización industrial (2015) e Nosotros, los detritívoros. Desde mediados da década de 1990 destacouse como ciberactivista e promotor de iniciativas e organizacións como Fillos de Galicia, Democracia Directa Digital (D3) ou Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, entroutras. Máis información e contacto no seu web persoal http://Casdeiro.info