Precisaremos boa fe, franqueza e humildade

A política sempre é cálculo porque expresa intereses. Porén, aliméntase de sentimentos, emocións, medos e soños. Recentement tivemos un 25 de Xullo que naceu da confianza en nós como país e que catalizou verdadeira ilusión en moitas persoas, fíxonos ver que é posíbel que existamos como unha sociedade con dignidade, que resgata o control dos seus recursos e posibilidades e pode ser dona de si. Ilusión e mais esperanza son froitos tan valiosos como escasos entre nós e nestes días pasados puiden ver asomar algo diso nos semblantes de persoas ben distintas.

Sería insoportábel que se perdese esta posibilidade. Teriamos culpa se non tratásemos esa esperanza con respecto e coas mans máis limpas

Sería insoportábel que se perdese esta posibilidade. Teriamos culpa se non tratásemos esa esperanza con respecto e coas mans máis limpas. As raposerías, que son a máis vella política, é xusto o que pode negar a unidade que sexa posíbel.

Farei por ser claro. Desde hai dous ou tres anos a política avivouse nun sentido fundamentalmente positivo, o sufrimento social fixo abrollar todo o descontento coa política practicada. Hai dous anos ese momento de crítica era transversal a toda a sociedade española, con todo tiña unhas limitacións maiores do que esperaba moita xente e a recente enquisa do CIS mostra unha tendencia á “normalizar” as cousas, a limitar a crítica. Con todo, ese momento de crítica permaneceu máis vivo na esquerda, como é natural pois a esquerda é a crítica ao poder establecido.

Na Galiza iso deuse dun modo peculiar, primeiro houbo unha crise por motivos endóxenos do BNG, que nos últimos vinte anos fora integrando a sectores da esquerda relativamente diversos e que coa ruptura volveron esparexerse e creou un novo mapa político. Esa diversificación, nacida dunha ruptura traumática, fíxose dun modo problemático para a necesaria colaboración en prol das causas sociais e nacionais. Unha consecuencia secundaria dese reordenamento da política galega foi a reaparición de EU, que fora perdendo o seu espazo político ano tras ano absorbido polo BNG, e que resultou unha peza útil para a política de alianzas dos escindidos para tecer unha candidatura, AGE, ao noso parlamento. Mais todo iso, como a vida, está en movemento.

E chegounos tamén o impacto da irradiación madrileña de Podemos, unha peza renovadora da política estatal xunto ao PP e o PSOE . De como ten avanzado a ideoloxía nacionalista española e retrocedido a conciencia nacional entre nós é significativo que Podemos non contempla engadir a coleta dG ás súas siglas entre nós, a diferenza do PP, que a conserva. Tamén é preciso constatar que o PSOE chegou a tal cativeza entre nós e abandonou até tal punto a franquicia galega que nas pasadas elecións nin sequera utilizou as siglas PSdeG. 

PP, PSOE e Podemos ofrécenlle á sociedade galega unha proposta nacional española ben definida, con distintas posturas a respecto das políticas económicas e sociais

PP, PSOE e Podemos ofrecenlle á sociedade galega unha proposta nacional española ben definida, con distintas posturas a respecto das políticas económicas e sociais. EU é a organización estatal que mantén unha postura máis matizada e aberta. Estamos obrigados a coidar as ilusións espertadas e non estragalas, de modo que se non queremos nos enganar ou confundir é preciso aclarar proxectos posíbeis, na vez de caermos en argadelas que nos tendamos a nós propios.

Hai un proxecto posíbel que é o dunha candidatura nacional galega e pode haber outro ou outros proxectos que non aspiren a iso senón a proxectos tamén democráticos e de esquerdas de rexeneración local, autonómico ou estatal. Unha candidatura nacional galega ten sentido se se asume o decurso dunha historia propia que constata a existencia do continuo dun pobo na historia con cultura e personalidade propia e que ten uns problemas colectivos que se explican fundamentalmente pola submisión a un sistema de poderes organizado dentro do Estado español polas minorías que detentan o poder desde a capital. Iso explica que precisemos organizacións propias, autoorganización nacional, e o afán de construírmos unha candidatura nacional galega que nos represente nas cortes españolas.

Ese proxecto ten raíces históricas profundas desde hai douscentos anos e deu lugar a toda unha creación intelectual e política, unha análise da historia, das relacións políticas, da cultura e da economía. Un pensamento económico de longo percorrido que nace coas intuicións de Faraldo, Rosalía e Murguía e analizado desde distintos puntos de vista primeiro polas Irmandades da Fala, e logo por Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade (La marginación de Galicia, Galicia como tarea), Xosé Manuel Beiras (O atraso económico de Galicia), Colino, Corbacho e Touriño (O Atraso e nós), López Suevos (O proletariado simbiótico), Camilo Nogueira (Bases económicas das Bases Constitucionais da nación galega), O poder económico en Galicia (Xoán López Facal e Camilo Nogueira) e continuado por numerosos estudos e publicacións posteriores nacidas da universidade galega. A especificidade galega e a súa problemática propia non se pode ver desde Madrid mais é imposíbel non vela desde as nosas realidades.

A especificidade galega e a súa problemática propia non se pode ver desde Madrid mais é imposíbel non vela desde as nosas realidades

Entendo que a democracia e os programas da esquerda só son realidade entre nós construídos desde aquí e desde nós. Cando até Rajoy fala de reformar a Constitución para moitos de nós é evidente que este é un momento excepcional e que precisamos representación nacional propia. É evidente que ese grupo parlamentar só se pode sustentar sobre un programa eminentemente social. Alguén pode dubidar de que esa minoría galega nas Cortes non só representará a nosa existencia nacional senón que tamén apoiará alí as políticas que, sen atacar os nosos intereses lexítimos, sexan xustas e solidarias?

Alguén pode dubidar de que esa minoría galega nas Cortes non só representará a nosa existencia nacional senón que tamén apoiará alí as políticas que, sen atacar os nosos intereses lexítimos, sexan xustas e solidarias?

Coas características nacionais galegas, coa nosa historia, coa nosa situación nas relacións de poder no Estado, coas nosas necesidades colectivas... Non hai contradición entre o nacional e o social. Desexar construír a nación galea nesta altura histórica conduce inevitabelmente dun modo ou doutro á esquerda, e ser demócrata e de esquerdas na Galiza significa recoñecer as relacións de poder existentes e conduce inevitábelmente a defender a nación galega.

Os intentos de rexenerar a política e expresar mellor a sociedade na Galiza non poden de ningún xeito subsumirse en estratexias que reproducen as relacións de poder existentes no Estado. Tras fracasar o intento de recoñecer o carácter nacional da Catalunya dentro deste sistema político, tras a sentencia do Tribunal Constitucional, é evidente que esta España non cambiará por ela mesma. Non haberá cambios nas relacións de poder que non se impoñan democraticamente: se queremos decidir sobre os nosos intereses precisamos ter poder político. Galiza precisa acumular soberanía.

 Hai sectores cidadáns mobilizados e van ter un papel que pode ser decisivo para gañar unha unidade política tras un programa social e nacional galego, porén todo país ten partidos e organizacións. Hai sindicatos, organizacións e partidos españois, cataláns, portugueses, vascos, franceses..., tamén os hai galegos. E a cidadanía que quere impulsar a unidade andaría ben confundida se ignorase a súa existencia, están aí e son precisos. Aínda máis, por máis que neste momento persoas que non teñen militancia anden decididas a facer a máis limpa e mellor política, terán de ser os partidos quen cargue coa responsabilidade última de que ese proceso acabe ben. Por iso hai que lles falar con claridade e pedirlles claridade, os tempos de andar por atrás ás agachadas xa pasaron. Diso se trata precisamente, de facer política clara e a vista da xente toda.

No Parlamento galego, aparte o PP e o PSOE, están AGE e BNG, mais dúas deputadas no Grupo  Mixto orixinarias de dous sectores de AGE. E, alén doutras formacións máis pequenas, presentan candidaturas BNG e Compromiso por Galicia. E as formacións que compareceran nas autonómicas baixo as siglas AGE (EU, Anova, FPG, Cerna) xunto con Podemos impulsaron candidaturas locais. Esas son as organizacións que teñen a responsabilidade de axudar a que naza unha oportunidade nova para este país. E esas son as pezas que se están a mover e se han mover por debaixo, polo medio e por riba do movemento cidadán, das esperanzas de moita xente e das olladas de gran parte da sociedade.

Se, por mesquindades, irresponsabilidade e falta de visión de país, o proceso remata en dúas candidaturas todas as nosas ilusións, a nosa esperanza terá rematado en fracaso

Realmente, por máis que o decisivo está a ser e vai ser a presión e o labor de construción cidadán, a única candidatura verdadeiramente nacional galega será a que acabe integrando a todas esas forzas e grupos e outros de menor tamaño e actividade. Se, por mesquindades, irresponsabilidade e falta de visión de país, o proceso remata en dúas candidaturas todas as nosas ilusións, a nosa esperanza terá rematado en fracaso. De ningunha maneira aceptaremos ese resultado. De modo que contruamos un diálogo transparente e sen máscaras.

Todo o mundo interesado sentado ao redor da mesa, sen subterfuxios nin ocultamentos. Sen vetos, sen outros límites que os que nos uniron o 25 de Xullo na Quintana.

Ningunha lista vai gañar tanto apoio da sociedade galega como esa suma de forzas co entusiasmo que espertará. Van servir de escusa as desconfianzas mutuas?

Que razóns hai para non intentar a unidade sobre eses propósitos? Razóns de rendemento político, un cálculo de resultados electorais? Ningunha candidatura, quitada o PP, vai ter tal estrutura organizativa por todo o país. Ningunha vai gañar tanto apoio da sociedade galega como esa suma de forzas co entusiasmo que espertará. Van servir de escusa as desconfianzas mutuas? Daquela búsquense mediacións, búsquense garantías nas negociacións. Pero non hai excusa para dificultar a unidade, non hai escusa para deixar indefenso este país xusto cando até Rajoy di que hai que revisar cousas fundamentais. Non hai escusas, só hai un labor que facer: unir é construír.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.