A-57: Apuntamentos para o debate

Eu convidaría a tódolos pontevedreses a subirse á pedra furada no Coto Miranda, para que, facendo honor ao topónimo, miren onde pretenden levar o que algúns seguen a chamar enganosamente como Circunvalación de Pontevedra

Metidos de cheo nun novo período electoral, rematado o tempo que a lei deixa para as inauguracións, ábrese agora o que debería ser tempo de debate e análise serena. Na brevidade deste artigo, téntase contribuír a formar unha opinión cabal, e nada mellor cun paseo para airear a cabeza de tanto barullo. Eu convidaría a tódolos pontevedreses a subirse á pedra furada no Coto Miranda, paraxe por riba da gasolineira da recta de Paredes onde se xuntan as tres parroquias de Figueirido, Vilaboa e Canicouba, para que, facendo honor ao topónimo, miren onde pretenden levar o que algúns seguen a chamar enganosamente como Circunvalación de Pontevedra. De paso mirarán tamén unha paisaxe que o ínclito pai Sarmiento definiu sen exaxerar como “prodixiosa”, flanqueada pola ría de Pontevedra e pola enseada de San Simón. Poden tamén, no mesmo sitio, sentir a pulsión ancestral dos nosos antepasados primixenios ao pisar o senlleiro castro A Farexa. E por se fora pouco, ao carón do coto pasa o mellor treito do Camiño de Santiago, dende a vila de Pontesampaio á de Pontevedra, polo que poderán ter un agradable retorno cara a vila das vilas, a que da de beber a quen pasa, antes de que a maquinaria da incompetencia política cambie o seu milenario trazado e levante ó seu carón, a tan só 5 m., un muro de 17 m. de altura e 300 m. de longo.

Todo isto será diferente trala construción da autovía A-57, corredor de catro carrís entre Barro e o enlace no Confurco (O Porriño) pasando por Pazos de Borbén, promovido como alternativa gratuíta á Autoestrada do Atlántico AP-9 polo fondo da ría para, de paso, dotar a Pontevedra dunha circunvalación que a día de hoxe din que non ten.

Pontevedra claro que ten xa unha circunvalación, como é o tramo da AP-9 ao seu paso por baixo da ponte da Barca, no ámbito estritamente urbano, no límite con Poio

Vaiamos por partes, xa que tal aseveración contén dúas cuestións que resultan enganosas e convén aclarar. Unha delas, a primeira, é que Pontevedra claro que ten xa unha circunvalación, como é o tramo da AP-9 ao seu paso por baixo da ponte da Barca, no ámbito estritamente urbano, no límite con Poio; de tal xeito que fai de arteria viaria do tráfico no eixe norte-sur polo oeste do núcleo urbano pontevedrés, na zona costeira onde existe unha maior poboación. A outra cuestión que convén aclarar, para que reluza a verdade, é que o proxecto da autovía A-57 que se pretende executar entre A Ermida e Vilaboa non inclúe a chamada Circunvalación de Pontevedra, que non se vai facer, segundo consta no estudo ambiental do Ministerio de Fomento; así, a saída cara o nó do Pino quedou rexeitada “como consecuencia del importante rechazo social” e “cambia completamente la filosofía de la circunvalación, al quedar ésta en un segundo plano para pasar a formar parte de un eje norte-sur de la futura A-57” que define como “Corredor Norte-Sur alternativo a la N-550” (páxinas 1 a 3 da memoria do Estudio de Impacto Ambiental).

Tras un enorme impacto ambiental o novo vial tería moi pouca utilidade, pola súa case nula funcionalidade

Certo; fora do ámbito urbano e tendo a saída no municipio limítrofe de Vilaboa, coa normativa na man a autovía en cuestión non pode ser definida como unha “circunvalación”, senón como un corredor de catro carrís. Sendo iso así, o importante non é tanto a terminoloxía como os seus efectos, xa que tras un enorme impacto ambiental o novo vial tería moi pouca utilidade, pola súa case nula funcionalidade: non comunicaría as catro parroquias que atravesa (Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido), non engadiría mellora algunha na comunicación do parque industrial da Reigosa co núcleo de Pontevedra nin co porto de Marín, e tampouco melloraría absolutamente en nada a comunicación viaria entre Pontevedra e Redondela, as dúas poboacións máis importante desta zona xeográfica, e aínda por riba agravaría o tráfico na estrada N-550. Así pois, cunha autovía sen utilidade preparémonos para o rescate porque o modelo de investimento é semellante ao empregado pola Xunta para as autovías da rede autonómica (Barbanza, Salnés, etc.), que teñen unha peaxe encuberta xa que se paga cos fondos públicos por cada vehículo que transita por elas, e que coa diminución do tráfico dos últimos tempos resolve cun pago adicional que neste ano foi de 7 millóns de euros, para evitar a quebra das empresas, que din sería peor. ¡¡vaia negocio!!

Tres autoestradas do tempo da AP-9 serán gratuítas en catro anos, xa que as concesións en Andalucía, Burgos e Mediterráneo non serán ampliadas tralas tres prórrogas, como a galega, que pola contra seguirá con peaxe ate o 2048

En resumo, a autovía A-57 como alternativa libre de peaxe á autoestrada AP-9 resulta unha iniciativa disparatada en tódolos sentidos. Convén recordar, a conto do argumento da “xustiza social” esgrimida pola titular do ministerio, que hai pouco promoveuse unha iniciativa no parlamento español para que a AP-9 pasara a titularidade da Xunta de Galicia –co pronunciamento favorable da propia Xunta–, que non prosperou a pesar de contar co apoio dos grupos da cámara excepto o do goberno estatal. Resulta oportuno tamén facer un recordatorio da situación das autoestradas estatais. Os titulares son elocuentes: tres autoestradas do tempo da AP-9 serán gratuítas en catro anos, xa que as concesións en Andalucía, Burgos e Mediterráneo non serán ampliadas tralas tres prórrogas, como a galega, que pola contra seguirá con peaxe ate o 2048. Só tres autoestradas de pago teñen 75 anos de peaxe, e dous delas están en Galicia: a A-53 de Santiago a Lalín/Dozón e a AP-9, que sendo esta última das máis rentabeis da rede estatal non viu diminuído o período de vixencia da peaxe senón que aumentou.

Nun intento de darlle cobertura legal a un proxecto, o da A-57, ao que se lle abren as costuras por tódolos lados, o ministerio de Fomento elaborou hai menos dun mes a Ley de Carreteras del Estado 13/2015 do 29 de setembro integrando dita autovía na futura Autovía del Atlántico ate A Coruña en paralelo á Autopista del Atántico AP-9.

Difícil posición para o partido que sustenta o goberno local de Pontevedra, que defendeu no parlamento galego a execución da A-57 cos mesmos argumentos que antes apuntamos citando á titular do ministerio

Difícil posición para o partido que sustenta o goberno local de Pontevedra, que defendeu no parlamento galego a execución da A-57 cos mesmos argumentos que antes apuntamos citando á titular do ministerio. Porén o asunto lévanos ao pernicioso que pode resultar trasladar as políticas locais a outros ámbitos políticos, e haberá que ver cómo resolven e compaxinan a defensa da mal chamada “circunvalación” coa pretensión de darlle continuidade cunha nova autovía de norte a sur paralela á autoestrada existente; e tamén se esa nova Autovía del Atlántico na que se encadra a A-57 é unha prioridade deste país, sumido nun grave desequilibrio territorial que demanda outras políticas.

O goberno local, na súa lóxica, aprémialle ao ministerio os seguintes tramos cara o norte (Pilarteiros, etc.), pero esquécese do sur, porque a saída do corredor en Vilaboa, no medio da nada, non ten arranxo. As necesidades viarias de Pontevedra no sur e leste –precisamente as que motivaron a redacción do proxecto en cuestión– requiren outras solucións que teñan en conta a trama periurbana.

A obra no seu conxunto será, se ninguén o remedia, outro Gaiás inconcluso na busca de destino, outro Langosteira de gastos sen fin, para gloria e negocio da empresa adxudicataria

Nin sequera a choiva de millóns que previsiblemente caerán antes do Nadal en Pontevedra –nuns presupostos estatais que a UE cualificou de ilusión electoral– mudarán a realidade da non funcionalidade do proxecto e o malgasto da súa execución camiño de ningures. O custe, un importante investimento, condicionará outras partidas moito máis necesarias no reparto territorial que lle corresponda a Galicia dos futuros presupostos do Estado, que van estar moi pelexados. A obra no seu conxunto será, se ninguén o remedia, outro Gaiás inconcluso na busca de destino, outro Langosteira de gastos sen fin, para gloria e negocio da empresa adxudicataria.

Namentres, uns e outros agardan en maior ou menor medida un pronunciamento xudicial sobre a petición de paralización cautelar, como se os tribunais estivesen para repartir o sentido común que tan en faia se bota.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.