0 Gardados para despois

Xaime Subiela

Máis alá (e máis acá)

O mapa político está mudando, aínda é recoñecible pero ben confuso. Os cartógrafos apenas saben medir os novos espazos, faltan referencias, utensilios, métricas..., porque é a realidade política a que se volveu inaprensible. Non está fixa a súa polaridade, precisamos novas coordinadas de orientación, axustar o N-S-E-W sen ter claro sequera que o novo espazo sexa bidimensional. Tampouco é fácil, a dificultade non se reduce a captar o cambio, o movemento, o tránsito dun momento simple a outro momento simple, é a propia realidade a que se volveu complexa.

 

@s do si

Desta volta imos gañando: cando nós dicimos democracia eles din Tribunal Constitucional, nós soberanía eles compromisos adquiridos, nós plurinacionalidade e vontade eles seguridade xurídica, nós primeiro a xente eles propostas irrealizables

Moito do novo vaise coñecendo polos seus antagonistas, combaténdose con artillería discursiva defensiva: in-estabilidade, in-consistente, des-goberno, a-normal. Non é temor ao descoñecido, é pavor pola ameaza que significa perder os privilexios para os de sempre. Comprenderase mal, pero vaia, medo mete igual. Aínda que desta volta imos gañando: cando nós dicimos democracia eles din Tribunal Constitucional, nós soberanía eles compromisos adquiridos, nós plurinacionalidade e vontade eles seguridade xurídica, nós primeiro a xente eles propostas irrealizables. Están a defensiva pero isto non vai ser así sempre. Eles aceptan que son malos alegando que son o menos malo e, polo momento, moita sociedade prefire o malo coñecido.

O asunto non é quitar estes, o asunto poñer outr@s mellores. Temos que ir máis alá de rematar co que hai, debemos demostrar que a suposta política da xente é boa para a xente

A xente xa sabe que a situación social é brutal, e os que mandan unha vergonza, sen solucións para os problemas reais. Vale, e que? O asunto non é quitar estes, o asunto poñer outr@s mellores. Temos que ir máis alá de rematar co que hai, debemos demostrar que a suposta política da xente é boa para a xente. Non é tan obvio. Temos que construír unha alternativa solvente, ilusionante e crible, en canto goberno, non só como representación parlamentaria. Agora ademais xa toca cumprir, o ciclo de cambio consolidarase na medida en que vaiamos transformando de xeito efectivo a realidade, en sintonía coa maioría social. Dito de outro xeito, o encadeamento de expectativas ten un alcance limitado. Por sorte nós temos os gobernos das mareas para mostrar que se pode. Non vendemos futuros.

 

Articular a complexidade

Mareas, En marea, alcaldes, Podemos, Anova, EU, cidadás... isto é moi complicado. Pois vai ser que o éxito implica comprender e xestionar a complexidade, articular a acción en diferentes niveis e territorios -municipal, galego, estatal-, implicando axentes plurais e de natureza diversa -mareas, partidos, cidadás/ns-.

Tradicionalmente nas eleccións Xerais tendeu a instalarse no noso país unha dicotomía irresoluble: ou ben unha proposta de Estado que prescindía do pobo galego, ou ben unha proposta de Galiza que prescindía do Estado e do español

Tradicionalmente nas eleccións Xerais tendeu a instalarse no noso país unha dicotomía irresoluble: ou ben unha proposta de Estado que prescindía do pobo galego, ou ben unha proposta de Galiza que prescindía do Estado e do español. Os partidos que xogaban de verdade na gobernabilidade estatal primaban intereses de Estado ou, en todo caso, o pobo galego non contaba como tal. Por outra parte, as propostas entendidas como xenuinamente galegas semellaban útiles para representar a Galiza no Estado, pero non contaban nas políticas de Estado, nin se comprendían como alternativa neste ámbito. Elección estraña: subalternidade ou impotencia.

En Marea significa neste sentido un duplo movemento, articulando unha proposta soberanamente galega cunha alternativa transformadora a nivel de Estado. Integrar a vontade de cambio xeral comprendendo ao pobo galego como un suxeito político, e xerando unha ferramenta de confluencia capaz de sumar e de vencer. Nin reducimos o alcance, nin subordinamos a proposta. Nin renunciamos a exercer como nación, nin prescindimos dun proxecto compartido de Estado. Articulación posible: proxecto galego e participación cooperativa.

A aposta foi clara: unha articulación complexa da realidade non só é máis democrática e inclusiva, ben feita é tamén máis eficaz, pode vencer e mesmo ser hexemónica. Os primeiros pasos foron ben exitosos e anuncian cambio de ciclo. A grande maioría concorda en situar a xente e a democracia no centro, tamén no plano nacional, con dereito a decidir, sabendo que un Estado integrador só pode construírse desde a vontade. Saber ler a complexidade real e trasladala a acción política. Vexamos.

 

Temos nivel

Propostas municipalistas non localistas, alternativas de Estado non centralistas. Igualmente proxectos galegos non isolacionistas nin provincianos

Todo o mundo comprende que cada nivel territorial ten a súa propia lóxica política. Ninguén é alcalde/sa presentando mocións-tipo dun partido; sen alternativa (compartida) de Estado o pobo galego non conta; e sen proxecto nacional galego non existe alternativa ao PP no noso país. Dito en positivo: cada alternativa debe ser comprendida de xeito substantivo no seu nivel, para o municipio, para o Estado ou para Galiza.

Xestionar a complexidade significa formular propostas integradoras e articulalas de xeito non subalterno. Ou sexa, propostas municipalistas non localistas, alternativas de Estado non centralistas; nas que a razón de Estado e o interese local se reconverten na razón e o interese da súa xente, con visión global e cooperativa. Igualmente proxectos galegos non isolacionistas nin provincianos. Claro que é complicado, o normal foi comprender como ameazas e contrapoderes a forza dos diferentes niveis, as baronías supoñían debilidade da proposta de Estado ou autonómico, o vigor dun liderado implicaba unha xerarquía que convertía en franquicia local calquera proposta galega, e se cadaquén fai o que quere na súa circunscrición o conxunto vai ser incoherente.

A candidatura En Marea ás Cortes Xerais non foron un experimento para afrontar as galegas, o Estado importa; nin a Xunta un peón prescindible no taboleiro estatal ou municipal, Galiza importa

Velaquí un dos retos, cada ámbito importa, débese actuar con proxectos autónomos e con ferramentas adecuadas ao propio ámbito. O asalto municipal non foi un preparativo para outro cambio de verdade, os concellos importan; a candidatura En Marea ás Cortes Xerais non foron un experimento para afrontar as galegas, o Estado importa; nin a Xunta un peón prescindible no taboleiro estatal ou municipal, Galiza importa. Aínda se complica máis, dado que a resposta tampouco é cada ovella coa súa parella, todos os axentes operan en todos os escenarios, o movemento das cidades rebeldes sería o exemplo máis claro de como mesmo os concellos actúan a nivel de Estado.

Coas eleccións catalás aprendemos outra lección, non cabe manterte resgardado no teu ámbito, alleo aos problemas do mundo. Aquí o aserto 'Se ti non fas a política fana por ti' muda en 'se as forzas municipalistas non participamos no cambio a outros niveis, os que gañan viran contra nós', e parecerá que te estás desinflando. Mareas, en comúns, ahoras... precisamos colaborar entre nós mais tamén implicarnos no cambio global, e fixémolo. O enorme esforzo dos gobernos, a falta de garantías doutros procesos, o desgaste, o instinto de supervivencia ou a falta de canles adecuados puido eludir unha implicación suficiente nalgún momento, bastante tiñamos co noso. Agora sabemos que todas as enerxías son necesarias, para ser exitoso e ser cidadán o novo proxecto debe ter unha base de mareas e unha lóxica marea.

 

Novas políticas --> novas ferramentas, nova participación

Os partidos e a militancia poderían desaparecer tal e como os concibimos, mais sempre haberá organizacións políticas e formas de implicación cidadá

A desafección -máis ben cabreo- non se dirixe só contra as institucións políticas, os propios partidos e a militancia tamén están en crise, e non só os partidos grandes. A irrupción de Podemos e das mareas introduciron novidosas formas de organización e activismo que están transformando a implicación política. Dicía E. Gellner por outro asunto: "A cultura e a organización social son universais e perennes, en cambio os Estados e os nacionalismos, non", en referencia ao que falamos, os partidos e a militancia poderían desaparecer tal e como os concibimos, mais sempre haberá organizacións políticas e formas de implicación cidadá.

A concepción do mercado electoral presupón unha man invisible que converte o egoísmo de cada partido en interese xeral. Resultou que os vicios privados acabaron producindo unha enorme depravación pública. As tradicións partidarias eran moito máis, entramados de intereses -internos e externos-, ideoloxemas, identidades, culturas, espazos de socialización. Xentes que non teñen máis vida que o partido, e partidos que apenas teñen máis vida que esas xentes que dependen deles. A endogamia, a corrupción, a desconexión brutal coa realidade foi cuestionada de raíz. Por suposto que hai moito positivo, organización das preferencias, proxectos colectivos, ideas de futuro, experiencia, cadros, capacidade política. Todos non son iguais, se ben a súa dexeneración converteunos en xeral en instrumentos pouco servibles para o novo tempo. Pero hai saída?

Unha saída foi de reorientación ao mercado, Ciudadanos, como empresa neoliberal concibida para a eficiencia, sabendo que a fase principal é a comercialización, en función diso xa se organiza a produción, a selección de persoal, (des)localización, etc. estando clara a centralidade do marketing (e da conta de resultados para os accionistas).

Outra saída foi orientada cara os (novísimos) movementos sociais, o 15m o abre un momento que impregna o conxunto da acción posterior, a convicción de que si se pode, que somos a inmensa maioría -miles nas prazas e millóns nas casas-, evitando que te encasillen, constituíndo algo novo en común. Primeiro denuncia o negativo, o secuestro da soberanía, a corrupción, non nos representan, e proclama soños. Reprochábannos que non había proposta, que iso non valía para gobernar. Tampouco a lóxica social se corresponde coa arena política, nas rúas facíase moita política pero non estaba claro que servise para gañar eleccións. Hoxe vamos gañando e son eles quen están á defensiva.

Reprochábannos que non había proposta, que iso non valía para gobernar. Tampouco a lóxica social se corresponde coa area política, nas rúas facíase moita política pero non estaba claro que servise para gañar eleccións. Hoxe imos gañando e son eles quen están á defensiva

Paradoxalmente hoxe o reto é manter vivo o movemento nas institucións (e na rúa). Ir máis alá das maquinarias capaces de competir no electoral, reconvertidas logo en maquinarias de goberno (ou de oposición). O cal é importante, moi importante, pero debemos xerar ferramentas para a democracia de todos os días. Compréndese que a xente se mobilice máis nos momentos en que as cousas poden cambiar, non parece sustentable un estado de mobilización permanente. Xa o dicía O. Wilde "O malo do socialismo é que che quita moitas tarde libres". Claro que se pode participar de xeito permanente se o axustamos ao decisivo e ao interesante. En todo caso, como facemos para manter a vitalidade política no tempo ordinario?

 

Ferramentas: nin fetiches, nin kleenex.

As organizacións, coalicións, candidaturas son útiles que teñen que servir para os seus obxectivos, políticos non (só) electorais. Ademais de gañar eleccións deben servir para activar e conectar coa sociedade, para facer propostas, para dar a cara e render contas

As organizacións, coalicións, candidaturas son útiles que teñen que servir para os seus obxectivos, políticos non (só) electorais. Ademais de gañar eleccións deben servir para activar e conectar coa sociedade, para facer propostas, para dar a cara e render contas. Non se trata de manter a maquinaria de guerra, ou dun retén para defender os avances. Igual si, o antagonismo continúa, mais necesitamos construír a paz, precisamos exercitar a democracia no cotidiano, esa que queda tan danada nos excepcionais tempos de guerra, e que é tan creativa nos excepcionais tempos constituíntes das prazas. Temos que ir máis alá de levas e exércitos populares electorais, onde o gran problema é se unha milicia anda a súa bola, se non defendiches a posición onde estaba a miña xente, ou quen violentou máis o principio democrático. No fragor das campañas estas cousas pasan. Correto Gayoso. Agora construamos unha marea.

Os proxectos precisan certa continuidade que lle podemos chamar compromiso. Precisamos proxectos que xeren confianza colectiva. As organizacións non se poden reducir a fetiches aos que se rende culto: marca, patriotismo de partido, defender unha retórica, uns símbolos, etc. Este si que é un fenómeno de alienación -Marx, Carlos-, as organizacións son creacións humanas que non poden ser alleas a nós, teñen traxectoria, valores, o que queiramos, pero deben servir para os obxectivos emancipadores para os que foron creadas. Ao servizo da xente que lle dá vida e non á inversa. En sentido contrario, tampouco podemos ter proxectos de usar e tirar. Cada elección a súa organización -ou candidatura-. Fast politics. Entre o becerro de ouro e o regalo do Burger King igual podemos facer outra cousa. A min non me preocupan as siglas, si desbaldir o capital acumulado e a confianza da xente.

A min non me preocupan as siglas, si desbaldir o capital acumulado e a confianza da xente

Agora toca pensar alternativas sabendo que non son eternas e que deben servir para afrontar o tempo do cambio, para evolucionar co tempo, non morrer con cada cambio. O constituínte ten moito de exploratorio, cométense moitos erros porque a evolución é coa experiencia vivida. Non sempre avanzamos. Eu non enredaría demasiado debatendo se debemos partir de 0, de -5 ou +40, temos que construír sobre novas bases articulando o que existe. Sen bendicir o statu quo, mais contando coas iniciativas municipalistas, os partidos, En Marea, o Encontro... a resposta debe ser híbrida, e debe ir máis alá. Tampouco enredaría de novo con unidades imaxinarias, que en todo caso non son cousa de dous. A marea precisa aínda máis pluralidade e maior potencia, toda a xente é benvida, isto non é patrimonio de pais fundadores nin de nais coraxe. Hai moita xente que debe enriquecer este proxecto, de Equo, de Ecosocialistas, do BNG, de CxG, do PSdeG, e doutros partidos, e moitísima xente espantada das forzas políticas para quen a marea significa esperanza.

A marea precisa aínda máis pluralidade e maior potencia, toda a xente é benvida, isto non é patrimonio de pais fundadores nin de nais coraxe

 

Cidadanismo, práctica, non prédica

O grande problema da política dos últimos tempos é o cinismo, dicir unha cousa e facer a contraria. Por iso a base de lexitimidade non está tanto na retórica, nin nas propostas futuras entendidas como promesas, senón na práctica do que fas. Cando dicimos que mudou a forma de facer política non estamos limitando o cambio a xestos. Estas formas son importantes en canto símbolo da normalidade da rúa que entra nas institucións, facer visible o invisible e que o público non se subordina a outros poderes. Son mensaxes para a sociedade e para quen se considera propietario do espazo público. Símbolos que son contidos. En todo caso cando dicimos cambiar as formas tamén estamos falando da forma de facer política. É habitual entender que a mudanza afecta ao método, como se estivésemos operando no plano técnico. Claro que se trata dunha mudanza técnica, de método, de forma, pero que significa unha transformación política profunda no xeito de concibir a práctica democrática.

Dicía J. Rancière que a democracia implica a entrada disruptiva do principio igualitario. Asumir de xeito efectivo que todas as persoas somos iguais, ten unha relevancia no ideario político -que e para que- e no xeito de entender a acción e a decisión -como-. O empoderamento é unha idea clave na nova comprensión da política. Cando falamos de ferramentas da nova política tendemos a misturar dous planos, que certamente están remexidos na realidade. Unha cousa é en que medida as nosas ferramentas serven para que a sociedade civil ou a cidadanía en xeral se impliquen en política, e outra en que medida as decisións e accións do colectivo responden a vontade das bases. Para entendernos, a primeira tería que ver coa apertura cidadá e a relación fora-dentro, e a segunda coa organización democrática e a relación abaixo-arriba.

Unha cousa é en que medida as nosas ferramentas serven para que a sociedade civil ou a cidadanía en xeral se impliquen en política, e outra en que medida as decisións e accións do colectivo responden a vontade das bases

Ambos planos da participación, externa e interna, deberían estar na base da nosa acción, porque cando falamos de situar a xente no centro queremos dicir que o obxecto é primar os intereses da maioría, ao tempo que o suxeito é a propia cidadanía que define as prioridades do proxecto e da acción pública. Non existen fórmulas máxicas e mesmo haberá que previr contra cidadanismo puritano, mais si que hai exemplos que están funcionando e propostas sobran, o que temos é que contalo menos e practicalo máis. Insisto no cinismo, a única maneira de que sexa crible é que se vexa que o practicamos e deste xeito demostramos que é posible unha nova forma de facer política. De novo temos os gobernos das mareas. Tamén é básico que En Marea demostre outra forma de estar nas Cortes e de implicarse no proxecto galego.

Outra idea básica é a feminización da política, por suposto ten que ver coa presenza das mulleres, coa igualdade e a distribución do poder, a relación vida-política, cos coidados, coas prioridades, co xeito de participar, cos tempos, etc. Permítenos comprender mellor que a forma non é só un procedemento, é unha cultura de relación e actuación, e unha actitude. Parece interesante a metáfora da política como artesanía do imposible, proxectar a creatividade no cotidiano, que nos permite ir máis alá no día a día. E que a política precisa sentido práctico, máis alá das abstraccións, facemos algo de proveito co que hai traballando en horizontal -que dicía Ada-. Aproveitando o traballo feito sabendo que as cousas novas se fan con materiais, con saberes, con destrezas que veñen de moi atrás. O constituínte tamén. A feminización da política debería situarnos lonxe de Adán e do adanismo, tamén de Sísifo; navegamos, e levamos a calceta ou o que nos dea a gana.

 

Envolver nunha lóxica cidadá: persoas, mareas, partidos

A política precisa sentido práctico, máis alá das abstraccións, facemos algo de proveito co que hai traballando en horizontal -que dicía Ada-. Aproveitando o traballo feito sabendo que as cousas novas se fan con materiais, con saberes, con destrezas que veñen de moi atrás

Esta artesanía precisa tecer a complexidade. Establecer dinámicas democráticas inclusivas, proxectos compartidos para traballar e cooperar, lugares amables e de mente aberta, que nos permitan facer política coa xente desde a sociedade. A pluralidade non é unha maldición, xa foi posible articular axentes divers@s de xeito non competitivo, temos que facelo desde a igualdade d@s human@s que participamos, e desde a fraternidade. Respectarnos, coidarnos, confiar. Non hai que agardar polos bos e xenerosos, abonda con mirar en global e ao lonxe, e facelo con xente concreta e próxima. Mudar o foco, arrancar os debates do curtopracismo ou do interese do pequeno grupo. Horizonte e camiño. Mirar máis alá e máis acá. Podemos facelo mellor.

Esta artesanía precisa tecer a complexidade. Establecer dinámicas democráticas inclusivas, proxectos compartidos para traballar e cooperar, lugares amables e de mente aberta, que nos permitan facer política coa xente desde a sociedade

Unha marea galega debera partir, ao meu xuízo, de algúns principios básicos que identifiquen as nosas prácticas. Compartir un proxecto, construír unha alternativa plural, un relato común, un relato que non é un conto, senón a articulación de ideas e emocións que teñen toda a materialidade do proxecto, con equipos, soños e programas compartidos. Precisamos un espazo común de confluencia, a marea vai máis alá dun sumatorio de entidades, e debemos contar cun lugar onde compartimos reflexión, decisión e acción.

Organización democrática, participativa, baixo a idea do empoderamento e o principio de mandar-obedecendo establecer fórmulas que viabilicen a participación das bases con capacidade de decisión efectiva. As persoas representantes da marea ou nas institucións renden contas ante quen as elixiu. A participación ha de estar atenta a inclusión, a deliberación e a construción colectiva

Organización cidadá, aberta, a marea é da xente polo tanto a súa organización debe funcionar como un conector continuo coa cidadanía, coa máis dinámica e coa menos. Ideas, propostas, debates, intervencións... parten de moitos puntos da sociedade, a marea debe activar, catalizar ou cooperar moito máis alá dos seus lindes, innovando. A política nos parlamentos ou nos concellos -no goberno ou na oposición- faise coa xente.

Organización complexa, plural, que responde a unha lexitimidade complexa, a marea faise desde as mareas, partidos, iniciativas e desde as persoas que queiran implicarse. Todas somos parte, ninguén é propietaria. Todas debatemos, traballamos, construímos en plural, todas decidimos en común, baixo o principio 1 persoa 1 voto. Lóxica marea e lóxica cidadanista: acción colectiva e autónoma, xunto a soberanía do conxunto das persoas participantes. Os partidos están e importan, se ben a marea galega opera coa lóxica cidadanista: cooperación, espazo común e aberto.

Temos que ser coidadosas para salvagardar diversos equilibrios cruzados, e debemos reforzar acordos inclusivos, consensos, evitar que ninguén quede fora

Garantías democráticas, compre formalizar a toma de decisións da marea, garantindo que se adoptan en órganos que responden aos regulamentos acordados. Nos partidos tradicionais o habitual é adoptar as decisións por arriba e por detrás, na marea deben ser por abaixo e por diante. Temos que ser coidadosas para salvagardar diversos equilibrios cruzados, e debemos reforzar acordos inclusivos, consensos, evitar que ninguén quede fora, mais as eleccións de responsables ou candidat@s ou as decisións estratéxicas deberán ser adoptadas con fórmulas abertas polo conxunto das bases. Tod@s dicidimos, e o meu voto ten igual valor.

A democracia é por definición un proceso inacabado. Sempre ten esa dupla condición de realidade e aspiración, unha práctica e un desexo, en palabras J. Derrida "algo que está por vir" que nunca se "corresponde a unha situación plena". Temos que manter viva a ambición dese desexo común, a mellor forma de facelo é avanzar na práctica da implicación cidadá na marea. Ay ondas, que eu vin veer...

Acerca de Xaime Subiela

Xaime Subiela naceu en Chantada, vive en Ames e ten dúas fillas. Politólogo, traballa como investigador social e consultor público en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento urbano e coa cultura. É concelleiro de @AmesNovo e foi candidato @En_Marea. O seu labor profesional e escritos pódense consultar no blog https://xaimesubiela.wordpress.com/