Era isto a Primavera Árabe?

Tempo atrás falabamos nestas mesmas páxinas sobre as Primaveras árabes, criticando o tratamento informativo e as consecuencias que dende o punto de vista xeo-estratéxico e humanitario podían ter estes feitos. Os medios de comunicación, os políticos e  os tertulianos de toda índole, analizaban a realidade cunha miopía salvaxe. Falaban dunha ola de democratización, de revolucións 2.0 ou mesmo de “rebeldes democráticos”.

Dende Libia ata Siria, percorrendo todo o Magreb, non houbo tales revolucións senón “rebeldes” que auspiciados por potencias estranxeiras non fixeron máis que converter nun inferno salvaxe a zona. Non o digo eu senón que é o mesmo Instituto Elcano no seu estudo que a pasada fin de semana publicaban diversos medios,  no que afirma que houbo un aumento sen precedentes do terrorismo no Magreb, dende as primaveras árabes. 47 veces aumentaron os atentados entre os anos entre os 2011 e 2014, tendo como escenario principal Libia, nunha situación de baleiro de poder, no que a anarquía e o terrorismo son os que marcan o paso e a vida das persoas.

Todo comezou en Libia, o terrible Gaddafi, antes amigo convertido nuns meses en inimigo íntimo foi o primeiro obxectivo. É ben coñecida a violación da legalidade internacional perpetrada no Consello de Seguridade das Nación Unidas, no que acórdase establecer unha zona de exclusión aérea que despois foi empregada pola OTAN para bombardear ao goberno de Gaddafi. Intervindo ilegalmente nunha guerra civil (prohibido polos tratados internacionais e a propia ONU), e auspiciando a uns rebeldes democráticos, que ao termo da guerra rebelaron o seu verdadeiro cariz terrorista. Aumento sen precedentes do terrorismo no Magreb dende a Primavera Árabe, no que case nove de cada dez ataques acontecidos na rexión  nese período tiveron como escenario Libia. Sen dúbida algunha houbo unha democratización, pero da violencia.

Neste estudo queda claro que en todo o Magreb houbo 1.105 accións terroristas entre 2011 e 2014, perpetradas na súa grande maioría por grupos vinculados a Al Qaeda e dende 2014, por adeptos ao Estado Islámico.

En Siria de novo o guión foi o mesmo, de novo os medios falaban de rebeldes demócratas, do tirano Al- Assad e de novo a intervención de potencias estranxeiras para deter o xenocidio do tirano. Pero a realidade que agochaba isto era de novo o armamento de grupos que querían derrocar ao goberno de Al- Assad, e que non eran outros que o famoso Estado Islámico, os mesmos que están dominando e atacando as zonas onde as primaveras floreceron. De súpeto os medios sen relato de entremedias comezan a falar do Estado Islámico, pera nada din de Turquía (amigo da OTAN) ou da implicación de EEUU e outras potencias europeas sobre o terreo que teñen un papel moi relevante no desenvolvemento deste grupo terrorista. De súpeto chegou o terror a París…

Pero o desenvolvemento das primaveras árabes e o posterior crecemento e avance do terrorismo do Estado Islámico nestas zonas deu coma resultado un drama e emerxencia social sen precedentes; a crise humanitaria dos refuxiados. Nos medios cando falan dos sirios, falan de que foxen de Al- Assad, pero con independencia da opinión sobre este,  antes do comezo da guerra tal crise (en canto número non existía). Por outra banda os cidadáns procedentes doutros países non foxen de Al- Assad senón dos grupos que campan as súas anchas nos territorios democratizados.

E agora chega o broche final. A UE pacta con Erdogan (goberno que protexe aos terroristas) para que acolla aos refuxiados como se estes foran lixo, a cambio de cartos e ofrecendo vantaxes dentro da UE. A un estado que viola de xeito continuo os DDHH e as liberdades básicas das persoas. A UE entrega aos refuxiados, para solucionar unha crise na que os seus estados tiveron moito que ver. Pero Turquía é a nosa amiga, e tamén Arabia Saudí que viola os dereitos humanos no seu territorio e comete un xenocidio en Yemen. Diógenes tería moito que dicir.

Pero non podíamos esperar outra cousa dunha Europa que primeiro afogou ata a miseria aos seus cidadáns do Sur…¿Que podíamos esperar de como ía tratar aos cidadáns do Magreb que foxen do horror?...

"O pretexto para todas as guerras: conseguir a paz”  (Jacinto Benavente) 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.