Non por min; por eles

Levo unha década traballando de tradutor. Formeime no Reino Unido, onde vivín tres anos, iniciando un hábito que non deixei desde entón: comezar o día con, polo menos a intención, de ler vinte páxinas dun libro en galego, vinte páxinas dun libro en inglés, vinte páxinas dun libro en portugués e vinte páxinas dun libro en español. Despois mudeime a España, para traballar de xornalista bilingüe inglés-español nunha empresa malagueña. Transcorrido outro ciclo de tres anos fundei unha axencia de tradución en Galiza. Actualmente desprázome entre Galiza e Portugal, sendo Lisboa a miña segunda residencia.

Con estes referentes, acho que non será ousado dicir que me defendo medianamente ben en catro linguas e que podo comentar, ademais, tres cousas sobre a súa aprendizaxe.

É absurdo ver todo un sistema educativo obsesionado con que unha nena galega fale inglés antes de alfabetizala correctamente na lingua propia

A primeira: cantas máis linguas sabe unha persoa máis fácil lle resulta aprender a seguinte. Así é máis sinxelo memorizar as palabras inglesas “date” ou “success” se un coñece os seus equivalentes galegos “data” e “suceso”; e pronunciar “show”ou “shoes” se se utilizan con normalidade termos como toxo ou xuíz. Consecuentemente, un neno que saiba falar galego e español terá máis facilidades á hora de aprender o inglés que un neno que saiba falar só español. Por suposto, aínda mellor se o neno fala con normalidade galego, español e portugués.

Segunda. Canto maior é a semellanza entre a lingua que se sabe e a que se tenta aprender, máis fácil resulta a aprendizaxe. A dedución inversa, enlazándoa coa primeira cousa: é absurdo querer aprender ruso sen aprender antes galego ou portugués. E aínda máis absurdo resulta ver todo un sistema educativo obsesionado con que unha nena galega fale inglés antes de alfabetizala correctamente na lingua propia. Absurdo, que non raro nun país tan lonxe de ser normal.

Non estaría de máis esixir que a educación regulamentada compensase este pavoroso desequilibrio cunha inmersión case total en galego

Terceira. A lingua entra polo ouvido e os ollos e cuspe pola boca. Se non se escoita, se le e se fala con frecuencia acábase por esquecer ou nunca se aprende. Shakespeare e Cervantes poden descansar tranquilos –ósos aparte–, moreas e moreas de vocábulos en español e inglés, a viva voz ou en imaxe impresa, son absorbidas polos nosos meniños a través da televisión, os libros, os xogos, os soportes informáticos e a Internet, onde o 99% dos contidos de interese (isto é, de moda) se atopan nestes dous idiomas. Non estaría, pois, de máis esixir que a educación regulamentada compensase este pavoroso desequilibrio cunha inmersión case total en galego, con espazos marxinais para o español, inglés e portugués, desde o primeiro momento da escolarización. Que pai non ficaría babando ao ver falar a súa filla estes catro idiomas á idade de dez anos? Golpe de realidade: a perspectiva dos lexisladores da Educación galega está moi afastada, probabelmente con razón, da deste humilde tradutor de galego, español, portugués e inglés.

Non teño fillos, mais se os tivese de seguro faría o indicíbel para non lles privar de ningún coñecemento, e aínda menos da creación cultural máis importante do noso xenio colectivo

Con todo, para os pais máis realistas e entregados, aqueles que pasan horas e horas axudando ás súas crianzas coas matemáticas ou os ditados, tamén lles presento unha alternativa activa que, até certo punto, compensa a pasividade do poder público: falar galego.

Non teño fillos, mais se os tivese de seguro faría o indicíbel para non lles privar de ningún coñecemento, e aínda menos da creación cultural máis importante do noso xenio colectivo. E nisto si que me poden crer: non é necesario ser tradutor para falar galego con eles.

 

Artigo gañador do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2016

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.