Asistimos nos últimos anos a unha perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia na historia da cidade e moitos deles de titularidade pública. Semella que a cidade está en venda.
Estamos ante actuacións especulativas e mercantilistas que nos terreos do común (espazo público) só ven solares a privatizar, unha oportunidade de negocio inmobiliario, alleo ás necesidades sociais das veciñas e veciños.
O Estado, que somos todos, non cedeu gratuitamente os cuarteis á cidade e, a través do Ministerio de Defensa, ingresou miles de millóns de pesetas a través de poxas como en Zalaeta e San Amaro. Tampouco cedeu o vello Hospital Militar e, despois dunha rebaixa, tivemos que pagar 1.100 millóns de pesetas. Contrasta esta actitude coa cesión gratuíta, por exemplo, á cidade de Barcelona dos terreos e instalacións da Ciutadella, do Monte e Castelo de Montjuich.
O vello cárcere provincial está pechado desde hai anos e o edificio abandonado porque o Estado pretende cobrar 1,12 millóns de euros ao concello da Coruña, cando foi construído nuns terreos que o concello mercou e que foron cedidos ao Goberno central en 1925.
Derrubouse o asilo de Adelaida Muro, construído en 1888, unha auténtica institución da cidade, froito da xenerosidade dun pobo, que fixo aportacións de terreos e da cartos para atender ás persoas máis necesitadas. Un edificio emblemático coas galerías de máis lonxitude da cidade. Descatalogouse o edificio, que estaba protexido, e cambiouse a cualificación da parcela, que pasaba de uso asistencial privado a “área de transformación”, para facilitar a construción de vivendas. Esta operación especulativa foi promovida polo goberno municipal co apoio da Xunta de Galicia e coa oposición de máis de oitenta entidades da cidade.
Agora pretenden que paguemos nós, é dicir, o concello da Coruña, o financiamento da construción do Porto Exterior en Punta Langosteira, que debería ser pagado por Fomento, como se fai no resto do Estado. E está en marcha unha operación para vender parte dos máis de 400.000 metros cadrados dos vellos peiraos para que a Autoridade Portuaria “faga caixa”.
O Ministerio de Defensa suspendeu a poxa de tres parcelas na Maestranza (pretendía ingresar 24,8 millóns) porque non se presentou ningunha empresa, pero aínda non renunciou a outras novas poxas ou venda directa. A mobilización cívica fixo fracasar, en primeira instancia, o plan de Defensa, pero debe continuar a mobilización e o goberno municipal debe defender ante ese ministerio o acordo do Pleno de 11 de abril de 2016: “Devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación”.
Insisten na privatización do común, e a Autoridade Portuaria-Ministerio de Fomento pretenden continuar “facendo caixa” para pagar o porto exterior coa venda da Solana e do Hotel Finisterre, que acaban a súa concesión en 2027. Foron importantes empresarios coruñeses e persoas relacionadas co franquismo, que participaron na represión despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936, quen impulsaron a ocupación de 25.000 metros cadrados de terreos públicos, gañados ao mar, como auténtico botín dos golpistas. Primeiramente construíron a Solana, inaugurada en 1942. Posteriormente, o Hotel Finisterre en 1948 sobre o solar que ocupaba o vello cárcere até 1928, e en 1970 inauguraban a ampliación da Solana, realizada sobre un novo recheo.
Co mesmo criterio que nos terreos da Maestranza, a Comisión Aberta en Defensa do Común pide a devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público da Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión, porque sempre foron terreos de titularidade pública e alí estaba a praia do Parrote antes de facer o recheo. Petición que compartimos coa Asociación de Veciños da Cidade Vella.
Pedimos a todas as organizacións políticas que leven estas reivindicacións ás distintas institucións, soliciten o apoio e sometan a votación as propostas da Comisión Aberta en Defensa do Común que, no caso das parcelas da Maestranza, foron aprobadas polo Pleno do 11 de abril de 2016. Igualmente, pedimos que sexan asumidas como parte do seu programa electoral para as próximas eleccións, tanto xerais como autonómicas., e que permitan a intervención dunha persoa, en representación da nosa Comisión, nos actos centrais das campañas electorais.
Finalmente, chamamos a todas as asociacións, entidades, e cidadanía en xeral, a que continúen apoiando as actividades que estamos a desenvolver desde a Comisión Aberta en Defensa do Común:
- Martes, 31 de maio, ás 19 horas no Centro Cívico Municipal da Cidade Vella: Asemblea Aberta.
- Sábado, 4 de xuño, ás 12 horas: “Marcha” en defensa dos espazos comunais e do patrimonio público, con saída na Autoridade Portuaria (avenida da Mariña) e remate na Maestranza.