Dende o comezo da crise económica e máis en concreto durante o goberno do PP, a filosofía do emprendemento tivo unha grande promoción por parte dos voceiros do poder, como xeito de xerar unha filosofía da culpabilización do desempregado. É por tanto vender a posibilidade de emprender, para o que só é preciso “crer en ti mesmo” ou “loitar polos teus soños” suplindo así a falta de cartos. Emprender é unha cuestión de actitude.
Unha filosofía moi enraizada na propia sociedade postmoderna, sociedade do hedonismo e o optimismo obrigatorio que venden os coaching (tan de moda nos últimos tempos). Estes lonxe da realidade vital de cada un, achegan pequenas cápsulas de “soños” e “ledicia” en frases baleiras de contido. Ese optimismo obrigatorio que resposta ao capitalismo máis salvaxe e na que engarzamos o emprendemento que venden dende os ámbitos do poder, e sendo unha idea forza da ideoloxía dominante.
A solución do PP durante estes anos, incapaz de dar solucións laborais á maioría social, é vender o “emprendemento para todos”. Facendo en certo sentido que sexamos responsables da nosa deriva laboral por non ser capaces de poñernos no mercado. É dicir, fomentando a ideoloxía da culpabilización do desempregado. O desenvolvemento desta ideoloxía do emprendemento enredando a realidade do mercado dentro dunha filosofía darwinista social e guiados polos fontes neoliberais.
Non é casualidade que sexan os medios de comunicación social, máis afines ao goberno do PP os que presentan e promocionan o emprendemento como a gran solución ao desemprego xa que fomentar este, é promocionar unha solución e resposta a falta de traballo asalariado.
Non se trata de negar a necesidade de proxectos emprendedores, pero si negar o fomento da idea ou da filosofía do emprendemento convertida nunha sorte de fetiche do pensamento neoliberal presentada como a grande solución ao futuro laboral, na que todos e todas aquelas que non atopen un traballo asalariado teñen que emprender.
A figura do emprendemento foi moi útil para o Partido Popular. Serviulle non só para agochar as vergoñentas cifras do desemprego, senón tamén para que o goberno presente como un éxito o aumento de traballadores autónomos. Sen dúbida un síntoma da ficticia recuperación económica pero que en realidade en moitas ocasións agochan a precarización do traballo asalariado coa figura dos “falsos autónomos”. Un dos maiores fraudes laborais que rexurdiu con forza durante a época da crise cuns 160 000 “falsos autónomos”en todo o Estado segundo a as últimas cifras e que aumentou de xeito exponencial durante a crise. Durante este últimos anos de goberno do PP, tamén venderon este “fraude” como emprendemento.
Pero neses discursos oficiais a posibilidade do fracaso non está presente. Se queremos ver esa realidade só temos que prestar atención ás cifras. Nos textos das escolas de negocio ou de empresa só o 0,02% dos textos analizan ou falan do fracaso das iniciativas emprendedoras. Tampouco nos medios escoitamos que segundo os estudos máis optimistas, só o 50% deses proxectos emprendedores, sobreviven os tres primeiros anos de vida, algo que non escoitaremos nos discursos oficiais.
“Para ter éxito debemos facer todo o posible por parecer existosos” (François de La Rochefoucalud)