0 Gardados para despois

Óscar Antón Pérez García

Incendios e cidadanía

Supomos que será inevitábel lamentarse cando vemos o lume devastar un monte. Atristurarse cando consome unha horta ou se achega a unha casa. Encherse de carraxe cando as lapas pasan por riba dos valados deixando un ermo detrás. E isto multiplicado cando, no verán e dunha ollada, divisamos o fume propagarse a só uns centos de metros de onde nos estomballamos á raxeira nalgún areal.

Aínda que comeza tamén a soar a tópico, o lume na Galiza é estrutural. E como tal non ten unha solución doada nin moito menos rápida

Aínda que comeza tamén a soar a tópico, o lume na Galiza é estrutural. E como tal non ten unha solución doada nin moito menos rápida. Temos falado en diversas ocasións sobre as orixes e a multitude de causas que a actividade incendiaria ten. Porén, como cada verán, nestes días de agosto temos que escoitar unha e outra vez a cantinela dos medios de comunicación, e o que é máis grave, a indignante repetición das mesmas mensaxes por parte dos responsables políticos: Incendiarios, pirómanos, delincuentes,... Palabras que se propagan con facilidade e que, a maioría, sexamos ou non coincidentes ideoloxicamente co Goberno, rematamos por asumir.

Para gañar a loita contra o lume requírese coñecemento, obxectivo e estratexia. Polo visto desde hai máis de cincuenta anos, non houbo avances significativos en ningún destes parámetros

Hai que recoñecelo, cando o inimigo é difuso resulta moi complexo loitar contra el e as respostas tenden a identificar o inimigo cunha etiqueta que permita focalizalo doadamente. Pero unha cousa é pórlle unha lapela e outra moi diferente gañar a loita contra el. Para iso requírese coñecemento, obxectivo e estratexia. Polo visto desde hai máis de cincuenta anos, non houbo avances significativos en ningún destes parámetros. Se un revisa as mensaxes coas que o franquismo identificaba as persoas que puñan lume ao monte, non observamos grandes diferenzas. O calificativo pirómano, como o de incendiario, non deixan de ser unha verba recorrente coa que se nomea non só unha persoa, senón tamén un síntoma. O síntoma de que algo pasa e non sabemos ben o que.

Unha cuestión social moi importante arredor dos incendios forestais é que só nos lembramos deles cando os hai. Pero o resto do ano semella que non existiron, como se non foran repetirse nunca máis. Lamentámonos,  atristurámonos, escribimos coraxudas mensaxes nas redes sociais, opinamos nas tabernas. Mesmo temos ido a algunha manifestación. Porén, pasa o verán e toda esa tristura, toda esa carraxe, esváese. Como se por arte de birlibirloque o lume deixase de acudir á súa cita coas 25.000 hectáreas que arrasa en Galiza cada ano. E conséguese sen ningún tipo de medida lexislativa a maiores. Durante o verán o monte arde, os responsables da Xunta e do Ministerio acusan os incendiarios (delincuentes, pirómanos,...), anuncian endurecemento das penas, falan da seca pero, contra a fin da campaña, todo esmorece á espera do seguinte verán. De cando en vez mesmo escoitamos que se agarda un verán que non veña demasiado cálido ou seco. Como se, un supoñer, o anxo Marcelo tivese a ben enviar choiva para evitar que arda o monte.

O plan de defensa contra incendios forestais contempla máis que nada un sistema de extinción que sobrecarga as contas da Comunidade Autónoma e deixa a política de prevención na mesma situación que estaba o ano anterior. É dicir, nula

Pero, á hora da verdade, u-las medidas lexislativas para previr o lume? U-los proxectos estratéxicos para valorizar o monte e frear o abandono? U-la investigación sobre causas, sobre a efectividade das medidas tomadas contra o lume ou sobre sistemas de control do mato que eviten o mesmo lamentable escenario cada ano? Fóra de declaracións rimbombantes e algunha medida puntual o plan de defensa contra incendios forestais contempla máis que nada un sistema de extinción que sobrecarga as contas da Comunidade Autónoma e deixa a política de prevención na mesma situación que estaba o ano anterior. É dicir, nula.

O papel da cidadanía galega nesta situación é claro. Fóra do lamento e da tristura cómpre facer análise e comprender ben as causas do que acontece. Saber como e por que se producen os lumes, coñecer a situación de abandono do medio rural e a multitude de factores económicos, ambientais e sociais que o causan daría, desde logo, unha visión un chisco máis desoladora pero tamén remataría con certos lugares comúns e estereotipos que enxurran as redes sociais e os principais medios de comunicación. E finalizaría coa pasividade escondida detrás da maioría das frases de impotencia que tantas persoas repiten cada vez que o lume nos sorprende na estrada, na praia o á beira das cidades.

Darlle as costas ao despoboamento, á crise económica, á precariedade nos servizos públicos e privados que afectan ao rural é tan irresponsable como lamentarse dos incendios no verán e esquecerse durante o inverno

O coidado da paisaxe, dos espazos naturais, a preocupación pola economía e a sociedade no medio rural son cuestións que sobardan os seus habitantes e que nos tocan a todas. Darlle as costas ao despoboamento, á crise económica, á precariedade nos servizos públicos e privados que afectan ao rural é tan irresponsable como lamentarse dos incendios no verán e esquecerse durante o inverno.

Acadar un novo modelo de desenvolvemento que permita elevar a calidade de vida das persoas que viven no rural, que inclúa políticas de freo efectivo do abandono, que corrixa un saldo demográfico alarmante, que dote de medios e protexa a economía agraria, que viabilice o emprego e o coidado do medio, é a mellor maneira de evitar que o monte arda. Encoraxarse, atristurarse cando o lume nos estaga unha tarde de praia, mentres esquecemos que o territorio é unha responsabilidade da cidadanía non serve máis que para prolongar (mesmo agravar) o desastre ambiental e económico que os incendios forestais nos deixan cada ano. Na nosa man está: espilimos ou continuamos no coro das carpideiras un ano máis?

Acerca de Óscar Antón Pérez García

Óscar Antón Pérez García é Enxeñeiro Técnico Agrícola