O que o CIS di e o que insinúa

A enquisa do CIS publicada este xoves serviu para establecer o escenario da campaña, constatando -ao igual que outros estudos difundidos nas semanas previas- a fortaleza dun PP que está en disposición de conservar a súa maioría absoluta. As sondaxes son iso, simplemente sondaxes, e os erros cometidos nos últimos tempos por este tipo de traballos convidan a lembrar que as enquisas electorais non ofrecen nunca un vaticinio infalible, senón simplemente un panorama probable, con marxes de erro que poden ser determinantes. En calquera caso, ademais dos grandes datos (estimación de voto e reparto de escanos), o CIS ofrece unha serie de pistas sobre como respira neste momento a sociedade galega e as fortalezas e debilidades de cada candidatura. Estas son algunhas delas:

1- Feijoo e o PP non acusan o desgaste da acción de Goberno nin os anos de crise económica e recortes. A valoración xeral da xestión da Xunta é razoablemente positiva (o 29,5% considéraa boa ou moi boa e o 29,8% mala ou moi mala), e aínda o é máis a valoración da xestión de Alberto Núñez Feijoo (36,4% fronte a 29,3%). Por exemplo, na enquisa previa ás eleccións xerais do 20D, a xestión do PP á fronte do Goberno central era valorada positivamente só polo 13,4% dos/as entrevistados/as e negativamente polo 55,9%. A situación xeral de Galicia é valorada moito máis favorablemente (26,6% de respostas positivas) que a do conxunto de España (6.6%). Esta valoración positiva é case unánime entre os e as votantes do PP en 2012: o 79,7% aproban a Feijoo e tan só o 3% o suspenden.

2- Toda enquisa ten cociña (necesariamente), pero a intención de voto directa (IDV) para o PP é moi elevada (30,2% fronte ao 16,9% de EnMarea e ao 11,7% do PSdeG). Na sondaxe do CIS previa ás xerais de xuño, a IDV dos populares no conxunto de España era do 16,8%. Semella que os e as votantes do PP están nestes momentos mobilizados/as e na enquisa o expresan loud and proud.

3- A boa valoración persoal de Feijoo confirma este escenario. É o único candidato que aproba (5,24) e, con gran diferenza, o máis coñecido (98,5%). Mesmo o 39% dos e das votantes do PSOE no 2012 lle dan un aprobado.

4- Curiosamente, o 57,3% dos e das enquisadas afirmou que lle gustaría que gobernase un partido ou partidos distintos ao PP (algo que afirman mesmo o 18% dos votantes populares hai catro anos). Un desexo de cambio case unánime nas forzas da oposición e maioritario en sectores que no 2012 ou ben non votaron, ou non tiñan idade ou ocultan na enquisa a súa posición. Esta pregunta, este desexo de cambio, amosa un fío de esperanza ao que se poden aferrar as candidaturas que esperan que Feijoo non acade maioría absoluta.

5- Ante a pregunta de que partido pode resolver mellor os problemas de Galicia, o PP aparece moi destacado (31,3%), fronte ao 12% de EnMarea e un moi baixo 8,2% do PSOE. De feito, menos do trinta por cento dos votantes socialistas de 2012 confían na xestión deste partido   

6- A sanidade cóase coma a segunda maior preocupación dos e das galegas, citada polo 17,3% dos e das entrevistadas. A educación é o cuarto problema máis repetido. A pesar de que a xestión do Goberno galego acada boas valoracións, neste tema xorde unha nova fenda, que as restantes forzas poden explotar.

7- O CIS prevé unha participación sorprendentemente elevada. Un 73% afirma que "con toda seguridade" acudirá a votar e outro 16% di que "probablemente" o fará, cando hai catro anos tan só o fixo un 64% do censo residente. No estudo preelectoral do CIS en 2012 un 62% afirmaba que acudiría a votar "con toda seguridade" e outro 19% "probablemente". 

8- A enquisa constata unha gran solidez nos apoios populares, conseguindo o PP a maior fidelidade entre os seus votantes de 2012 (87%), mesmo por encima da que recolle En Marea entre os votantes de AGE (78%) e moi por riba da de PSdeG (55%) e BNG (35%). A candidatura liderada por Luís Villares suma o respaldo dun 21% dos ex-votantes socialistas e dun 42% dos antigos apoios do BNG. En relación coas eleccións xerais do pasado 26 de xuño, a fidelidade dos votantes populares elévase ao 91%, recollendo o PP, ademais, un de cada tres votos de Ciudadanos. Mentres, no caso de En Marea a fidelidade descende ao 75% e no do PSOE ascende ao 66%. Dende o 26X entre estas candidaturas prodúcese un intercambio homoxéneo de votantes (7,6% en dirección a En Marea, 6,7% en dirección ao PSOE).

9- Para os candidatos que compiten con Feijoo o dato máis preocupante non é tanto ter unha valoración inferior a Feijoo coma os moi diferentes niveis de coñecemento. todos por baixo do 50%. Villares, a pesar de ser o segundo máis valorado, só é coñecido polo 33% dos electores. En 2012 Pachi Vázquez ou Francisco Jorquera acadaban niveis de coñecemento ao redor do 80%.

10- A tres semanas das eleccións un terzo dos electores (un 35%) con intención de acudir ás urnas non tiña decidido o seu voto, unha porcentaxe semellante ao dato de 2012 (37%). As dúbidas máis frecuentes danse entre PSOE-En Marea (12,1%), PP-PSOE (10.9%) e En Marea-BNG (6,8%). Tan só o 59,6% dos votantes do PSOE en 2012 teñen xa decidido o seu voto, unha porcentaxe mesmo inferior á dos votantes do BNG hai catro anos (61,6%) e a moita distancia dos de AGE (72%) e PP (83%). A enquisa do CIS amosa moitas debilidades para o PSOE; porén, a súa oportunidade estaría na capacidade de mobilizar este electorado indeciso. Entre os indecisos, o PSdeG é a forza máis citada como posibilidade (30,9%), seguida en EnMarea (23,7%), PP (19%), BNG (12,4%) e Ciudadanos (8,2%). 

11- Como se ve neste gráfico, EnMarea é a primeira forza en intención de voto directa e simpatía entre os e as menores de 34 anos, rozando o resultado do PP na franxa de idade de 35 a 44. Por riba dos 45, con todo, os populares dominan con claridade. De feito, entre os e as votantes de máis de 65 o PP triplica ao PSOE e multiplica por seis os datos de EnMarea. Por riba de 55, o PSdeG-PSOE mantén o segundo posto.

12- EnMarea domina o voto na esquerda (1-3 na escala ideolóxica), pero amosa unha gran debilidade no acceso ao voto de centro. Entre as persoas que se sitúan ideolóxicamente nun 5 sobre 10 (case unha de cada catro, na enquisa) a candidatura só acada o 6,5% dos apoios, por debaixo mesmo de Ciudadanos e na metade do conseguido polo PSOE 

13- O PP obtén os seus mellores resultados nas localidades de menos de 2.000 habitantes, pero estende o seu claro dominio a todos os espazos, tamén aos urbanos. En Marea, aínda que constata a súa debilidade nos municipios de pequeno tamaño (é superada polo PSOE naqueles que teñen menos de 10.000 habitantes), non obtén os seus mellores rexistros nas cidades, como sería esperable, senón nas vilas de tamaño medio (10-50 mil habitantes). Os socialistas, pola súa banda, distribúen os seus apoios de maneira moi homoxénea.

14- Chama atención que a valoración de Luís Villares é máis positiva entre as persoas de 55 a 64 anos (5,01) que nas franxas de idade de 25 a 34 (4,91) e 35 a 44 (4,55), en contraste coa distribución dos votos de EnMarea. De feito, entre os galegos e galegas de 55 a 64 anos Villares ten mellor valoración que Feijoo (4,98). De igual maneira, Villares ten mellor valoración nas vilas de 10.000 a 50.000 habitantes (4.82) que nas cidades (4,61 e 4,67) e nos concellos de pequeno tamaño case iguala o resultado das urbes (4,57). Moi probablemente na campaña electoral En Marea tentará reforzar a súa capacidade de acceder ao voto urbano (onde sufriu os maiores descensos entre o 20D e o 26X) sen perder da fortaleza que semella ter nas vilas medias.

15- O eixo nacionalismo/antinacionalismo non semella determinante na campaña. En función do recordo de voto nas xerais de xuño, as diferenzas entre EnMarea (5.52), PSOE (4.38), PP (4.09) e Ciudadanos (3.49) son relativamente pequenas e as medias non se afastan demasiado do dato global (4.64), entendido o valor 10 como máximo nacionalismo e o valor 1 como mínimo nacionalismo. Entre o electorado de PP (44%), Ciudadanos (51%) e PSOE (37%) si se advirte un compoñente antinacionalista (valores de 1 a 3) que non se aprecia no de EnMarea (20%). Tan só o 28% dos e das votantes de EnMarea se definen como "nacionalista galego/a" (fronte ao 15-16% de PP e PSOE). Iso si, a maioría dos e das votantes de todos os partidos (sen grandes diferenzas entre eles) destacan que para eles e elas o máis importante na campaña son os "temas galegos", por riba dos "temas xerais de España".

 

Á vista destes datos, poderíamos concluír que o PP ten ao alcance da súa man repetir a súa actual maioría absoluta. O seu reto estará na mobilización do seu electorado (como xa fixo nas xerais do 26X) e en que as forzas de esquerda non sexan quen de mobilizar o seu. Con esta obviedade quero dicir que Feijoo pode saír a defender. Entre os seus competidores, EnMarea debe mellorar os seus datos nas cidades e nas áreas metropolitanas (sen perder a incipiente fortaleza coa que semella contar nas vilas), acadar un desborde que asegure a recuperación dos votos perdidos alí entre o 20D e o 26X, a mobilización de electorados abstencionistas nas eleccións autonómicas e asegurar a concentración do voto que perde o BNG e do voto dual que comparte co PSOE. O PSdeG-PSOE ten un panorama difuso, con escasa fidelización do seu electorado e a necesidade de convencer unha gran masa de indecisos que poden acabar votando o PP ou a EnMarea; se non o consegue, pode acadar o peor resultado nos últimos 35 anos, se o consegue pode salvar os mobles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.