Austeridade, desemprego, emigración

En repetidos artigos publicados neste medio teño sinalado que un dos maiores problemas macroeconómicos de Galiza é a debilidade do seu mercado laboral, unha debilidade que ten un carácter sistémico. Unha grande debilidade derivada dunha escasa demanda de traballo que non é quen, nin de lonxe, de cubrila oferta de traballo: un problema hoxe en día de tódalas economías occidentais pero que en Galiza, e en España, ten unha dimensión superior –velaí a maior dimensión do desemprego e o auxe da emigración-. Un problema que en Galiza é, como dicía, sistémico.

Unha realidade que, por outra parte, tira por terra os argumentos neoliberais sobre o mercado de traballo. Uns argumentos que si tiveron a súa orixe no século XIX, agora en pleno século XXI volven a ser utilizados polas elites políticas e económicas que dominan na maioría dos estados europeos e que en Galiza e en España teñen o PP como principal, que non único, defensor. Uns argumentos que, apoiándose no principio de que “os mercados son perfectos”, sosteñen que o libre xogo da oferta e a demanda de traballo conduce ao equilibrio no que se acada o pleno emprego: a oferta crea a súa propia demanda. Se este equilibrio non se acada será, segundo estes liberais, por que os traballadores –a oferta- estimulados polos seus sindicatos resístense a aceptar o salario de equilibrio que garanta o pleno emprego. Ergo, son os sindicatos coas súas reivindicacións quen, moitas veces, impiden o pleno emprego que garantan por si mesmos os “mercados perfectos”.

Pois ben, en España e en Galiza os gobernos respectivos (PSOE, PP) puxéronse a tarefa de debilitar ao movemento sindical –velaí as dúas derradeiras reformas laborais- para que así a oferta e a demanda de traballo puideran operar libremente e traer a Galiza e a España o pleno emprego. Pero que pasou?, que o desemprego e a precariedade disparáronse a pesares de que os sindicatos foron fortemente debilitados polos poderes políticos –nunca, durante a democracia española, os sindicatos estiveron en tal posición de debilidade e acoso-

Pero se o desemprego e a precariedade laboral castigan as clases traballadoras galegas son, particularmente, os/as mozos/as quen mais están a sufrir este castigo como así confirman tódalas evidencias. Uns mozos/as galegos/as golpeados/as  pola precariedade e o desemprego quen expulsan a emigración a moitos/as deles.

Como podemos ver no cadro adxunto, nas dúas derradeiras lexislaturas (PP) a actividade e a ocupación entre poboación moza galega (16-29 anos) reducíronse, practicamente a metade confirmando o sinalado anteriormente encol de que a demanda non cobre a oferta. A caída da actividade e o reponte da emigración fan que o desemprego entre a poboación moza galega diminúa a pesares da fortísima caída no emprego.

Galiza (16-29 anos) 2009 2012 2016 %
Poboación 428.900 379.200 328.500 -23,4%
Activos 273.400 220.200 121.500 -55,6%
Ocupados 211.700 140.000 113.800 -46,2%
Desempregados 61.800 80.200 57.200 -7,4%

Por se isto non fora suficiente, e como ben sinala a OCDE os novos empregos que se están creando “son a lombos da precariedade laboral e a rebaixa salarial.  Un crecemento insán con un elevado custo para a produtividade e o crecemento potencial a longo prazo”.

Unha rebaixa salarial e unha precariedade laboral que se apoian, en Galiza e en España, na citada debilidade sindical. Recollendo informes de CGRL (Consello Galego de Relacións Laborais), sabemos que o número de convenios asinados en Galiza nos derradeiros anos (2009-2014) practicamente reduciuse a metade (de 371 a 211), o mesmo que o número de traballadores acollidos a eses convenios (de 381.773 a 155.814). Uns traballadores que viron como o incremento salarial bruto baixou do 3,25% anual ao 0,77%. Unha rebaixa salarial que, unida ao elevado desemprego facilitaron que a participación das rendas do traballo na riqueza nacional sexa en Galiza a mais baixa das derradeiras décadas (45,1%) e unha das mais baixas de España. Unhas evidencias empíricas que tiran por terra as teses neoliberais de que sexa a resistencia dos traballadores galegos a aceptar o salario de equilibrio quen dispare o desemprego. Unha precariedade laboral que se reflicte no feito de que entre as novas contratacións a indefinida sexa practicamente irrelevante (entre un 7 e un 11%) en beneficio dunha contratación temporal (80%) na que son maioría modalidades como os contratos semanais (28% dos contratos temporais) e/ou os contratos a tempo parcial (36,5% do total de contratos).

En ámbolos dous casos –precariedade laboral e rebaixa salarial- os/as mozos/as galegos/as están na vangarda. O 95% dos contratos entre os/as mozos/as galegos/as son temporais, con salarios que están un 9.5% por baixo do salario medio entre os mozos/as españois e un 17,9% por baixo do salario medio en Galiza. Nesta conxuntura, marcada por unha forte caída do emprego, unha importante rebaixa salarial e un incremento da precariedade laboral, non debera resultar estraño que a emigración galega reponte de novo. Que reponte e o faga, moi especialmente entre a poboación moza. Dende o estoupido da crise (2008) son unha media superior aos 8.000 os/as mozos/as galegos/as que emigran cada ano (IGE).

Cabe preguntarse por que o desemprego entre os/as mozos/as é tan elevado en Galiza, e en España. Para atopar unha resposta axeitada hai que ter en conta un feito aparentemente contraditorio: hai relevantes sectores aos que non lles convén que haxa pleno emprego. Por que?: por que entón os traballadores, en moitos casos, non aceptarían as condicións de traballo que actualmente se lle ofrecen –rebaixa salarial, precariedade laboral-.

Unhas condicións laborais que, como estamos vendo en Galiza, de ningures serven para crear emprego estable e de calidade –na UE os estados con mercados laborais mais precarios son aqueles que teñen un maior desemprego-. Por que sucede isto?: por que as empresas galegas non contratan por que non teñen a quen vender. En Galiza son  maioría as PEME e o comercio polo miúdo que son, tamén, quen crean mais emprego.

Pero para crear emprego teñen que vender … en Galiza!. Dependen, xa que logo, da demanda de bens e servizos dos/as galegos/as. Unha demanda que, a súa vez, depende do poder adquisitivo daqueles. Un poder adquisitivo debilitado primeiro polo desemprego derivado da crise e logo pola austeridade, a rebaixa salarial e a precariedade laboral. Velaí unha das causas principais do elevado desemprego en Galiza: a debilidade da demanda interna. Unha demanda que, como é ben sabido, non depende das condicións do mercado laboral senón das condicións macroeconómicas. Quen, xa que logo, determinan o nivel de emprego e desemprego.

Unha demanda interna na que a demanda pública é fundamental. Unha demanda pública moi debilitada polas políticas de austeridade da Xunta de Galiza o que repercute na escaseza da demanda de traballo. Contra o que se pode pensar unha das razóns da escaseza de postos de traballo en Galiza é a debilidade do seu sector público, maiormente dos servizos públicos de benestar. En Galiza a poboación activa ocupada no sector público non supera o 12% da mesma –moi lonxe da media na OCDE: 16%, por non falar de Francia (22%) e/ou Suecia (30%)-. Unha debilidade que se viu incrementada polo duro axuste fiscal aplicado nas dúas lexislaturas pasadas (PP): segundo fontes oficiais (BOLETIN ESTADISTICO DEL PERSONAL AL SERVICIO DE LAS AA.PP.) perdéronse en Galiza, por mor dos axustes, mais de 6.000 empregos públicos (6.265: 2.800 na Administración autonómica e 3.465 nas Administracións Locais). Os empregos perdidos na A.A. (2.800) pertencen maiormente ao ensino (1.200) e a sanidade pública (1.022), os empregos perdidos na A.L. (3.465) aos servizos sociais e ao fomento do emprego. Velaí outra das causas relevantes do elevado desemprego en Galiza: a desfeita programada (PP) dos servizos públicos de benestar.

Finalmente sinalar que unha das moitas ensinanzas que os gobernantes deberan sacar desta longa recesión é a da que a maior flexibilidade laboral e meirandes facilidades para o despido, maior desemprego. Por unha razón obvia: fai que se perdan postos de traballo con mais facilidade. Diante da caída da demanda os empresarios optan preferentemente pola redución da forza de traballo –en vez de, por exemplo, repartir o traballo existente con están a facer en Alemaña: 4,2% de taxa de desemprego-.

Por todo o subliñado so cabe pensar que en Galiza, logo do resultado das eleccións autonómicas do 25S, que deron unha abafante maioría ao Partido Popular, a situación do mercado laboral non vai ir a mellor. Non vai ir a mellor por que, amais dos problemas subliñados, esta Xunta de Galiza, liderada por A. Núñez Feijoo, non foi quen de crear no entorno macroeconómico galego, do que depende a actividade económica e a creación de emprego, as condicións para a creación e o reparto da riqueza. Nin tampouco foi quen de crear o marco institucional que precisa o mercado de traballo galego para crear mais e mellor emprego. Todo o contrario.

E se non vai a mellor seguiremos a ter elevadas taxas de desemprego, unha intensa precariedade laboral e, como consecuencia, unha continuación da emigración especialmente de xente moza. Seguiremos a ser unha economía periférica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.