0 Gardados para despois

Pepe Arias e Luca Chao

En Marea no seu labirinto

Di o escritor británico Michael Korda que “o éxito sempre foi doado de medir: é a distancia entre o punto de partida dunha persoa e o seu maior logro”. Deste xeito o éxito de En Marea habería que consideralo baixo o prisma dunha forza que se presenta por vez primeira ás eleccións galegas e que acaba de alzarse como o principal partido da oposición. Sen embargo, os éxitos e fracasos políticos son, cada vez máis, interpretados en función das expectativas. Neste senso é innegable que En Marea non fomos quen de alcanzar un dos nosos obxectivos: acadar unha maioría parlamentaria de progreso que poña fin ás políticas austericidas do Partido Popular.

Construír o futuro de En Marea vai requirir unha reflexión serena e profunda acerca dos erros que cometemos, en común, pois foi xuntas e xuntos como chegamos ata aquí. As lecturas de parte non só descansan en contrafácticos imposibles de testar senón que traizoan a vontade de unidade popular que dá sentido a En Marea. Desta vez a escusa dos tempos non vai servir pois temos catro anos por diante para sedimentar e fornecer o noso proxecto de cambio. Queda claro que non fomos quen de ilusionar a unha parte do pobo galego e que este optou, en grande medida, pola abstención. Esgotamento, dificultade para xestionar a decepción de non conseguir derrotar a Mariano Rajoy, incapacidade para conectar coa xente de máis idade, ruído interno, son só algúns dos problemas que debemos considerar. E baixo todos eles unha causa común, cando deixamos de falar dos problemas da xente e falamos de nós mesmos perdemos.

Pero a situación política tampouco pode entenderse sen considerar as correlacións de forzas. As forzas do cambio avanzamos na primavera municipalista, e recollemos o sementado cos históricos resultados do 20D. Naquel momento acendéronse todas as alarmas vermellas, e era evidente que nun momento de crise, e diante dos enormes intereses que estaban enriba da mesa, as forzas do réxime armaron un proceso de reorganización e reorientación da súa proposta política. Tan certo é isto, como que o horizonte de cambio político segue aberto no noso país.

Partimos dun momento histórico de fluxos e refluxos, onde os resultados non son extrapolables: non podemos cometer o mesmo erro dos partidos vellos ao falar de que pasou cos "nosos votos", xa que estes pertencen aos electores e non ás organización políticas. Non conseguimos marcar o discurso de ruptura, e outros apropiáronse daqueles elementos máis banais, precisamente dos que teñen menos valor político. Da marea baixa virá a marea alta en 2020, e debemos comezar a traballar coas luces longas, preparando ese escenario dende o lugar que nos deu a cidadanía galega.

Porque malia todo, o certo é que Luís Villares colócase como o xefe da oposición en Galicia. Hoxe, a fenda aberta no bipartidismo por AGE hai catro anos, é máis ancha, e máis plural. E é dende ese lugar dende o que temos que seguir avanzando. As persoas que cremos no proxecto político de En Marea temos ante nós o reto enorme de estabilizar o novo suxeito político superando de verdade a lóxica de parte para pensar no todo. Isto non supón ignorar a pluralidade interna. Todo o contrario, a unidade que defendemos dende En Marea non é uniformidade, senón que asumimos con normalidade a diversidade, como diversa é a maioría social á que aspiramos representar. Recibimos o respaldo de máis de 270.000 persoas que nos obriga a mirar cara adiante. Debemos asumir que as convocatorias electorais son episodios que miden a nosa forza en cada momento, dentro do longo e duro camiño de pensar e construír unha Galicia para as maiorías sociais.

Temos que reiniciar o proceso constituínte de En Marea como así establecemos na Asemblea de Vigo o 30 de agosto deste ano. Afondar na idea de participación individual, buscando a cooperación de persoas organizadas ou non nas estruturas previas, tanto mareas municipalistas como partidos.

Temos que garantir a igualdade das persoas que participamos neste espazo. Asumir a mestizaxe de culturas políticas diferentes, pero que teñen un mínimo común denominador moi poderoso, o da defensa dos intereses dos e das máis. Crear un espazo de participación territorializado, con presenza en todas as comarcas, que artelle a oposición ás políticas da dereita do noso país. O camiño iniciado non ten volta atrás.

Acerca de Pepe Arias e Luca Chao