0 Gardados para despois

Laureano Araujo

As pensións: non é a demografía, é a ideoloxía

Esta semana comezan no Congreso dos Deputados os traballos da comisión de seguimento e avaliación dos acordos do pacto de Toledo encargada de elaborar un informe sobre a reforma do sistema de pensións. Haberá moitas e poderosas voces que defenderán que o sistema siga a escorarse cara ao modelo dos plans individuais de pensión. Serán as mesmas voces que avogarán polo aumento da idade de xubilación, a diminución das prestacións, o incremento das cotizacións dos traballadores e a transformación das pensións públicas en pagas de subsistencia. A razón esgrimida vai ser que hai cada vez máis xubilados e menos activos. Este argumento parece evidente, pero non o é.

Estamos realmente no medio dunha crise demográfica? Son fiábeis as proxeccións a longo prazo? E é tan irracional que a cidadanía deixase de crer na funcionalidade da tradicional estrutura piramidal? É moi difícil abrir unha fenda na tese case unánime, sostida cun afervoamento patriótico –Galiza suicídase!– que botamos en falla noutros debates, de que se albisca unha catástrofe. Porén, sabemos que nosos fillos xa non van morrer novos, así que non necesitamos ter tantos e podemos centrarnos en atendelos ben. Sabemos que cando traballen serán moito máis produtivos ca nós e que os nosos devanceiros. E sabemos tamén que nunca na historia houbo vellos que vivisen tan sans e tan ben como os nosos. Este cambio demográfico denota realmente unha crise? Ou non será máis ben que a nosa estrutura poboacional se democratizou e se modernizou?

Nos próximos meses imos oír pontificar os expertos sobre este tema vital para o Estado do benestar. Convén que en todo momento reteñamos unha idea central: o equilibrio financeiro do sistema de pensións públicas é sobre todo unha cuestión política. Vai ser relativamente doado detectar a orientación ideolóxica dos participantes no debate sometendo os seus discursos a un test de tres preguntas. Aluden á necesidade de xerarmos máis recursos para as pensións públicas acabando co paro masivo, coa precariedade laboral e coa economía somerxida, e conseguindo uns ingresos salariais xustos? Asumen que, igual que sucedeu en períodos anteriores, a produtividade vai ir en aumento, e que é preciso aproveitala socialmente? Admiten que as pensións poden ser financiadas tamén a través dos orzamentos xerais, e non unicamente mediante as cotizacións á Seguridade Social?

Veremos que, con toda probabilidade, cando sometamos a este test as intervencións dos expertos, xuntaremos basicamente respostas negativas. Serán as respostas de todos aqueles que máis se benefician da globalización neoliberal e do seu corolario: a desigualdade rampante. E deberemos ter presentes os xestores que se enriquecen cos ineficientes plans de capitalización, un negocio que vén sendo algo así como un xogo de azar incentivado polo Estado. Un xogo, porén, de moi dubidosa rendibilidade para os futuros pensionistas que poidan permitirse entrar nel. Non se trata da demografía. Trátase simplemente da vontade política de preservarmos as pensións públicas, ese sistema de repartición que xamais cumpriu os escuros e interesados vaticinios dos expertos.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.