A dignidade xeral

Hai consenso informativo xeral en condenar as portas xiratorias. En xeral aquí non quere dicir en case todos os medios senón que o consenso se dá ao condenar a práctica de modo xenérico.  Se baixamos ao caso… pois iso, caso por caso. O último foi o da secretaria de estado de Facenda, Marta Fdez Currás, outrora perla das aliñacións de Feijóo, que saíu pola porta do Ministerio e, sen mollarse nin pisar a rúa, entrou na consultora financeira Ernst & Young. Como analiza esta porta xiratoria La Voz de Galicia? Cun artigo dunha páxina (retrato de caricatura incluído) asinado por Ana Balseiro que imos proceder a comentar. Digo o nome para non atribuírme méritos que non me corresponden. Eu limítome a traducir as súas palabras e escribilas en negriña, por facer algo.

No titular dise que M. F. Currás dá o salto á privada. Reparade na elisión do substantivo, non precisamos dicir “empresa privada”. Para os que estudaron en escolas de pago, co adxectivo abonda. E dá o salto, coma quen evita unha lameira.

O arranque é apoteósico para alguén que se pasa ao sector privado: Os que a coñecen aseguran que M. F. Currás leva no sangue o servizo público. Que tal quedastes?  Vistes o recurso de “os que a coñecen aseguran…”? Iso aporta credibilidade, pero é que a seguinte frase di que o seu currículo confírmao. E na seguinte engádese que a súa traxectoria profesional… está indisolubelmente vencellada á administración. Ou sexa, que M. F. Currás polo servizo público ma-ta! Os tambores de gloria baixan de rexistro cando o parágrafo continúa con: Ata agora que, tras pedir o cese voluntario, vai dar o salto… incorporándose á área de sector público de Ernst & Young. A ver, pouco a pouco, tanta información xunta é custosa de dixerir.

Primeiro una cuestión de estilo: M.F. Currás pide o cese voluntario, non o forzoso nin o involuntario? O importante é que quede claro que non foi cesada. Quen lle dera ao ministerio poder seguir contando con ela. E agora incorpórase a unha empresa privada, certo, pero na área do sector público, xa quedou claro que ela vai co público a morte. Fin do primeiro parágrafo. Collede aire.

A oferta de EY levaba “moito tempo” sobre a mesa, confirma o seu entorno. Velaí de novo “os que a coñecen”, “o seu entorno”. Era o momento idóneo para dar un paso que “asinará nos próximos días”. Os grandes personaxes históricos acertan sempre non só coas accións, senón coa oportunidade, coma se os seus pasos fosen inspirados polo destino. Fóra diso, que comiñas tan riquiñas, dan ganas de comelas.   

A súa folla de servizos na administración, como funcionaria e como política, é extensa… ademáis de ser pioneira en facer cachizas máis de un teito de cristal. Por favor, premio Nobel xa!

Armada con unha formación técnica extraordinaria, derrubou os estereotipos asociados á súa coidada imaxe. Estalle chamando bombón, non si? E non lle falta razón. Feminista sen alaracas, muller de armas tomar e enriba guapa, non como outras. A ver se aprenden.

M. F. Currás foi interventora xeral da Xunta co Bipartito, pero renunciou (supoño que voluntariamente) por desavinzas co daquela conselleiro socialista ao que, casualidades da vida, substituíu no cargo no primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Porque ela tiña xa unha seriedade que non canxaba co guirigai esquerdista. Que o seu destino era guiar, non obedecer, recoñeceuno outro profeta da eficacia, con nome e dous apelidos: Alberto Núñez Feijóo. Creo que aquí iría ben un “don”.

No executivo de Mariano Rajoy asumiu o cometido “máis ingrato” no momento máis difícil, apuntan fontes próximas. Os que a coñecen, o seu entorno e fontes próximas. Así me gusta, variando. E ela lidando co que só ela pode. “Reconducir as finanzas públicas, dicir non aos gastos, foi un puño en luva de seda”, explican os que ben a coñecen. Xa vedes, os recortes dos servizos públicos foron un xesto de elegancia. O pasteleo é de tal calibre que a xornalista volve protexerse co retrouso de “os que a coñecen ben”.

O seu entorno destaca, ademais da súa cualificación, a súa enorme capacidade de traballo. “É metódica e esixente. Esíxeche a ti, pero ela dá o dobre” explican os que traballaron ao seu lado,… e suliñan tamén o seu amor ao deporte. Ana Balseiro, xa nos quedou claro que non estás a opinar, simplemente transmites o que che dixo o entorno, os que traballaron con ela, os que a coñecen e os que a coñecen ben. Déixao xa, está claro, en serio.

O do amor polo deporte é xenial. É que o xunta todo. “Sendo conselleira tiña una hora sagrada ao día: a do ximnasio”, algo que sacrificou nos seus cinco anos á fronte da secretaría de Estado. O deporte ficou desprazado – que non esquecido – ás fins de semana na Coruña…: dúas horas percorrendo completo o paseo marítimo, e unha máis de ximnasio. Paseo Marítimo completiño!. Aviso para aprendices, e de sobremesa ximnasio. Premio Nobel e mínima para os xogos olímpicos.

“Vaise coa sensación de deixar feito o traballo encomendado, cos deberes feitos, malia que lle quede moito por diante” resumen. Fin da epopea. Quero dicir, do artigo.

Pero esta muller non acaba de perpetrar con máis descaro que ninguén o que todos e todas condenamos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.