0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

As eléctricas: o poder dos oligopolios como fracaso dos mercados perfectos

Con notable regularidade temos evidencias do ruín comportamento de grandes empresas que, aproveitando a súa privilexiada situación no mercado, cometen continuos, constantes e inadmisibles abusos cos consumidores, especialmente cos mais vulnerables: velaí o caso desa desgraciada anciá (81 anos) de Reus. Uns abusos –como o citado, de GAS NATURAL, quen chegou a cortarlle a luz por falta de pago- que son posibles pola súa condición de empresas oligopolísticas algo que, por certo, conseguiron grazas a polémicas e arbitrarias decisións políticas. Decisións políticas que a maioría das veces son xustificadas en base ao principio -auténtico dogma- da superioridade económica dos mercados non regulados. Dominio comercial e influencia política que lles serve a estes oligopolios para mesmo saltar a lei cando lles prace, como no caso anteriormente citado.

Para moitos cidadáns galegos, e españois, pode resultar sorprendente que logo das experiencias habidas aínda haxa, hoxe en día, quen fale da suposta superioridade económica dos mercados, especialmente dos mercados non regulados. Resulta natural que lles sorprenda cando as evidencias demostran, un día si e outro tamén, o erróneo desa doutrina –a ideoloxía neoliberal- como por caso as recorrentes crises financeiras provocadas por a suposta superioridade deses mercados.

Pois bastaría con avaliar como tivo lugar a presente crise (2008) e como reaccionaron a maioría dos gobernos europeos fronte a ela para rebater contundentemente ese dogma sobre os mercados non regulados. Un dogma que de novo se derruba se, por caso, avaliamos o que está pasando en Galiza e España cos mercados da enerxía eléctrica, dos carburantes, da telefonía e mesmo do transporte e as comunicacións, exemplos claros de mercados non regulados -tamén chamados mercados cativos-. Agora que están amplamente privatizados e liberalizados cabe preguntarse se eses servizos funcionan mellor que antes. Se son mercados autenticamente competitivos capaces de asegurar ao consumidor unha maior calidade e eficiencia no subministro ao tempo que un mellor prezo. Son agora mercados perfectos?. Lembremos que estes foron algúns dos argumentos utilizados polos gobernantes de torno (PSOE, PP) para xustificar a súa privatización, liberalización e desregulación. Uns argumentos que, nembargantes, o tempo tirou por terra.

Repasemos o caso do sector eléctrico galego e español. As evidencias din que nese sector –cuxa liberalización tivo lugar entre os anos 1998 e 2009 (*)- a existencia de poucas pero grandes compañías privadas -ENDESA, EON ESPAÑA, GAS NATURAL FENOSA,  IBERDROLA por citar so as que operan en Galiza- non está a repercutir beneficiosamente nos consumidores. Estas compañías, libres de control e faltas de regulación efectiva, crearon unha situación de oligopolio no mercado de produción e distribución de enerxía eléctrica que, aproveitándose dunha total falta de competencia e de transparencia, permítelles pactar prezos entre si tales que provocan espectaculares incrementos dos mesmos –unha media de 250 euros mais por ano e consumidor-. Incrementos que fan que o custe quilovatio/hora en Galiza e en España sexa, hoxe por hoxe, o terceiro mais elevado da zona euro (UE15) e estea claramente por riba da media dos estados que a compoñen. Sangrante o caso galego tendo en conta a capacidade eléctrica excedentaria de Galiza (24%), que sería superior se non fose o elevadísimo peso que no consumo interno teñen algunhas instalacións industriais (ALCOA, FERROATLÁNTICA…): un excedente polo que Galiza non recibe compensación algunha.

Uns prezos que fan que moitas familias en situación de vulnerabilidade non sexan quen de facer fronte aos recibos e caian en situacións de “pobreza enerxética”: segundo a Asociación de Ciencias Ambientais ao redor de 100.000 familias galegas están en situación de “pobreza enerxética” –non son quen de mantela vivenda a unha temperatura axeitada- o que provoca que cada ano morran, por esta razón, unha media de 500 galegos/as, un índice superior ao de mortos en accidentes de tráfico. O mesmo sucede coas pequenas e medianas empresas –que pagan pola luz un prezo mais elevado que as grandes empresas- para quen o recibo eléctrico é unha carga cada vez mais pesada, que fai que perdan capacidade competitiva o que repercute negativamente tanto sobre o emprego como sobre a propia viabilidade como empresa.

Prezos para cuxa xustificación estes oligopolios utilizan argumentos que nunca foron demostrados –como por caso o déficit de tarifa- pois non teñen xustificación nin técnica nin empírica. Nembargantes, son aceptados polos poderes públicos pola súa enorme influencia política: estas grandes compañías, que forman un oligopolio, teñen traballando para elas a exdirixentes políticos, expresidentes do goberno, exministros, altos funcionarios e incluso xuíces e maxistrados en activo –as chamadas portas xiratorias-.

Para mellor entender a real natureza dos custos da electricidade é importante saber que actualmente –dende o 1 de abril do 2015- o prezo, que xa non se fixa por poxa como antes, calcúlase agora en base a un sistema no cal o prezo da luz ten un compoñente fixo -fixado en base a potencia contratada, cantidade que realmente non é fixa senón variable pois as compañías eléctricas case nunca están en condicións de garantir esa potencia, o que leva a que este compoñente estea medrando continuamente algo que, como está demostrado, prexudica maiormente as familias de baixo consumo xa que a compañía obrígalles a contratar mais potencia da que necesitan- e un compoñente variable –calculado tanto  en base a un prezo que se fixa en función da demanda en cada momento como a un consumo de enerxía que dado o sistema contadores establecido impídelles aos consumidores tanto saber o que realmente están consumindo como  evitar que o contador poida ser manipulado a distancia-. Un recibo no que ten un peso relevante o que se deu en chamar “cuña gobernamental” –impostos, taxas, recargas- que dispararon aínda mais o custo. Un sistema que si ben trouxo un cambio no cálculo de prezo do quilovatio non ten suposto ningunha rebaixa real na factura. Un sistema complexo tal que fai que un número moi elevado dos consumidores se queixe de que agora os recibos resultan mais difíciles de entender, sendo incomprensibles para moitos. E, xa se sabe, cando menos se entende mais difícil é reclamar. Por certo, reclamar … a quen, como?.

Fontes do sector, que contan cun fortísimo apoio mediático (EL PAIS, MUNDO), tentan de responsabilizar dos desmesurados incrementos habidos no recibo da luz –na derradeira década houbo en España un incremento medio do 71% moi superior ao habido en estados veciños como por caso Francia (33%) e Alamana (37%)- á relevancia das citadas cuñas gobernamentais, algo que non resiste o mínima análise empírica. Así e como ben sinalan dende o mesmo EUROSTAT España está moi por debaixo da media europea no que se refire a impostos a electricidade polo que son outras as causas. Pero, segundo confirma a propia Comisión Europea, España está entre os estados europeos que contan cos maiores custos de distribución. Custos aos que hai que engadir o impacto no prezo derivado do citado déficit de tarifa –diferenza entre os ingresos (tarifa) e os gastos-. Un suposto déficit –21.000 millóns de euros- que é fixado arbitrariamente polas empresas quen inflan desmesuradamente os gastos, moi por riba dos custos reais, sen que ningún goberno se atreva a rebatelas permitindo con este comportamento nihilista un auténtica estafa aos consumidores. Estafa que se acompaña de incontables abusos por parte destas empresas oligopolísticas cuxas prácticas xa foron varias veces sancionadas pola CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia).

A experiencia destas grandes compañías e as innumerables evidencias ensínannos que o principio da superioridade dos mercados desregulados -os “mercados perfectos”- raia na teoloxía e resulta mais un dogma que un argumento científico. Cando os mercados, como pasa co eléctrico, non están debidamente regulados as empresas mais fortes rematan dominando o sector e expulsando a competencia mais débil logrando quedar co mercado ben nunha situación de monopolio ben de oligopolio. Unha vantaxe que, como por caso sucede coas eléctricas en Galiza e en España, permítelles ter uns beneficios extraordinarios, moi por riba do que sucede no resto dos estados da Unión Europea, ao tempo que tamén permite que os seus directivos estean entre os mellor retribuídos do mundo occidental. Uns beneficios e unhas retribucións que, con frecuencia, rematan descansando en paraísos fiscais. Todo elo posible grazas, como sinalei antes, a súa enorme influencia política.

Estas evidencias fixeron que as premisas a prol da superioridade dos mercados deixaran definitivamente de seren cribles, por seren radicalmente falsas. Se ben é certo que, como dicía recentemente un dirixente de esquerdas, “pouco se pode facer se seguimos gobernados por partidos que teñen a exdirixentes nos consellos de administración de empresas como estas”. Tamén é certo que polo camiño, que será longo, cara desmontar estas auténticas tramas –o que esixiría, por caso, a nacionalización deses oligopolios- ben faríamos os cidadáns galegos, e españois, en exercer unha forte presión para que rematen estas auténticas e intolerables estafas por parte das grandes empresas oligopolísticas.

(*): O proceso desregulador en España fíxose de xeito progresivo iniciándose coa Lei 54/1997 de 27 de novembro do Sector Eléctrico. Quedaban así  liberalizadas as actividades de produción e comercialización, mentres que as de transporte e distribución seguían reguladas. Hai practica unanimidade en considerar que as actividades de transporte e distribución requiren de grandes investimentos pola que a iniciativa privada non adoita estar interesada nas mesmas e prefiren centrarse nas actividades de produción e comercialización (http://economistasfrentealacrisis.com/arbitrariedad-y-discriminacion-en-la-regulacion-del-sector eléctrico/).

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista