Remata un ano máis, con ausencia de avances significativos nos dereitos das mulleres. Un ano máis no que decenas de mulleres foron asasinadas. Non toca falar de cifras, porque os datos oficiais non reflicten a realidade dos feminicidios. Todo o que saia das relacións sentimentais non conta, invisibilízase. E non toca falar de cifras, porque o importante xa non é se este ano asasinaron a muller menos ou máis. O realmente importante é que a violencia é unha constante e o marco legal actual non consegue freala.
Esquecemos, por máis que o repetimos, que a desigualdade desta sociedade patriarcal está chea de moitos tipos de violencias. Que os recortes orzamentarios non só afectan ás mulleres cando se tocan as partidas dedicadas á "violencia de xénero"
Esquecemos, por máis que o repetimos, que a desigualdade desta sociedade patriarcal está chea de moitos tipos de violencias. Que os recortes orzamentarios non só afectan ás mulleres cando se tocan as partidas dedicadas á "violencia de xénero". Esquecemos que a violencia nos rodea, que a desigualdade nos agarda, cada día, en cada esquina. E sen embargo, grande parte da sociedade non é capaz de identificala, de recoñecela e polo tanto, de combatela.
Esta fin de semana era noticia nos telexornais a denuncia de acoso realizada pola deputada Teresa Rodríguez contra o vogal da Cámara de Comercio de Sevilla. Aínda sendo cesado, rematou por botarlle as culpas ao consumo de alcol e cualificando a situación de "broma de mal gusto".
¿Broma? Ata nas "desculpas" (por chamarlles algo), manifestou o seu machismo recalcitrante. Un comportamento tan noxento coma habitual. Pero por desgraza, só é noticia ademais de pola denuncia, porque estamos a falar dunha muller coñecida publicamente.
O preocupante é que alguén poida pensar que esta indignante situación é algo illado ou excepcional, cando as mulleres soportan situacións de desigualdade e acoso diariamente por todo tipo de homes. E si, na política tamén as soportamos. Podería lembrar unhas cantas experiencias propias.
Hai tan só uns días tres mulleres eran asasinadas en cuestión de horas. No caso de Ana Enjamio practicouse unha detención a un compañeiro de traballo, presunto homicida, que a acosaba. A posibilidade de que un home remate asasinando a unha muller porque esta non quere manter unha relación con el, ou mesmo a posibilidade de que este a acose, resultou indignante para moitas persoas. Foron fundamentalmente homes os que persoalmente me manifestaron esa indignación con sorpresa porque "estas cousas acontezan". Pola contra, a maioría das mulleres coas que falei tamén estaban indignadas, pero non sorprendidas.
Para min, para a maioría das mulleres que coñezo, o acoso é habitual nas súas vidas, ou polo menos o sufriron algunha vez. Tamén as reaccións machistas ante un rexeitamento
A min, o que me alarmou foi esa sorpresa. Porque para min, para a maioría das mulleres que coñezo, o acoso é habitual nas súas vidas, ou polo menos o sufriron algunha vez. Tamén as reaccións machistas ante un rexeitamento. Eu tamén sufrín a presión e o acoso por parte de algún "amigo" que se sentiu desprezado cando dixen "non". A reacción do entorno soe ser sentir mágoa por el e polo tanto, facerte sentir culpable. Tamén a sufrín por descoñecidos, chegando a pasar vergoña por situacións que non eran "culpa" miña.
A educación patriarcal sempre está aí, para dicirche que, de algunha maneira, ti tes algo de responsabilidade no asunto. Por iso é difícil ás veces identificar algúns comportamentos como acoso, como violencia. Por iso, moitas mulleres non o contan, ou réstanlle importancia. Por iso, moitos homes descoñecen esta realidade.
E tamén por iso é necesario o feminismo. Para empoderarnos. Para identificar ese acoso, para facer visible a realidade. Para poder loitar contra ela.
O machismo non é "unha broma de mal gusto" . O machismo mata, acosa e esnaquiza vidas cada día. As vidas de milleiros de mulleres. As nosas vidas
Para o 2017, tocará seguir loitando polos nosos dereitos, pero sobre todo toca, de xeito urxente, dar visibilidade a cada agresión, sinalar aos agresores e esixir e defender políticas en materia de igualdade que sexan "de verdade", dende a igualdade salarial ata o máis importante: unha educación real con perspectiva de xénero.
Porque o machismo non é "unha broma de mal gusto" . O machismo mata, acosa e esnaquiza vidas cada día. As vidas de milleiros de mulleres. As nosas vidas