0 Gardados para despois

Manuel Monge

Non queremos a Fraga como Fillo Adoptivo

O 15 de xaneiro cúmprese o 5º aniversario da morte de Manuel Fraga Iribarne. Imos ler e escoitar, novamente, que foi un home de Estado, que trouxo a liberdade de prensa, que foi redactor da Constitución Española, Presidente da Xunta de Galicia de 1990 a 2005 etc. De todo isto xa temos propaganda dabondo, así que imos lembrar a biografía secuestrada, que xa ten difundido a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), reclamando desde hai anos a retirada do título de Fillo Adoptivo, concedido polo concello da Coruña a Fraga en plena ditadura, o 24 de decembro de 1968. Como material gráfico da biografía de Fraga nunca aparecerá facendo o saúdo fascista, nin acompañando ao ditador Franco no Consello de Ministros. Todo isto non se publica pola autocensura.

O primeiro que debemos subliñar é a longa traxectoria como fascista do camarada Fraga e a defensa que sempre fixo da ditadura criminal de Franco

O primeiro que debemos subliñar é a longa traxectoria como fascista do camarada Fraga e a defensa que sempre fixo da ditadura criminal de Franco, como xa recollía en 2001 o xornalista Gustavo Luca de Tena no seu libro Fraga, retrato de un fascista. Afiliouse moi novo á Falanxe e inicia en 1951 a súa carreira política como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. Fraga sempre recoñeceu que foi un servidor da ditadura. No libro de Vázquez Montalbán Mis almuerzos con gente inquietante (1984) dicía: “Serví lealmente a Franco. Serví al Estado franquista, que fue menos totalitario de lo que se cree”. E a ditadura recoñeceu os seus servizos, como recollía o Decreto 154/1961, de 2 de febreiro, firmado por Francisco Franco e publicado no BOE de 9 de febreiro de 1961: “A propuesta del Ministro Secretario General del Movimiento, cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.

O camarada Fraga declaraba ao Corriere della Sera o 16 de novembro de 2005: “Al final, el juicio sobre Franco será positivo, tanto desde 1939 como al final, en 1975”

Por toda esta traxectoria, José Bergamín, escritor, poeta e dramaturgo, exiliado despois do golpe fascista de 1936, dicía: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”. Por certo, Calvo Sotelo aínda ten sete distincións na Coruña: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao, instituto, retrato no salón da Alcaldía, é Fillo Adoptivo e Predilecto. Tamén hai boas noticias porque a Deputación de Pontevedra retirou a Calvo Sotelo, por unanimidade, o título de Fillo Predilecto da provincia.

O camarada Fraga declaraba ao Corriere della Sera o 16 de novembro de 2005: “Al final, el juicio sobre Franco será positivo, tanto desde 1939 como al final, en 1975”. Consideraba que José Luis Rodríguez Zapatero “no está respetando el pacto del olvido” da Transición. Estaba en contra de abrir as foxas comúns das persoas asasinadas polo franquismo. Manifestaba tamén que “no tiene sentido intentar borrar a Franco. Sería como hacer desaparecer a Isabel la Católica por reconquistar Granada”.

Fraga destacou tamén pola súa falta de humanidade. Así, en 1962 con motivo dunha folga de mineiros en Asturias, chamou “piojosas” ás mulleres dos mineiros que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo. Cando se solicita permiso para que o poeta Luis Cernuda puidese regresar a España desde o exilio, o ministro Fraga declaraba: “¡Que se quede donde está, ya tenemos bastantes maricones en España!”. O xornalista Ignacio Escolar lembraba o papel de Fraga cando é asasinado en dependencias policiais Enrique Ruano, estudante de Dereito de 21 anos: “Según la versión del régimen, Ruano se suicidó lanzándose por una ventana. Según quedó claro hace unos años, Ruano fue torturado durante cuatro días y después ejecutado de un disparo; de su cadáver se serró el hueso de la clavícula para esconder el agujero de una bala. Fue Fraga, ministro de Información, quien se ocupó de filtrar al ABC una carta de la víctima que lo presentaba como un suicida. Fue también el mismo Fraga quien llamó al padre de Ruano para recordarle que tenía otra hija, para amenazarle, para decirle que se callara”.

A propaganda oficial difunde a gran contribución de Fraga á liberdade de prensa, pero as hemerotecas desmenten esa “apertura”

O camarada Fraga xustificaba así o Estado de Excepción de 24 de xaneiro de 1969: “Para luchar contra las acciones minoritarias sistemáticamente dirigidas a alterar la paz española (…) y evitar que se arrastre a la juventud a una orgía de nihilismo y anarquía”. Estaba en Londres o 20 de maio de 1974, de embaixador no Reino Unido, e cando un reporteiro da axencia Reuters pregunta con que lexitimidade se constituiría o novo goberno, Fraga responde: “¡Con la legitimidad de las metralletas!”. En 1975 un grupo da oposición pedía a intercesión de Fraga pouco antes de producirse os últimos fusilamentos do franquismo e houbo esta conversación: “Usted, como catedrático, estará en contra de la pena de muerte”. E Fraga respondeu: “A cierta gente yo no la fusilaba. Se la debería colgar por los cojones”.

Esta parte da biografía de Fraga está secuestrada, pero hai voces que rompen ese silencio, como José Manuel Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012: “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo. Resulta alarmante ese casi generalizado encumbramiento del personaje a la hora de su muerte”.

A propaganda oficial difunde a gran contribución de Fraga á liberdade de prensa, pero as hemerotecas desmenten esa “apertura”. Desde a entrada en vigor da Lei de Prensa e Imprenta (LPI) en marzo de 1966 foron abertos 1.270 expedientes a distintas publicacións até 1975, e 405 acabaron en sanción. Só no período de abril de 1968 até abril de 1969, Fraga abriu 201 expedientes administrativos e 118 culminaron en sanción, case sempre en aplicación do artigo 2º da LPI.

No período 1967-1968 La Voz de Galicia foi un dos xornais que máis sufriu a represión de Fraga como ministro de Información e Turismo

No período 1967-1968 La Voz de Galicia foi un dos xornais que máis sufriu a represión de Fraga como ministro de Información e Turismo; multaba con 50.000 pesetas ao subdirector, Francisco Pillado Rivadulla, que exercía de director por ausencia do titular. O delito foi a publicación dun artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”, publicado o 26 de xullo de 1968. Nese mesmo período este xornal era sancionado con seis multas gobernativas, e case sempre alegaban orden público como motivo da sanción.

Por outra parte, Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza. Cando era ministro de Información e Turismo e responsábel da censura, Alberto Míguez foi multado con 50.000 pesetas e condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de El pensamiento político de Castelao pola editorial Ruedo Ibérico. Despois Fraga entregaría os premios Castelao e era presentado como galeguista.

Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza.

Xa na democracia, Fraga mantivo excelentes relacións con fascistas e ditadores de todo o mundo. Fichaba en 1983 a Rodolfo Eduardo Almirón, da Triple A arxentina e acusado de numerosos asasinatos, como xefe de seguridade de Alianza Popular (AP). Visitaba ao ex–ditador boliviano Hugo Banzer en 2000 e declaraba: “Me honra mantener una vieja amistad con el General porque le tengo admiración”. Poucos días despois tamén defendía publicamente a Pinochet.

Xustificou os atentados dos GAL, manifestouse en 2002 contra o esclarecemento dos seus crimes e cualificou este terrorismo de Estado como “Movimiento de Autodefensa”

Xustificou os atentados dos GAL, manifestouse en 2002 contra o esclarecemento dos seus crimes e cualificou este terrorismo de Estado como “Movimiento de Autodefensa”. Despois do fracasado intento de Golpe de Estado de 1981, manifestaba: “Los golpistas del 23-F estaban llenos de buena voluntad”. Sobre Cataluña tiña as cousas moi claras: “La ocupamos en 1939 y estamos dispuestos a ocuparla tantas veces como sea necesario”.

Desde o Consello de Ministros, presidido por Franco, foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que alí aprobaban: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP)

Desde o Consello de Ministros, presidido por Franco, foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que alí aprobaban: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación, asasinato de traballadores. Cando era vicepresidente de Goberno e ministro da Gobernación, de decembro de 1975 a xullo de 1976, a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral. No tradicional Vía Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba dúas persoas.

Fraga nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo. Nunha entrevista en El País o 30 de abril de 2006 manifestaba non arrepentirse para nada do fusilamento de Julián Grimau. Fraga, como o resto de ministros, asinou a condena deste dirixente comunista, que cualificou despectivamente como “ese caballerete” cando anunciou oficialmente a execución. Jorge Semprún, escritor e ex–ministro do PSOE, definía así as responsabilidades políticas deste ministro de Franco: “Fraga fue uno de los ministros que fusilaron a Grimau”.

A CRMH da Coruña promovía en 2009 o manifesto “Os tempos son chegados” no que, entre outras cousas, reivindicaba a retirada a Fraga da distinción de Fillo Adoptivo da Coruña

Nos últimos anos houbo numerosas iniciativas para retirar a Fraga as distincións concedidas durante a ditadura, Así, a CRMH da Coruña promovía en 2009 o manifesto “Os tempos son chegados” no que, entre outras cousas, reivindicaba a retirada a Fraga da distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, petición que estaba apoiada por un numeroso grupo de asociacións, historiadoras e historiadores: Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Carlos Francisco Velasco Souto, Carmen Blanco, Víctor M. Santidrián, José Gómez Alén, Gonzalo Amoedo López, Guadalupe Martínez, Aurora Marco, Xesús Torres, Xoán Carlos Garrido, Bernardo Máiz.

O presidente da Comisión de Condecoracións do concello de Santiago de Compostela, o concelleiro Manuel Dios, de Compostela Aberta, manifestaba en  novembro de 2015 que non pode haber condecoracións municipais para cargos públicos da ditadura e anunciaba a vontade do goberno municipal de retirar honores a máis de 40 cargos franquistas (26 ministros), entre eles Laureano López Rodó e Manuel Fraga; este último recibiu en 1965 as distincións de Fillo Adoptivo e a Medalla de Honor, cando era ministro de Información e Turismo do goberno de Franco. Esta iniciativa aínda non chegou á Comisión Municipal correspondente, nin ao Pleno.

A xuíza María Servini, dentro da chamada Querela Arxentina e en aplicación da Xustiza Universal, tería solicitado a súa extradición, como ao resto dos ministros de Franco, por crimes contra a humanidade, que non prescriben

En Xerez (Cádiz), e a iniciativa da Plataforma pola Memoria Democrática de Xerez (integrada por PSOE, IU, Ganemos Jerez, CGT, USTEA e Intersindical Andaluza), os grupos municipais de IU e Ganemos Jerez presentaban unha proposta o 22 de xullo de 2015 para que o Pleno acordase retirar o busto de José María Pemán do teatro Villamarta e a distinción de Alcalde Honorario a Manuel Fraga Iribarne, concedida durante a ditadura o 4 de abril de 1970.  A citada Plataforma xustificaba a súa proposta porque “mantener elementos de exaltación de personas e instituciones relacionadas con el golpe de estado y el franquismo suponen una ofensa para la dignidad de las víctimas y un peligro para la convivencia democrática”. O Pleno de Xerez de 30 e xullo de 2015 aprobaba iniciar un expediente para a retirada de distincións a unha serie de persoas, entre elas Manuel Fraga.

E se Fraga vivise hoxe? A xuíza María Servini, dentro da chamada Querela Arxentina e en aplicación da Xustiza Universal, tería solicitado a súa extradición, como ao resto dos ministros de Franco, por crimes contra a humanidade, que non prescriben.

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.