A debilidade da estrutura galega de medios: ameaza e oportunidade

Nos últimos anos abusouse da referencia á frase aquela de “o vello que non acaba de morrer e o novo que non acaba de nacer”. Empregouse moito para a política, a crise de réxime e o progresivo esfarelamento do bipartidismo unido á dificultade de conformar unha alternativa sólida e maioritaria. E eu continuarei co abuso, referíndome ao xornalismo e o sistema de medios. Efectivamente, a estrutura tradicional de medios en Galicia atravesa por unha crise da que xa nunca se recuperará. Non só a prensa escrita e o sistema de cabeceiras locais-provinciais, senón tamén o feble ecosistema de emisións galegas en radio e televisión. Esta debilidade abre unha oportunidade para desenvolver un sistema de comunicación alternativo lonxe do control dos actores habituais. O espazo que van deixando os dominadores tradicionais pode ser cuberto ou ben por voces novas, posicionadas nun ámbito de xustiza social e de construción aberta e local ou ben por estruturas mediáticas alleas e de control externo.

Esta debilidade abre unha oportunidade para desenvolver un sistema de comunicación alternativo lonxe do control dos actores habituais

As múltiples crises sufridas polos medios de comunicación nos últimos anos deixaron ao descuberto as costuras das empresas xornalísticas galegas. Reduciron a súa dimensión e provocaron centos de despedimentos, precarizaron o emprego restante, minguaron alarmantemente a súa calidade e fixéronas moito máis dependentes dos poderes económicos e das institucións dispostas a manexalas. Do habitual esquema económico de ingresos na prensa galega (40% lectores, 40% publicidade e 20% subvencións públicas) pronto se pasou a un 33-33-33 no que hoxe a parte que procede da venda directa é seguramente inferior. Iso explica en parte o rechamante xiro (ou xiro sobre xiro) conservador experimentado por algunhas cabeceiras, coma La Voz de Galicia ou El Correo Gallego, dispostas a todo na súa loita contra as formacións políticas que -na súa análise- ameazan o sistema do que dependen para sobrevivir.

Reduciron a súa dimensión e provocaron centos de despedimentos, precarizaron o emprego restante, minguaron alarmantemente a súa calidade e fixéronas moito máis dependentes dos poderes económicos e das institucións dispostas a manexalas

Están estes medios, pois, embarcados nunha loita pola supervivencia que se converteu no seu único obxectivo e razón de ser. Iso convérteos nun inimigo moi perigoso para calquera iniciativa de cambio, que deberá enfrontarse a unha estrutura empresarial convertida xa unicamente nun instrumento político e, en ocasións, de posicionamento económico e chantaxe ás institucións. Esta transformación do xornal-informativo en xornal-instrumento dunha serie de intereses privados é o que en parte explica o interese dalgúns capitais en manter con vida a medios moribundos e carentes xa de toda calidade (e practicamente sen traballadores ou cun cadro de persoal moi recortado), como pode ser o caso de Diario de Ferrol, Diario de Arousa ou El Correo Gallego.

Este proceso deuse en toda España, e todos temos na cabeza outros exemplos de cabeceiras históricas, como El País que, terriblemente endebedadas, dilapidaron todo o seu prestixio anterior e perderon unha parte importante da súa audiencia a cambio de servir a unhas entidades financeiras que ingresaron nos seus consellos de administración a cabalo de créditos non cobrados. Pero en Galicia as marxes de beneficio sempre foron moito máis pequenas e os equilibrios máis fráxiles, e prensa e poder (local ou autonómico) decote mantiveran unha relación moito máis estreita. As crecentes necesidades das cabeceiras locais aínda acurtaron máis as distancias, facendo moito máis efectivo o mecanismo de control económico exercido pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou o Concello de Vigo sobre La Voz, El Correo, La Región ou Faro.

A pesar de que probablemente (á falta de datos completos e transparentes) as axudas públicas aos medios de comunicación son hoxe menores que hai uns anos, a súa importancia nas contas de resultados destas empresas é moito maior. O exercicio do xornalismo en Galicia, a garantía do dereito á información e dunha libre competencia xusta e en igualdade de condicións, pasa neste senso polo establecemento de criterios transparentes, plurais e estritamente xornalísticos para o reparto de subvencións e publicidade institucional, fixando topes máximos para grupos e unha estrita obrigatoriedade de transparencia en todas as axudas concedidas a medios, que deben estar ligadas ao mantemento do emprego e das condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Na liña do proposto por CTXT o pasado ano neste editorial.

Outro factor a ter en conta á hora de falar da prensa impresa é o perfil dos seus lectores e lectoras, maioritariamente por riba dos 45 anos

Outro factor a ter en conta á hora de falar da prensa impresa é o perfil dos seus lectores e lectoras, maioritariamente por riba dos 45 anos. Non é casual que o perfil coincida, salvando algunhas distancias e factores distorsionadores varios (dende a importancia da prensa deportiva na mocidade ata o peso dos estudos superiores á hora de consumir xornais) co voto declarado por eses mesmos grupos de idade. Isto non significa, necesariamente, que unha prensa impresa máis conservadora debuxe un electorado máis conservador, senón sobre todo que estas cabeceiras se van axustando ás visións do seu público potencial, que por riba dos 55 anos segue votando moi maioritariamente a PP e PSOE. Con isto non quero facer unha lectura política estritamente xeracional, o que adoita ocultar outras realidades, senón simplemente definir un terreo de xogo comunicativo no que a idade si é un factor fundamental.

Cal é o verdadeiro poder das cabeceiras impresas hoxe en día? Podemos observar as súas minguantes cifras de difusión en papel. En 2005 o Faro de Vigo vendía 42.031 exemplares, hoxe distribúe 26.000; La Voz de Galicia tiña unha difusión de 105.032 exemplares, hoxe está en 65.800. Hai que ter en conta que destas cifras apenas o 50% corresponde a venda directa en quiosco, un 30% procede de subscricións individuais e o 20% restante débese ás formas de distribución atípica (venda en bloque, subscrición colectiva e reparto gratuíto) que case todas as cabeceiras (en maior ou menor grao) levan a cabo para inflar artificialmente a súa difusión.

Significa isto que a prensa impresa xa non ten importancia? En absoluto. Segue a ter unha gran capacidade de influencia naquelas xeracións que a seguen lendo e que, ademais, non adoitan consumir máis que un xornal (ou dous)

Significa isto que a prensa impresa xa non ten importancia? En absoluto. Segue a ter unha gran capacidade de influencia naquelas xeracións que a seguen lendo e que, ademais, non adoitan consumir máis que un xornal (ou dous). Son xeracións nas que a penetración da prensa dixital é mínima, o que reduce a posibilidade de que a visión diseminada pola prensa de papel sexa contrastada con outras visións.  Ademais, aínda que viron moi reducido o seu número de lectores e a capacidade de atención destes, nun escenario máis fragmentado e difuso, o medio dominante, o medio que é capaz de marcar a axenda temática, mantén o seu poder. Explicado doutro xeito: se antes un medio era lido por 50 persoas de cada 100 e os seus principais competidores por 20, 10 e 5, e agora o medio principal é lido por 30 e o resto por 5, 4 e 3, o primeiro medio manterá a mesma capacidade para definir a axenda informativa e o marco de debate.

Internet como novo campo de xogo con regras novas

E que sucede con Internet? Que pasa máis alá das coñecidas maiores facilidades para botar a andar un proxecto polos seus custos menores pero, ao tempo, persistentes dificultades para obter ingresos e monetizar a atención? É dicir, cal e a verdadeira capacidade de influencia dos xornais dixitais? Podemos dicir que é pequena nos maiores de 55 anos e relativa entre os menores desa idade. Pero na capacidade de influencia destes medios non só inflúe o feito de ter máis ou menos visitas (un medio moi especializado -ou moi localizado- con poucas visitas pode ter unha influencia enorme na súa comunidade), senón as propias características fragmentarias do consumo de medios na rede.

Á vista dos datos de audiencia que coñecemos, podemos tamén preguntarnos se as cabeceiras tradicionalmente dominantes -El País, El Mundo, ABC, La Vanguardia no conxunto de España, La Voz en Galicia- están sendo capaces de manter o seu dominio tamén na rede. Efectivamente, seguen sendo líderes neste novo soporte, aínda que con diferenzas máis pequenas en relación coa súa competencia. Pero o que é máis importante: a súa capacidade para fixar a axenda e a súa influencia política é moito máis pequena. Hai que ter en conta que mentres que antes o 100% dos lectores e lectoras dun xornal impreso pasaban pola súa portada (onde a cabeceira sintetiza a visión da realidade que quere transmitir) e que unha porcentaxe maioritaria percorría a sección política (con máis ou menos atención), hoxe unha parte importante do tráfico que recibe un xornal dixital non ten por que pasar pola súa portada nin ler as informacións coas que un diario intervén na súa realidade máis inmediata. Abonda con facer un repaso polas novas máis lidas na maior parte das cabeceiras dixitais.

Hoxe unha parte importante do tráfico que recibe un xornal dixital non ten por que pasar pola súa portada nin ler as informacións coas que un diario intervén na súa realidade máis inmediata

Cómpre sinalar, ademais, que unha parte non pequena das visitas corresponden mesmo a webs agregadas con información soft pensada para ser viralizada (novo.lavozdegalicia.es, measombro.lavozdegalicia.es, ou voltaico.lavozdegalicia.es) no caso de La Voz, cunha porcentaxe moi importante de lectores e lectoras de fóra de Galicia. Un grande éxito comercial e de clics (bravo polos seus responsables), pero con nula capacidade de influencia política. A fragmentación e o consumo acelerado limita, pois, o poder de intervención dos medios en internet. O que se compensa cunha maior capacidade de penetración en audiencias pasivas, a través das redes sociais e da viralidade.

A fragmentación e o consumo acelerado limita, pois, o poder de intervención dos medios en internet

Asumindo isto, serve de algo a batalla mediática por xerar discurso e influencia a través dos medios dixitais? Serve, no senso de contrapoder, e na batalla por xerar marcos de debate favorables. A este respecto, se La Voz mantén a súa capacidade de marcar discurso na rede (e en parte faino, pero moito menos que no papel) isto non se debe tanto a ter un número de visitas máis que notable, senón de novo á debilidade relativa dos seus competidores.

Para os movementos municipalistas, neste senso, calquera estratexia informativa nas redes sociais e de viralización de contidos debe ser consciente da incapacidade para chegar a amplas capas da poboación deste xeito. A posta na rúa periodicamente dalgún tipo de publicación impresa (mesmo con formatos modestos e de consumo rápido) é fundamental. De igual xeito, deben atender á pluralidade ideolóxica e lingüística dos seus electorado (moi ampla) antes que á súa base militante (moito máis homoxénea malia os interminables debates identitarios). Os discursos alternativos, as voces e os temas fornecidos polos medios alleos ao réxime achegan así mesmo un repertorio de argumentos a unha audiencia que comparte e desenvolve unha racionalidade propia, pero que en ocasións necesita de elementos discursivos para fortalecer as súas posicións, redifundilas e defendelas nos seus espazos de comunicación cotiáns, sexa a familia, os amigos, o barrio ou os centros de traballo.

Radio e televisión: os espazos non suficientemente explorados

Ao falarmos da crise do sistema de medios e das posibilidades de botar a andar propostas alternativas, tendemos a pensar moito na prensa impresa e nos xornais dixitais. Seguramente polo maior custo das apostas radiofónicas e televisivas e polos límites legais existentes (a necesidade de obter unha licenza) á hora de acceder a frecuencias. Mais a radio e a televisión (sobre todo a televisión) seguen a ser o gran cabalo de batalla. A crise afectounos, pero perderon moita menos audiencia que a prensa de papel, e aínda que a televisión tamén comeza a sentir o efectos da fragmentación, segue definindo indiscutiblemente a visión do mundo compartida pola maior parte da poboación. Mentres que só o 23% dos españois segue a diario (ou case a diario) a actualidade política a través dos xornais impresos, esa porcentaxe crece ata o 62% no caso da televisión, e aínda que o seguimento é maior nos maiores de 65 anos (69%), nos menores de 35 non baixa do 50%.

A radio e a televisión (sobre todo a televisión) seguen a ser o gran cabalo de batalla

Pero a crise tamén pasou pola radio e pola televisión, sobre todo polos actores máis febles e especialmente polos máis locais. Hoxe en Galicia as emisións radiofónicas propias (sexa a través de emisoras locais ou de desconexións das grandes cadeas) están no seu nivel mínimo, en boa medida motivado pola aposta nas concesións de frecuencias polas grandes canles e polo aforro que supón para estas a emisión en cadea dende Madrid, incumprindo moitas veces as condicións das concesións. O panorama na televisión é moi semellante: unha das dúas canles autonómicas de TDT xa desapareceu (Popular TV) e a outra está moribunda (V Televisión) e o panorama das canles dixitais locais é moi desalentador. Este escenario deixa unha porta aberta á realización de apostas dende o ámbito local que enganche coa poboación pola ausencia de alternativas. Nestas apostas non debería descartarse a posta en marcha de emisoras municipais, e a potenciación das canles comunitarias xa existentes.

A definición da axenda no novo escenario: antes o marco do debate que a fixación da mensaxe

Que credibilidade teñen os medios e os xornalistas hoxe en día? A principal consecuencia das crises comentadas -a redución da calidade unida aos recortes de persoal e a cada vez maior proximidade entre cabeceiras e poder financeiro e político- foi unha percepción máis negativa dos medios por parte da sociedade, moi ligada á crecente visión negativa do papel de partidos e outras institucións. Segundo unha enquisa de Reuters, España é o segundo país da UE (só por detrás de Romanía) no que a cidadanía confía menos nos medios de comunicación, mesmo naqueles que le habitualmente. Isto é explicable pola rápida perda de calidade e de capital humano dos medios de referencia. E, ademais, non é necesariamente malo, pois denota unha sociedade madura e abre unha oportunidade para novos actores.

O novo escenario fragmentado, non só con máis medios senón cunha capacidade de atención máis dispersa por parte da audiencia, fai que sexa máis importante ca nunca a fixación da axenda

O novo escenario fragmentado, non só con máis medios senón cunha capacidade de atención máis dispersa por parte da audiencia, fai que sexa máis importante ca nunca a fixación da axenda, ser quen de propoñer un marco de debate exitoso, que a xente, os partidos e os medios falen do tema que ti queres que se fale. Isto pasa a ser algo moito máis importante que a fixación dunha mensaxe concreta, moito máis difícil de definir pola multiplicidade de actores e canles. Na construción dos marcos axeitados, na capacidade para lideralos con medidas concretas e solucións aos problemas reais, na súa coherencia coas preocupacións da cidadanía e na incorporación daqueles temas e sectores que na actualidade están quedando fóra dos discursos políticos e mediáticos estará a clave.

O problema chega cando dende os movementos sociais ou dende os gobernos do cambio se asumen os marcos propostos por determinados medios. En termos de estratexia, hai que recoñecerlle a La Voz de Galicia a súa capacidade para xerar campañas, para dirixir a axenda e, ademais, para identificar o seu inimigo principal favorecendo determinados grupos ou partidos cando asume que lle resulta máis conveniente, nunha verdadeira estratexia de divide e vencerás. Faino agora co BNG fronte ás mareas ou cun certo sector de Podemos en Galicia, como antes o fixo con AGE ante PSOE e BNG, e antes o fixera con PSOE fronte a BNG. O problema é cando -por un beneficio instrumental momentáneo- algún destes actores se agarra ás campañas iniciadas por La Voz, demostrando unha enorme inxenuidade.

A debilidade dos medios tradicionais como oportunidade: Construír un espazo máis amplo nas marxes

O novo escenario mediático ten algo de espazo en branco, con regras e rutinas aínda por definir. En parte estamos deitando viño novo en odres vellos, acomodando novos discursos e prácticas a estruturas antigas

O novo escenario mediático ten algo de espazo en branco, con regras e rutinas aínda por definir. O que sucede, no entanto, é que igual que no debate político, en parte estamos deitando viño novo en odres vellos, acomodando novos discursos e prácticas a estruturas antigas. De feito, moitas das debilidades proceden desa certa obrigatoriedade de xogar un xogo novo nun terreo de xogo alleo e con regras antigas: os límites da institución, as inercias das relacións clientelares, os obstáculos impostos pola vella garda mediática e polo sentido común establecido.

O espazo en branco, hoxe, conquístase abrindo fendas, ocupando as marxes, ampliando o horizonte do posible. Hai uns meses Nuria Alabao reclamaba que "temos que ter medios propios que non apelen a difusas maiorías. Iso non quere dicir que teñan que ser ideolóxicos e identitarios nin que nos conten o que xa sabemos, pero si que teñen que apostar por funcións novas, como pode ser unha comunicación que apunte a formas de acción. Necesitamos unha comunicación de movemento que xere un espazo político propio articulado; que non se dedique a marcar fronteiras, senón que as amplíe, identificando e integrando novas loitas e formas de resistencia que, aínda hoxe, quedan fóra do radar dos medios convencionais". Os medios e colectivos cidadáns organizados deben apostar pola cooperación e o traballo conxunto e, como recomendaba Fernán Chalmeta deben evitar “tentar buscar ningún centro nin responder a unha maioría social imaxinaria. O envite consiste máis ben en comporse como a maioría social real e en definir os nosos intereses. A maioría social real, cada vez máis precarizada e empobrecida, que somos potencialmente todos e todas”.

Na unión de loitas pequenas, de pequenos intereses nun marco meirande, é onde os medios alternativos poden gañar a batalla a uns medios convencionais

Ao igual que os movementos políticos, os medios de comunicación que aposten por unha sociedade distinta deben saber construír dende as marxes facendo cada vez máis grande ese espazo en construción. Sendo conscientes de que o mundo, mesmo nas pequenas vilas, é moito máis complexo que hai apenas unhas décadas, de que os intereses e preocupacións están moito máis fragmentados e ligados de forma cruzada con outros intereses e pulsións en xeografías moi distintas. De que os cidadáns e cidadás non só son suxeitos abstractos, senón que son corpos e que iso ten a súa plasmación naquelas cousas pequenas que chaman a súa atención, centran as súas conversas e non lles deixan durmir polas noites. Nesa unión de loitas pequenas, de pequenos intereses nun marco meirande é onde os medios alternativos poden gañar a batalla a uns medios convencionais ás veces moi pesados -como o Albatros de Baudelaire- como para prestar atención ao máis próximo.

Os retos do municipalismo: mudar as regras, ser institución e ser pobo

Todo movemento social implica un proceso de construción social da realidade, e polo tanto un conflito simbólico, de xeración de significados e novas racionalidades con validez colectiva

Nunha recente entrevista con Guillem Martínez, Enmanuel Rodríguez sinala como determinante o obxectivo da “construción de poder”, un proceso no que resulta clave “o desenvolvemento de medios propios de comunicación” e “a creación de esferas públicas autónomas” e “en xeral todo aquilo que ofrece consistencia e medios para a creación e construción de novas comunidades sociais”. Todo movemento social implica un proceso de construción social da realidade, e polo tanto un conflito simbólico, de xeración de significados e novas racionalidades con validez colectiva. Un novo sentido común, entendido coma unha idea central organizadora, un master frame que desprace os imaxinarios e límites instituídos durante 35 anos polos actores políticos e mediáticos do réxime.

Tiña razón nese senso Marisa Pérez Colina cando escribiu que o movemento municipalista debía evitar “a miraxe da vitoria”, lembrando que “gañar non era entrar nas institucións” e que “só estamos na casilla de saída dunha partida cuxo propósito real non é alcanzar ningunha meta cumprindo as regras que atopamos, senón algo moito máis complicado. Algo que realmente merece a pena, polo menos, tentar: cambiar no camiño as regras do xogo inicial”.

“A tentación do centro non nos pode enganar e a da marxinalidade non nos pode atrapar. Como crecer hoxe nas marxes sen ser marxinais?”

Marina Garcés pregountouse: “A tentación do centro non nos pode enganar e a da marxinalidade non nos pode atrapar. Como crecer hoxe nas marxes sen ser marxinais?”. Trátase de “crear as marxes, en lugar de deixarse pechar por elas. Crear marxes para construír, habitar e protexer o espazo habitable alí onde se estende o deserto dos centros baleiros e arrasa a vida”, responde. “Na batalla ideolóxica polos marcos hai unha forma de crear contextos de sentido compartido que en lugar de pechalo entre liñas grosas e excluíntes, abre o sentido da experiencia. (...) É necesario darnos contextos de interpretación que alteren as coordenadas dos actuais centros e periferias. Pero é necesario tamén deixalos inacabados para que se convertan en territorios comúns”, engade, suxerindo un traballo para conformar marcos flexibles e abertos, que permitan a inclusión de múltiples voces, identidades e demandas.

As políticas do municipalismo deben conseguir resoar sobre os marcos e preocupacións sociais xa existentes, activando ao tempo os mecanismos de análise e racionalización do seu contexto que a xente xa posúe

A este respecto, non se trata de crear identidades colectivas a partir da nada. Por unha banda, esta resignificación necesariamente ten que ter un pé no sentido común previamente instituído e o outro no conxunto de valores e demandas alternativo que se pugna por articular. Pero, sobre todo, as políticas do municipalismo deben conseguir resoar sobre os marcos e preocupacións sociais xa existentes, activando ao tempo os mecanismos de análise e racionalización do seu contexto que a xente xa posúe. Non confiar niso implicaría asumir que novos partidos e novos medios somos extraterrestres, intrusos, como os partidos e os medios do sistema intentan facer ver. Cando os verdadeiros intrusos son aqueles que levan anos utilizando as institucións e os medios como instrumentos de intereses privados. Politicamente, a mobilización non resulta moitas veces dun proceso de suma de descontentos individuais, senón da activación e coordinación de grupos de protesta xa existentes e de que eses grupos combinen as súas preocupacións primarias co marco principal definido.

Hai todo un primeiro traballo feito, nunha primeira fase do proceso que nace antes do 15M e chega ata o acelerado ciclo electoral do ano 2015 e 2016. Un traballo de enmarcamento da realidade que foi quen de identificar as causas da crise e os seus responsables mediante a atribución de responsabilidades obxectivas e que foi quen, polo tanto, de sinalar unha serie de antagonistas. O traballo a partir de aí non pode facerse só dende a crítica, senón que a motivación para a acción e a construción de significados novos na fase actual debe apoiarse nunha expectativa de beneficios concretos, na articulación dun conxunto de medidas efectivas e nas solucións a problemas e demandas plantexadas pola poboación e, ademais, na configuración e reforzo de valores positivos, no orgullo de pertenza a unha comunidade, nunha esperanza no futuro.

O municipalismo ten un papel moi importante que cumprir proporcionando ferramentas e poder á sociedade civil organizada, cedendo recursos do público para o común

Os mecanismos simbólicos de construción de significados permiten estabelecer unha ponte entre a estrutura (os problemas sociais) e a acción (a motivación para participar). Pero a axenda dende as institucións márcase con xestión, indo á raíz dos problemas, ou cando menos asumindo o intento con honestidade. A intervención na realidade, mesmo no plano simbólico, realízase máis coa práctica que co discurso, ou cando menos o discurso vaise construíndo coas accións prácticas. O municipalismo, malia os obstáculos de todo tipo, ten a capacidade de intervir no máis próximo e no máis cotián. Niso hai algo que liga a municipalismo e ao xornalismo de proximidade e cos ecosistemas locais de medios. Nesta construción comunicativa nas marxes, o municipalismo ten un papel moi importante que cumprir, non tanto de forma directa, creando medios de comunicación de seu ou alimentando economicamente aos xa existentes, senón proporcionando ferramentas e poder á sociedade civil organizada, cedendo recursos do público para o común.

As institucións, sobre todo os concellos, deben visibilizarse como contrapoder, como recurso social ante o sistema. “Nesa tensión entre ser concello ou ser municipio creo que é onde ten que situarse a discusión como espazos de fortalecemento dun tecido social capaz de materializalas, como espazo de cooperación, apoio mutuo e empoderamento social”, dixo Marina Garcés hai meses entrevistada por Guillem Martínez. Os movementos municipalistas deben, ao mesmo tempo, ser institución e ser pobo, deben xerar pobo ou, máis ben, o espazo no que o pobo se recoñeza a si mesmo e se empodere.

 

*Texto escrito para a xornada 'Medios de Comunicación e Mareas Municipais', organizada por Compostela Aberta o pasado 4 de marzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.