Inchazón

Un enorme círculo vermello e un H maiúsculo, seguido dun signo de exclamación. Esa foi a maneira na que contestaron a miña primeira solicitude dunha proba diagnóstica, o meu primeiro día como médica residente. A petición poñía: “Inchazón en membro inferior esquerdo, sen evidencia de traumatismo previo. Solicito descartar fractura”. Á radióloga debeulle parecer tan mal aquela falta de H, que nin se molestou en comprobar un coñecemento que, por outra banda, debeu acreditar para ocupar a súa praza.

Despois, virían centos de explicacións, cuestionamentos e comentarios, case sempre por parte de compañeiros, e non de pacientes. Respondín tantas veces á pregunta “e ti, por que falas galego?”, que xa teño unha expresión e unha resposta automática preparada. Sempre contesto: “e por que non?”, con sorriso imperturbable. Que a inmensa maioría dos pacientes da miña área falen galego, que case todo o persoal o empregue como lingua habitual, que me negue a empregar a lingua como marca de clase que me diferencia das persoas ás que trato... todas eses non parecen ser motivos suficientes, nin suficientemente obvios. Ten que existir outro motivo, oculto e inconfesable, para empregar unha opción diferente á non marcada. Presentar unha sesión clínica ou escribir un informe de alta, xa non digamos un informe xudicial, en galego, tamén semellaba ir traer múltiples problemas, aínda que finalmente non pasaba nada.

Posiblemente, ningunha das persoas que fan esas preguntas teñen unha postura consciente en contra do galego. A radióloga que contestou aquela petición fíxoo por pura e simple ignorancia, non por malicia. Porén, a pregunta, “por que falas galego?” cobra un significado moi concreto á luz de todos estes detalles cotiás. Por unha banda, por que falas galego sendo médica, tendo unha profesión de prestixio social? Quen pregunta ten unha noción inconsciente de que a lingua do coñecemento, da ciencia e do prestixio non é o galego. Por outro, por que falas galego, a pesar das múltiples, pequenas e incómodas trabas que che poñemos entre todos diariamente? Por que a estratexia de desalento que tan ben funciona está fallando?

En medicina, traballamos analizando síntomas e signos superficiais que desvelan patoloxías máis profundas. Aquel círculo vermello era o primeiro síntoma observable dun trastorno co que todas as que falamos galego loitamos cada día.

 

(Artigo gañador do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2017)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.