Guerras culturais en Galicia, de María Balteira ao popular Miguel Tellado

De como o politicamente correcto supón rexas tenaces para a liberdade de expresión

Alfonso X, o Rei Sabio tería case imposible nos nosos días, sen ser xulgado, compoñer as súas cantigas de escarnio dedicadas á soldadeira María Balteira. Hoxe, o politicamente correcto, a política posmodernista da pantalla e da (falsa) transparencia empurrou os límites da liberdade de expresión ate a soleira dos cárceres que rexe de forma imperial a moral máis dogmática e absurda.

O humor forma parte das ferramentas que máis teme o poder. Por iso, quizais, o desexo de liquidala con presións procedentes do dogma feito costume (a relixión) ou convertido, por desexo dos ilustrados nocivos que nos desgobernan, en lei (Lei Mordaza)

Na Idade Media sabían perfectamente que a inxuria non entraba no espazo do humor, un fenómeno cotián, universal e que é fondamente esencial como substitutivo da violencia física. O sarcasmo e a ironía eran precisos para sacudir non só as conciencias durmidas, senón que era a forma máis doada de facer entendibles certos comportamentos do poder.

O humor forma parte das ferramentas que máis teme o poder. Por iso, quizais, o desexo de liquidala con presións procedentes do dogma feito costume (a relixión) ou convertido, por desexo dos ilustrados nocivos que nos desgobernan, en lei (Lei Mordaza). Resulta evidente que os dous tipos de caste (relixión e poder) non queren parodias. Non será preciso lembrar que mesmo na literatura mística atopada no Qumrán a risa era castigada.

O humor vive baixo formatos diferentes en función do seu medio produtor. Resulta curioso que sexa na suposta era da liberdade que ían achegar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación cando se estea regresando á pura censura e á autocensura. Ou pode que sexa esa a única forma en que dogma e poder podan controlar a expansión dun humor que erosionaría a súa credibilidade, de por si escasa.

Empregamos, de forma deliberada, o humor como protagonista, xa que a súa existencia acompaña ao devir da evolución humana. O humor existe no interior dun grupo humano, xa que a súa esencia é anoar ou poñer en cuestión relacións interpersoais.

No relatorio que segue detallaranse algunhas situacións que serían grotescas de non ser porque hai persoas que van ao cárcere por cantar uns versos a reis e raíñas; que perden o seu posto de traballo por facer humor -haino, coma en todo, do bo e do malo-; que ven como non se salvan, nin sequera, as tradicións de burla e mofa como son os tempos do Entroido; en definitiva que son xulgadas culpables por unha sociedade que perdeu o seu norte.

Non debe de abraiarnos que a estratexia de desgaste que emprega a dereita en Galicia sexa, precisamente, a da guerra cultural usando as posibilidades que achega o universo do politicamente correcto

Ao mesmo tempo que dita sociedade desterrou da súa praxe pública e social a reflexión crítica e o uso de argumentos ben artellados, somete todo pensamento á ditadura do sorriso do politicamente correcto que, neste caso, é a morte da Política con maiúsculas. E así nos vai. Porque nese xogo caeron mesmo as esquerdas máis rupturistas. E resulta curioso, xa que mentres que o posmodernismo ataca o humor, como consecuencia extrema da súa teima lingüística, deixa intacto o capitalismo como sistema económico e político que é o que, en realidade e en primeira instancia, permite a existencia das desigualdades, da discriminación, da segregación.

O humor combátese con ironía. Mais os progres de todo pelaxe uníronse aos conservadores de tal forma que a loita contra a linguaxe humorística e a expresión se converteu nunha obsesión -todo sexa dito, moi doada de manter... mentres se deixa facer ao capital todo tipo de falcatruada-. Por empregar unha metáfora moi acaída de José María Perceval, o riso foi substituído polo sorriso: pobre daquel que ría! O humor, xa que logo, vive os seus peores tempos e só a directa rebeldía e resistencia ante o dogma e o poder, asumindo os riscos, permitirá que siga abrollando a súa raiba.

Tendo en conta o triunfo das ideas posmodernistas nas universidades do capitalismo, non debe de abraiarnos que a estratexia de desgaste que emprega a dereita en Galicia sexa, precisamente, a da guerra cultural usando as posibilidades que achega o universo do politicamente correcto.

Unha guerra cultural que á dereita e a quen lle dá pulo lles beneficia, e moito, xa que mentres se perde o tempo nesa “trapallada”, a política de verdade desaparece da escena pública

Unha guerra cultural que á dereita e a quen lle dá pulo lles beneficia, e moito, xa que mentres se perde o tempo nesa “trapallada”, a política de verdade desaparece da escena pública: a existencia cada vez máis crecente de colectivos sociais empobrecidos, unha clase traballadora cada vez máis precarizada e con salarios indignos. O capital e a dereita vencen porque teñen a hexemonía na Praza da Cultura. A esquerda ten que recuperar esa hexemonía e deixarse de “caralladas” con discursos que son propios da dereita e do capitalismo e recuperar o horizonte da súa tese e da súa praxe.

 

A batalla cultural entre Sande e as Feijooliebers, tamén coñecidas coma Asociación de Viúvas de Lugo

O pasado luns dezasete de abril o actual Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande da Marea Atlántica, foi citado a declarar como investigado por un suposto delito contra os sentimentos relixiosos, nun acto que non se dirixe soamente contra a liberdade de expresión, tamén contra a liberdade artística. Uns días despois das protestas do PPdeGa, o Arzobispado de Compostela e Asociación de avogados cristiáns, a denuncia chegaba da Asociación de Viúvas de Lugo; recordar neste punto, que as viúvas durante o franquismo conformaban grandes órganos de denuncia que enviaron a moita xente ao paredón de fusilamento. O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, uníase ao rexeitamento das autoridades relixiosas e tachaba a creación do debuxante Alberto Guitián de “provocación”, instando a “respectar as crenzas e os valores das persoas porque non vale todo”. A súa censura ao cartel foi secundada nas redes sociais por outros cargos do partido -non así polo sobriño do exministro franquista e actual portavoz parlamentario, Pedro Puy, cuxas diferenzas con Tellado por este asunto son públicas e notorias- mentres a Asociación de Avogados Cristiáns esixía unha desculpa pública ao autor da ilustración.

Atopámonos desta maneira -esta cunha característica un tanto diferente, pois neste caso é contra o que podemos chamar produtor (Concello) e non contra o artista- ante o enésimo caso de guerra cultural: serie de conflitos que dominaron o debate cultural dos noventa en Estados Unidos e cuxo concepto e ramificacións políticas plasmou Thomas Frank no seu ensaio de 2004 Que pasa con Kansas? Grupos da dereita máis reaccionaria organizados para boicotear ou censurar exposicións, proxeccións e concertos organizados con fondos públicos, baixo o pretexto de que atentaban ao espírito nacional ou os principios básicos da relixión. No fondo, era unha manifestación da frustración dos sectores máis reaccionarios ao crecemento do demócrata Bill Clinton. As principais derrotadas daquelas batallas, unha vez máis, foron as institucións culturais.

O medo non tardou en xeneralizarse, e con iso, a autocensura. Os espazos culturais comezaron a negar a mostra de certas obras de xeito preventiva, ou a non programar determinados actos para non ferir certas sensibilidades. Os organismos que financiaban a cultura incluíron todo tipo de preceptos para evitar financiar obras que se puidesen considerar controvertidas. De forma progresiva, a corrección política foise impoñendo, o que conlevaba a neutralización do carácter crítico da cultura, ata que finalmente deixouse en mans do mercado toda expresión cultural contrahexemónica ou disidente. A nivel político funcionou, a nova dereita neocon conquistou a hexemonía cultural durante a era Bush a golpe de conflito costumbrista, e anos máis tarde continua tendo efectos como mostrou a campaña presidencial de Donald Trump.

 

Da brunete mediática a Gloria Lago, pasando por Albert Rivera

Tralas eleccións municipais de 2015, para moitas as guerras culturais -que a día de hoxe tamén se xogan, e moito, nas redes- chegaron de cheo ao Estado español. A dereita neoconservadora e o seu brazo armado, a “caverna mediática”, centráronse en substituír os seus ataques a Zapatero e “a los de la ceja”, por representantes e intervencións públicas dos por aquela incipientes gobernos locais. No caso de Guillermo Zapata, tardaron menos de 24 horas trala posesión deste como Concelleiro de Cultura do Concello da capital do Estado, para crear un escándalo de grandes proporcións ao redor duns tuits do 2011 sacados completamente de contexto. Co TDT Party, prensa escrita e radios afíns ávidas de sangue, se deslexitimou a un dos fundadores do Patio Maravillas, chegando ata a poñer en cuestión a súa capacidade moral por parte dalgúns dos referentes destes medios como Federico Jiménez Losantos ou Hermann Tertsch. O resultado deste primeiro pataleo foi que a sempre morna Manuela Carmena non tardou en deixarlle dimitir -perdéndose así un gran concelleiro de cultura-, e con pouco esforzo, a dereita apuntábase a súa primeira vitoria. Un feito que deu ás á dereita xunto a medios como El País, para continuar creando escándalos en torno á cultura que desvíen a atención dun novo caso de corrupción ou mala xestión do pasado, e evidenciando que unha cousa é posuír un cargo político, e outra ostentar o poder. Dende aquela foron sucedéronse estes “pseudoescándalos” ao redor dos Concellos do cambio tan vinculados ao 15-M: caso Strawberry, Berta Sureda e o seu suposto desinterese polo teatro del Liceu de Barcelona; no País Valencià en torno a la canción “València eres una puta” del grupo Senior i el Cor Brutal.

Estes ataques producíronse de xeito sistemático sempre que se intentou iniciar un diálogo ou modificar símbolos culturais que os “ultracentristas” consideran propios

Estes ataques producíronse de xeito sistemático sempre que se intentou iniciar un diálogo ou modificar símbolos culturais que os “ultracentristas” consideran propios. Entre todos os ataques, o máis lamentable e mediático, foi o episodio ocorrido en Madrid, que puxo a dous titiriteiros durante días baixo prisión incondicional, e onde a “Brunete mediática” recorreu a un dos seus trucos máis habituais e eficaces, airear a pantasma de ETA confundindo realidade con ficción. Malia a nimiedade dos feitos, o consistorio víase novamente no medio dunha espiral de denuncias e acusacións que novamente lograba desestabilizar á concellería de cultura.

Mais coa chegada dos denominados “Concellos do cambio” as batallas culturais tamén se reproduciron en Galicia. Ademais do citado caso na cidade herculina, en Compostela podemos citar dous casos: un ao redor do espazo de xestión participativa do Matadoiro Compostela, que o ex alcalde non electo número II e actual portavoz do principal partido da oposición -o popular Agustín Hernández-, non dubidou en cualificar de estratosférico e afirmar que estaba xestionado por sectarios, que obrigaban as persoas maiores a limpar os baños; o segundo caso, producíase durante as pasadas festas do Apóstolo por un espectáculo de danza contemporánea realizado ante a porta dunha igrexa, onde dúas mulleres aparecían espidas. Durante os días posteriores, a noticia ocupou a portada do xornal local servindo de plataforma, mais unha vez, para que igrexa, oposición e cidadanía soltasen todo tipo de diatribas contra a xestión duns rexedores municipais por non atenderen aos seus intereses.

Pero as guerras culturais en Galicia xa as sufriramos con anterioridade. Coa chegada o poder en 2005 dun goberno non de dereita, e que supoñía o fin de 16 anos da presidencia do ex-ministro franquista foron varias as que puidemos presenciar

Pero as guerras culturais en Galicia xa as sufriramos con anterioridade. Coa chegada o poder en 2005 dun goberno non de dereita, e que supoñía o fin de 16 anos da presidencia do ex-ministro franquista foron varias as que puidemos presenciar: en torno A Cultura Circula, o tema dos mojitos no viaxe a Feira do libro da Habana, ou quizais a que obtivo maior repercusión e que foi a manifestación pola presunta persecución do castelán en Galicia convocada a menos dun mes das autonómicas do 2009 por Galicia Bilingüe. A falta do candidato Feijóo, de precampaña en Buenos Aires por aquelas datas, a manifestación convocada en Compostela por Galicia Bilingüe acudiron, entre outras, Alfonso Rueda, Ana Pastor, Corina Porro, Carlos Negreira ou Ignacio López Chaves. Nin rastro ese día do sector da boina. Os políticos do PPdeGa compartiran ese día a pancarta que encabezaba a marcha coa presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, a líder por aquel entonces de UPyD, Rosa Díez e o “catalán” Albert Rivera -recentemente acusado por Albert Pla de intentar vetar os seus concertos- de Ciudadanos. Durante a mesma soaran consignas moi pola democracia, como por exemplo: "Hay que tirarlos al mar, como en Chile". Xa coa chegada o poder de Nuñez as guerras culturais enrudecéronse cara os concellos coa vista posta nas municipais do 2011.

 

Guerras culturais: manobras de distracción ou intentos de fixar o marco do real?

De volta ao presente, todo apunta a que a batalla cultural se vai a intensificar e que, por desgraza, o que podían ser debates artísticos, conversas sobre as políticas culturais, de maneira veloz voltáronse algarada mediática e causas xudiciais, acadando así un dos obxectivos das guerras culturais que é desgastar, e que se perdan enerxías con elas. As batallas culturais obstaculizarán facer políticas públicas co obxectivo de democratizar as institucións, liberalas de corrupción e fomentar o ben común. Seguramente as guerras futuras irán no sentido do caso Sande, debido a que no PP hai unha especie de regresión cara ao seu nacional-catolicismo máis duro, quizais tamén vinculado co fin da violencia de ETA, e coa procura dunha identidade que permita tensionar con guerras culturais como a da Coruña á súa base social. E por suposto, continuar creando escándalos en torno á cultura que desvíen a atención de novos casos de corrupción ou mala xestión do pasado dun partido antisistema imputado por financiamento ilegal, definido como organización criminal -non o dicimos nós, o dixo a Garda Civil para referirse o PP valenciano-, que ten ex dirixentes detidos, cazados ou dimitidos por defraudar, malversar ou mentir, e a cargos do goberno de Feijoo acusados de homicidio imprudente porque retiveron os tratamentos da Hepatitis C para cadrar contas. Con todas estas cousas a esconder, a cultura convértese nunha moi boa arma arreboladiza. 

As batallas culturais obstaculizarán facer políticas públicas co obxectivo de democratizar as institucións, liberalas de corrupción e fomentar o ben común

Indicaba o filósofo esloveno Slavoj Zizek no epílogo da edición española -publicado catro anos mais tarde ca edición americana- de Que pasa con Kansas?, que "fan falta dúas partes para librar unha guerra cultural". Moi boa reflexión, ver cada nadal como nos concellos gobernados pola esquerda ven as cabalgatas de reis coma un exame ou reválida é unha clara vitoria cultural dá dereita, mais cando moitas veces o éxito dás mesmas depende de que ese día choiva ou non.

Se queremos un verdadeiro cambio cultural, e que a cultura poida ser unha ferramenta de transformación social, os cambios non poden ser simbólicos, porque o simbólico pode ser efémero

Se queremos un verdadeiro cambio cultural, e que a cultura poida ser unha ferramenta de transformación social, os cambios non poden ser simbólicos, porque o simbólico pode ser efémero. Substituír a Gayoso por Xurxo Souto non traerá un cambio na hexemonía cultural. Tense que apostar por cambiar as ferramentas e democratizar institucións rediseñando as súas normativas, introducindo mecanismos que garantan a transparencia, establecendo fórmulas que faciliten o control cidadán, e creando espazos e protocolos que permitan auditorías cidadás do traballo e a dirección que están tomando as nosas institucións, todo isto é clave para un cambio do que Antonio Gramsci teorizou e denominou fai mais de oitenta anos, coma hexemonía cultural. Para poder levar a cabo ese traballo, non se debe caer nesas manobras de distracción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.