A conselleira do Medio Rural ven de anunciar con rotundidade que a praga da pataca (Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny) está controlada na provincia da Coruña. Afirma que se produciu un descenso do 89% nas capturas e os datos dispoñibles denotan que a campaña de control funcionou. Con isto por diante, non cabería máis que parabenizarse e agradecer que as campañas funcionen, que precisamos da eficiente presenza desta conselleira e dos servizos que dirixe para outras ocasións nas que faga falta. A non ser que...
A non ser que esteamos a contemplar un espectáculo de triunfalismo esaxerado que raia no neglixente, máis propio de persoas afeitas a manexar a verdade coma un concepto oscilante, adaptable segundo a oportunidade política o requira en cada momento.
Vexamos. Segundo explicabamos hai algunhas semanas a Tecia é un insecto que ataca unicamente ao tubérculo e só mentres se atopa no estado de larva, propelido polas temperaturas elevadas e a dispoñibilidade de alimento. O trampeo con feromonas non é, en si, un método de loita contra pragas senón un medio complementario que permite coñecer a densidade de poboación dun insecto nunha zona e nun período determinado. Este sistema ofrece unha medición aproximada e sempre se ve afectado polas características do entorno, do patóxeno e do cultivo ao que ataca. As trampas colocadas pola Consellaría do Medio Rural só capturan adultos; a cantidade de larvas presentes, polo tanto, é descoñecida e tan só pode estimarse.
As medidas postas en marcha pola Consellaría do Medio Rural consistiron en prohibir a plantación, venda e movemento de patacas das zonas afectadas e nun plan de trampeo masivo para o seguimento da praga. Implementadas tarde e executadas de xeito irregular, con patacas aínda medrando nas leiras, fannos desconfiar da bondade dos resultados obtidos. A menos que se pretenda utilizar mediaticamente a evolución da praga do mesmo xeito ca os datos parciais de paro, que cando baixa no verán é moi espectacular, pero cando sube en outono é discreto, aínda que ao remate do ano todo siga máis ou menos igual. Por iso cumpriría coñecer cantidades de capturas iniciais e finais e o período considerado, non vaia ser que os datos pertenzan ao momento no que é máis probable que a praga estea en fase de larva e polo tanto non caia nas trampas.
Pero o que sen dúbida resulta máis abraiante é a imprudencia coa que nunhas poucas verbas se desacredita o traballo de milleiros de profesionais que loitamos a diario contra patoloxías nos cultivos. Practicamente sen pór medios de loita, sen aplicar un só praguicida e arrincando as patacas a destempo, declárase controlada unha praga que nas Illas Canarias leva máis de quince anos ocasionando elevadas perdas e quebrando a cabeza a persoal técnico e investigador sen solución no horizonte.
Afirmar así que unha praga está “controlada” pode indicar dúas cousas: Que é certo, e polo tanto hai que parabenizar ao persoal técnico da Consellaría do Medio Rural porque deu cun método eficaz de loita que debe exportarse inmediatamente a outros países afectados. Ou que é falso e entón están a empregarse os datos de xeito retorto para transmitir unha imaxe falsa por parte dunha administración pública que non admite a súa falta de ideas e tampouco está disposta a asumir a tarefa de ocuparse do asunto.
As que traballamos desde hai anos con patoloxía vexetal pensamos que a segunda das opcións resulta máis probable, porque de ser certa a primeira, non teriamos que asistir nos últimos anos a propagación de patóxenos tan daniños coma os trips nas hortas, o nemátodo do piñeiro, a avespiña do castiñeiro ou, máis recentemente, a vespa asiática. Calquera opción que permita aventurar que a praga está controlada semella máis unha quimera que o froito da capacidade técnica duns servizos agrícolas públicos mermados e en vías de desaparición. Se, como intuímos, no futuro repunta a couza, cal sería daquela a explicación? Dimitirá a conselleira despois de efectuar unhas declaracións que de xeito oportunista pretenden obter un rédito político afirmando unha solución que, intuímos, está lonxe de producirse? Ou procurará outra estratexia de erradicación milagreira que permita “controlar” a praga durante os meses de inverno para que se propague nos de verán? Se cadra, a solución pasa por prohibir definitivamente o cultivo da pataca en Galiza... Será ese o obxectivo?
Pasen e vexan, no rural tamén existe a post-verdade.