0 Gardados para despois

David Reinero

Angrois, ou como o respecto pola cidadanía fai Europa

Para cando Jesús e Teresa interviron en Bruxelas ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, en España xa foran expulsados varias veces do Congreso dos Deputados, do Senado e do Parlamento de Galicia. Na Eurocámara, pola contra, a Jesús e Teresa deixóuselles mesmo proxectar un documental coas súas reivindicacións.

Jesús e Teresa foron atendidos pola Comisaria Europea de Transportes, Violeta Bulc, ás poucas horas de solicitarllo. Fixérono logo de que unha ministra española lles dese plantón a unha reunión longamente planificada e de que o presidente do Goberno obviase durante meses a petición que lle fixeron de manter un encontro con el.

Jesús e Teresa reuníronse con diversos responsables da Axencia Ferroviaria Europea (European Railway Agency-ERA), cos que manteñen unha fluída relación por correo electrónico. Algo tan simple como que eles escríbenlles preguntando diversas cuestións e estes contéstanlles ao pouco tempo. En España, Jesús e Teresa escribiron a dous organismos estatais equivalentes sen obter respostas.

Jesús e Teresa non son políticos nin empresarios. El é informático e ela psicóloga e pasaron por todo isto porque o 24 de xullo de 2013 estaban no sitio equivocado. Eran viaxeiros do tren de alta velocidade que descarrilou á entrada de Santiago de Compostela, na curva de Angrois, deixando 80 mortos e 144 feridos, o maior sinistro ferroviario en Europa no que vai de século, porque se desconectara o sistema de seguridade que podía evitar o despiste que sufriu o maquinista. Jesús e Teresa son só as caras visibles das vítimas do accidente, varios centos ou milleiros de persoas entre afectados directos, familiares e amigos, todos eles coñecedores, porque o están a vivir, de que a Unión Europea ten para eles respostas que o seu Estado non é quen de darlles, en moitas ocasións non por que non saiba, senón porque non quere. Bruxelas dalles respostas e respecto, moito máis respecto.

En España, o Ministerio de Fomento realizou unha investigación técnica do sinistro que a Axencia Ferroviaria Europea considera falta de independencia e incorrecta por centrar a súa análise exclusivamente no erro humano do maquinista e non nas diversas eivas de seguridade que presentaba a liña ferroviaria. Esa crítica directa da axencia europea ao Goberno español é vista por Jesús e Teresa como fundamental para que a instrución xudicial do accidente avanzase e se comezasen a investigar as responsabilidades non só do maquinista senón tamén dos diversos anacos en que se foi deseñando o sistema ferroviario español.

Pero a Axencia Ferroviaria Europea non quedaría aí. Uns meses máis tarde non se limitaría a tombar a credibilidade da investigación técnica española senón que os expertos comunitarios entrarían de cheo na instrución xudicial ao aclararlle ao xuíz que a normativa europea obrigaba a realizar unha serie de comprobacións de seguridade no AVE sinistrado que as autoridades españolas viñan argumentando que non eran legalmente precisas. Dixérono ao tempo que se ofrecían a comparecer na causa xudicial para explicalo, fronte ás múltiples trabas postas á instrución penal por parte das autoridades e técnicos españois.

Os dous principais partidos políticos de España, no goberno cando se inaugurou o AVE e cando descarrilou, sumáronse a esas trabas á investigación e rexeitaron calquera proposta de nova análise técnica ou política do sinistro. Fronte á súa actitude, representantes de todo tipo de correntes ideolóxicas presentes na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo escoitaron de primeira man as peticións de Jesús e Teresa e reclamaron á Comisión Europea que impulse esa investigación técnica independente do sinistro que o Goberno de España, co apoio do principal partido da oposición, se nega a realizar.

Con estes comportamentos contrapostos das institucións, a Jesús, a Teresa, e a boa parte dos seus compañeiros non hai que explicarlles para que serve a UE. Nin argumentarlles que é útil. Nin preguntarlles cal queren que sexa o seu futuro. Eles sábeno.

*Artigo publicado polo Eixo Atlántico dentro dunha serie de achegas sobre o futuro da Unión Europea e a utilidade das súas institucións.

Acerca de David Reinero