Impresións con En Marea sobre fondo de crise orgánica

Empecemos polo obvio. O capitalismo é un sistema profundamente inxusto e cruel alicerzado na idea de que a mercantilización absoluta da existencia é a maior expresión da liberdade humana só porque produce lucro. A idea de que a inmensa maioría xere sacrificadamente a desmedida riqueza dunha inmensa minoría aceptámola como natural porque repousa nunha rede de valores, verdades e certezas instrumentais de contido e estrutura relixiosa. O capitalismo, criminalmente perverso, expón a súa revelación de eternidade mediante un manexo eficaz dos discursos, das verdades, das emocións e dos desexos e unha ben estruturada e complexa armazón institucional. A famosa hexemonía. Mais en tempo de crise orgánica, abanéanse as verdades e cae a idea mesma de eternidade. A loita de clases pon os conflitos ao aire, ensina as carnes e as arterias da máquina, que xa non parece un perfecto mecanismo de exactitude senón un desagradable artefacto en descomposición. A corrupción do sistema vai no seu propio ADN; aquilo que o sostén será o que o derrube. As nosas capacidades produtivas, colaborativas, afectivas, autoorganizadas ao servizo do común, poñen a orde ante o abismo. Xusto aquilo que o sistema necesita disciplinar e organizar para reproducirse. A crise orgánica é a expresión dunha ofensiva violenta do capital contra o traballo que proxecta devolver ao privado as conquistas colectivas e sobre todo disciplinar de maneira absoluta a vida completa.

O sistema séntese eterno na estabilidade. O eterno é o normal, o non extraordinario, o concibible, aquilo que oculta o inconveniente. Por iso, a normalización é a saída conservadora á crise orgánica. Normalización do adversario mediante a súa integración, recuperación da idea de eternidade do poder e o dominio. Normalizar é volver agochar todo aquilo que quedou á vista en toda a súa fealdade, unha forma de revolución pasiva. A cara amable do monstro que xorde cando o vello non acaba de morrer e o novo non dá nacido. No plano político, normalizar é reconstruír o mapa roto durante a crise, apampar na miraxe da súa reconfiguración e estabilización. Dá igual como se reconstrúa, sempre que respecte xerarquías e as recomposicións se produzan nos suxeitos secundarios. Sempre que siga ocultando o exterior, o espazo real que habitamos, onde producimos e nos relacionamos, onde nos espolian e nos bloquean, nesa lama material a miúdo mesta e luxa.

Todo este proceso complexo de impugnación do existente que vimos vivindo nos últimos anos non deu abolido as causas da explotación e a expropiación, é certo, pero puxo en perigo os seus fundamentos ideolóxicos como poucas veces antes ocorrera. Incluídas as súas formas institucionais e políticas. Levantar un instrumento de ruptura significaba expresar un cometido novo: non necesitamos remendar, precisamos abrir brecha. Por iso falamos de ruptura democrática, de rebelión cívica e de proceso constituínte, non para que as palabras luzan no frontispicio dun grupo parlamentario, iso sería anulalas, senón para que as voces percorran todo o espazo de relacións da sociedade civil. Falamos do prohibido, e o prohibido faise presente. O valor creativo dun discurso ousado organiza realidade porque nace no fermento da base material sobre a que se proxecta un horizonte de exclusión e precariedade permanente. E de novas e requintadas, algunhas máis ca outras, formas de violencia. Ruptura é proxecto político, un espazo que se recoñece e se articula para defenderse e construír, que organiza os seus instrumentos de intervención con plena autonomía. É República, e non pide permiso nin se acolle ás normas alleas. Négase a permitir que os seus instrumentos queden espetados como bolboretas mortas no taboleiro e nos brillos da normalización política. A estabilidade é máis segura ca a vertixe, claro, pero converte o movemento en estatismo, a secuencia en imaxe fixa, o ser que se cría vivo en fósil, o tempo en anacronismo. A vida, en fin, déixase subsumir na representación, e a representación derrota a política, a democracia e a cidadanía.

Non se constrúe república con instrumentos normalizados polo réxime que cómpre desbordar. A crise da representación púxoa en escena o 15M, e xa antes a enxurrada de autoorganización do Nunca Máis cando tentaba seguir desbordando marcos e escapar da obsesión partidaria por domeala, canalizala e reconducila. A sociedade organizada non pode substituír as responsabilidades do Estado, dicía o partido, e con iso cría dirixir o movemento cando en realidade estaba a cegalo. Cando dicimos que somos herdeiros de Nunca Máis reclamamos o recordo daquela derrota, non a capitalización partidaria dun movemento que non deu desbordado todos os límites aínda que o probou de maneira creativa, espontánea e intuitiva. Naquela altura falabamos dunha cidadanía republicana constituínte, e foi precisamente esta a que se encontrou na Marea Municipal de 2015, recolleu a potencia derrotada e soubo poñela en vigor nas asembleas e nas prazas para levala ás Cámaras Municipais. Non podemos permitir que quen tampouco desta vez a entendeu acabe tamén por cegala.

O corpo organizativo do espazo galego de ruptura, autónomo e autoorganizado, radical e republicano, non pode ter a configuración protética dun partido ao modo clásico, coa súa militancia e a súa estrutura territorial normalizadas, coa súa burocracia e o seu corpo plebiscitario, coa seu foxo de separación entre a fortaleza organizativa e a masa proletarizada á que desde a torre da homenaxe arenga en terceira persoa. O corpo organizativo que siga dando vida a esa carne multitudinaria será outra cousa. Nada que a propia multitude non constrúa no seu propio proceso.

En Marea non é unha coalición de partidos, aínda que se presenta como tal ás primeiras eleccións nas que participa, as de decembro de 2015. Os partidos que acordaron o Documento de Mazarelos (Anova, EU e Podemos), a base programática coa que se conquistou máis de 400.000 votos, sabían que a acumulación de forzas partidarias era imprescindible pero insuficiente. E non porque fixeran unha lectura reducionista do 15M en clave de impugnación da idea partido e non do réxime de representación, senón porque cada organización á súa maneira e cos seus ritmos ía comprendendo que o suxeito do cambio é a cidadanía do común. De aí que se formulase explicitamente que En Marea a constituía a cidadanía activa e que as organizacións políticas só podían ser motores auxiliares. Anova expresou sempre esta convicción, e por ela sufriu fracturas e procesos traumáticos. Pero ademais estaba recente a experiencia das mareas municipais. Ese novo suxeito emerxente que chamamos Marea Municipalista tiña que ser central na configuración do suxeito de ruptura. Non por ser superior ás organizacións políticas nin porque estas carezan de lexitimidade, senón por ser a primeira plasmación da conquista democrática de institucións do réxime, que ata ese momento eran couto privado de intereses corporativos e de reprodución oligárquica. A maioría social organizándose á marxe das estruturas normalizadas polo réxime, desbordándoas, conquistaba o que non estaba previsto que fose conquistado. A partir de aí, a experiencia municipal fala dun exercicio de vontade democrática da maioría social que se organiza e decide en común e en interese común. O que ten que ser En Marea está anunciado no proceso das municipais, na formulación política que recolle o documento de Mazarelos e no posterior Manifesto dos tres alcaldes de ruptura que orixina o Plenario de En Marea de xullo de 2016. Ese é o instrumento político en construción. Ningún dos múltiples actores do proceso nas súas diferentes etapas quixo nunca dar lugar a un partido de réxime. Sobran, dun lado e do outro do taboleiro, partidos de réxime.

Pero en todo proceso de ruptura hai lugar para unha reacción conservadora. No caso de En Marea, ese movemento de retracción provén de grupos e persoas que combateran en diversos graos todos os momentos de construción do espazo de ruptura. Desde a propia experiencia de AGE, imprescindible pero insuficiente, contra a que non faltou quen traballase desde dentro a cara cuberta e descuberta, ata a explosión da marea municipalista, que contou con non poucas oposicións e incomprensións, pasando polo labiríntico proceso previo á candidatura de En Marea ás xerais de 2015, considerada inda hoxe coma unha especie de traizón a principios eternos e liñas infranqueables. O de sempre. Non é casual que neste momento a lembranza da coalición sexa empuñada como arma contra quen entende En Marea como espazo de ruptura e non como partido de réxime. En realidade, a reacción conservadora despreza a propia forma líquida de En Marea porque é unha transgresión da normativa política do réxime.

Opoñerse a unha visión conservadora non é combater por postos dunha comisión coordinadora senón expresar a negativa a someter o instrumento político á  representación, á estabilización proposta polo réxime. Opoñerse á redución do espírito e a materia de En Marea é combater a súa renuncia ao espazo de ruptura. Opoñerse é recuperar, pero recuperar En Marea non é reescribir instrumentos pasados, proxectos falidos ou desexos derrotados máis ou menos lexítimos; recuperar é reabrir o proceso, evitar a redución orgánica dun espazo flexible de diversidades e protagonismo cidadán, de autoorganización, de desbordamento de todos os lindeiros do réxime e da representación. Para crear tecido social e movemento, coas propias redes solidarias e constituíntes e unha institucionalidade alternativa. O partido movemento non é un partido clásico que se relaciona cos “movementos sociais” con certa habilidade, é unha forma de promover espazos de autoorganización e de constitución republicana en todas as células da sociedade civil. Así de complexo e así de estimulante. Non se trata, daquela, de corrixir e refacer un mapa político estable, tal e como comprenderon moi ben os milleiros de votantes que quedaron na casa na repetición das eleccións xerais de xuño de 2016 e nas autonómicas de setembro. Aquela foi unha decisión protectora fronte aos síntomas de normalización que o artefacto En Marea poñía en xogo como activo cando apenas eran mostra de debilidade e renuncia innecesaria. Por iso non está pechado o proceso político, porque está en discusión o seu carácter de instrumento de ruptura, republicano e rebelde, multitudinario e transgresor, en perigo de ser parasitado, derrotado e subsumido pola idea dun Partido Nacional Galego que merece tanto respecto como oposición.

En Marea xa non é unha coalición, non o será nin o pode ser, e tampouco pode quedar reducida a un partido clásico de cadros e cargos públicos lexitimado por un milleiro de militantes. Non foi nunca ese o proxecto do complicadísimo e contraditorio, pero imprescindible, proceso de unidade popular que nos vén traendo de AGE ata acó. En Marea é e ten que ser outra cousa. Xusto aquilo que o réxime non dá abarcado, normalizado, detectado nin designado. É máis guerrilla que exército regular. Máis espazo difuso que atalaia exposta ao asalto. Rizoma máis que pedra fita. Hai algo no que é En Marea xa, no que foi sempre o espazo de ruptura, que nos desborda e nos arrastra, un impulso social colectivo que actúa sen permiso, que se constitúe en alternativa de cambio radical ao ruín estado de cousas. Apenas temos que saber comprender ese impulso e convertelo en marco de participación popular e non en partido fortaleza de réxime. Partidos xa os hai; En Marea é outra cousa.

O día 15 de xullo hai plenario de En Marea. Non debe ser o escenario dun combate por postos dunha presunta dirección do presunto partido. Ten que acoller os debates políticos e organizativos que dean lugar á ferramenta do espazo de ruptura, o instrumento da maioría social, das clases subalternas, que só a estas se somete e delas depende, que se configura como un artefacto líquido e móbil, inapreixable, alérxico á fosilización en calquera das formas políticas promovidas e toleradas polo réxime. Un instrumento, por tanto, non disposto a cristalizar definitivamente porque a súa vocación é a de estarse construíndo permanentemente. Como podería cristalizar se non de maneira conservadora un instrumento cuxo obxectivo só pode ser a destitución do existente e a construción dunha sociedade nova, alternativa? Non pode. Por iso o queremos inabarcable, rebelde e irredutible. E por todo iso entendemos que debe recuperar o seu discurso de ruptura e impugnación sen reservas. Porque se o discurso de ruptura dá paso a un discurso de competencia por espazos e nichos de xestión, o propio espazo de ruptura estaría asinando a súa renuncia histórica. A súa morte.

En Marea non aspira apenas a relevar o PP nas institucións nin a gobernalas en nome do pobo. Proxecta abrilas para que as clases subalternas as fagan funcionar en beneficio propio e canda os seus propios órganos políticos, deliberativos e decisorios. Sabe que o desaloxo do PP é imprescindible, pero non suficiente. Está aquí, crecendo, para romper, destituír e constituír, desobedecer e desbordar, tamén as propias tendencias conservadoras, non para converterse nun novo inquilino que espera a súa quenda no relevo institucional, unha quenda que probablemente nesas condicións nunca chegará. En Marea debe seguir construíndose, pero non como un partido. Debe facelo conforme ás vontades e ás prácticas cooperativas de persoas procedentes de organizacións políticas, de organizacións sociais e sectoriais, da marea municipalista, das ninguén que veñen de ningures, de cidadanía sen militancia, de toda a multitude que se recoñece como clase antagonista sen deixar de comprender a diversidade, que se nega a ser reducida a unha vontade monolítica interpretada de maneira case chamánica. A multitude é laica como laica é En Marea.

Recuperar a En Marea que importa significa non abrir foxos entre a fortaleza organizativa e a multitude do exterior, significa derrubar fortalezas, confundirse na multitude e navegar en mar aberto. Ser cidadanía republicana constituínte.

Era iso, non?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.