0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

A grande estafa

O Banco de España calcula que o Estado non vai poder recuperar mais de 60.000 millóns de euros das axudas publicas concedidas para sanear o sistema financeiro.

Cáenselles tódolos velos deixándoos espidos de argumentos e xustificacións. Xa non son quen (banqueiros, políticos)  de ocultar que aproveitando o impacto da crise financeira (2008), que eles mesmos provocaron coas súas falcatruadas, puxeron en práctica unha serie de políticas que non foron máis que os motores dunha grande estafa aos cidadáns de rendas medias e baixas, as clases populares. Que tanto o chamado rescate bancario como as políticas de austeridade fiscal non eran medidas necesarias para saír da crise financeira. Se o rescate bancario tivo como obxectivo real salvar os grandes bancos dos problemas financeiros derivados das súas nefastas e irresponsables xestións, a austeridade fiscal busca retirar fondos públicos dos servizos e prestacións que benefician especialmente as clases populares. Fondos que se destinarían ao citado rescate dos bancos en dificultades. Mentres as reformas laborais buscan debilitar ao movemento sindical para así aplicar algo que levaban anos tentando: a rebaixa salarial que inclina, aínda mais, a balanza das rendas a prol das rendas de capital. Medidas que de ningures serviron para que, por caso, a economía española e con ela a galega saíran da crise senón que provocaron unha grande recesión.

Aínda que se ten falado abondo sobre a crise financeira e as súas causas nunca é suficiente dado que estamos vendo, como un día si e outro tamén, seguen queréndonos vender a mesma melodía de que se fixo o que se tiña que facer. MENTIRAS. Mentiras que quedan en evidencia se analizamos con rigor a situación da economía española e galega cando estourou a crise financeira (2008) e mais se temos en conta o que pasou a continuación –una gran recesión-.

Cando estourou a crise o grande problema fiscal non eran ni a débeda nin o déficit públicos –froito segundo aqueles de ter vivido por riba das nosas posibilidades-. O grande problema a nivel de débedas era a DEBEDA PRIVADA e dentro desta a débeda dos bancos. Aínda que, dado o segredo bancario, non se coñece con total exactitude cal era a débeda do sector financeiro español cando estourou a crise se hai algunhas estimacións moi fiables. Segundo estas neses anos a débeda global da economía española roldaba os 4,3 billóns de euros –en torno ao 400% do PIB -. Unha débeda que se repartía da seguinte forma: uns 0,7 billóns de euros aproximadamente -70% do PIB - eran débeda pública, e o resto 330% PIB    –equivalente a 3,6 billóns de euros- débeda privada. Non era certo, xa que logo, que España tivera neses intres un grave problema de débeda pública senón de débeda privada. Unha débeda privada que se distribuía tal como segue: a débeda das familias roldaba en torno a  1 billón de euros -90% do PIB-, a das empresas 1,2 billóns de euros -130% do PIB- é o resto era débeda bancaria: 1,4 billóns de euros -140% do PIB-. En termos globais a débeda pública so representaba o 16% da débeda total da economía española, a débeda das familias o 21%, a das empresas o 31% e a das entidades financeiras –maiormente bancos- o 32%. Eran, xa que logo, os bancos e as empresas os principais responsables do endebedamento da economía española (63%). Unha débeda derivada maiormente da burbulla inmobiliaria.

A gran MENTIRA quedaba así en evidencia. Unha mentira que tanto a maior parte da clase política galega e española, como dos altofalantes ocultaron. Unha ocultación consciente para así poder xustificar a GRANDE ESTAFA que, entre a clase política e as entidades financeiras, estaba preparándose. Unha estafa que nin o propio Banco de España pode xa ocultar e que presenta varias facianas políticas cada cal mais indecente.

A crise financeira internacional deixou en evidencia que os sistemas bancarios  galego e español non estaban tan sans como nos aseguraban. A crise do mercado de capitais mostrou que non so tiñan problemas de liquidez senón que corrían elevados riscos de insolvencia: moi especialmente as Caixas de Aforros pero tamén moitos bancos. Riscos derivados fundamentalmente dos métodos de enxeñería financeira que tiñan adoptados como por caso o elevado apalancamento  –“endebedarse mais para ganar mais”-, unha situación realmente explosiva. Métodos que, coa perda de valor dos seus activos e a seca das fontes financeiras derivados ambos da crise financeira, colocaron aos sistemas bancarios galego e español ao borde mesmo da creba. Algo que inexplicablemente as autoridades españolas e galegas (Goberno español, Banco de España, Xunta de Galiza) tardaron demasiado tempo en admitir.

Neste marco de crise financeira, a reacción das autoridades españolas –Goberno español, Banco de España-, en liña coa maioría dos gobernos europeos e occidentais, foi a de acudir ao rescate do sistema bancario español dándolle prioridade absoluta sobre calquera outra medida de política económica. Un rescate público que, feito a costa da maioría da poboación –clases traballadoras e pensionistas especialmente-, tivo gravísimas consecuencias económicas: disparouse a débeda pública, caeron os ingresos fiscais e debilitouse a oferta monetaria –con especial impacto nas familias, nas PEME e o comercio polo miúdo- facendo que a crise financeira se convertera nunha grande recesión. Un rescate que, por outra parte e a pesares do acontecido, non impediu que moitos dos grandes bancos continuaran, a pesares das experiencias, coas súas prácticas especulativas e de alto risco.

O rescate do sistema bancario galego e español adoptou varias fórmulas, directas e indirectas, todas elas baseadas na inxección de enormes sumas de diñeiro público. Diñeiro procedente dos petos dos cidadáns que logo se retiraría, por caso, das funcións públicas de benestar e das políticas de emprego. Por unha parte o BCE (Banco Central Europeo) garántalles aos bancos españois como o resto da banca europea, pero ao contrario do que fixo e fai con estados en apuros fiscais tal que Grecia, unha liquidez abondosísima –expansión cuantitativa: practicamente barra libre-, a medio prazo -4 anos de media- e moi barata -a moi baixos tipos de xuro, en moitos casos ao 0% pero incluso, ultimamente, a xuros negativos (-0,4%) tal que xa non so supón para os bancos un enorme aforro no pago de xuros senón incluso unha ganancia (!) cando aqueles son negativos-. Segundo fontes do propio BCE (Banco Central Europeo) o importe dos prestamos a banca española supón, de media, o 25% do total dos préstamos a bancos privados da eurozona –o que significaría, ao día de hoxe, que a cantidade total  prestada dende o BCE a banca privada española supera amplamente os 500.000 millóns de euros- Pola súa parte o BE (Banco de España) apunta a que Nova Caixa Galiza Banco (NCG Banco) –resultado da fusión das caixas galegas: agora ABANCA- foi o cuarto banco privado que mais axudas públicas recibiu por esta vía: a suma total prestada vía BCE supera os 10.000 millóns de euros.

Pero as axudas do BCE a banca española, como a moita da banca europea, adoptaron tamén outras fórmulas financeiras que puxeron de novo en evidencia que intereses defenden realmente os bancos centrais: prestamos garantidos mediante a compra ben de produtos estruturados ben de obrigacións incluso a bancos españois con moi baixas cualificacións. Axudas que tamén confirmaron o xa sabido: os problemas dos bancos españois non son de liquidez senón de solvencia.

Asemade o goberno español, pola súa parte, prestou grandes axudas financeiras a banca española, por certo unha axuda pública cuxa parte contabilizada como débeda pública supuxo un incremento do 4,2% da mesma –o dobre que a media europea-.  Axudas públicas que ben adoptaron a forma de inxeccións de capital orientadas a recapitalizar os bancos e que segundo o Banco de España suman uns 53.500 millóns de euros (5% do PIB) –dos que so se teñen recuperado o 4,5% do total- das cales 9.000 millóns (15,5% PIB galego) foron as axudas para NCGBanco. Ben foron avais para emisións de débeda, adquisición de activos, traspasos de activos ao SAREB, etc. Axudas cuxo monto conxunto, segundo algúns cálculos, rolda os 150.000 millóns de euros –dos que uns 35.000 millóns corresponden a NCGBanco-

Un aspecto relevante a destacar destas axudas a banca privada, que nos dá unha idea real da importancia das mesmas, e a relación entre o volume das axudas recibidas e o capital básico dos bancos. Centrándonos na banca galega rescatada, NCG Banco tiña activos (2013) por un valor duns 52.500 millóns de euros que supoñen un capital básico (3%) de 1.575 millóns de euros. Se as inxeccións de diñeiro público roldan os 9.000 millóns de euros vemos como a contribución pública ao rescate bancario en Galiza foi desmesurada –como sucede no conxunto de España e mesmo da Unión Europea-.

Diñeiro que, segundo as autoridades galegas e españolas (Goberno español, Banco de España, Xunta de Galiza), en moitos casos era un préstamo que, xa que logo, sería recuperado no seu día: “custo cero para o contribuínte”. A verdade de todo isto xa a estamos vendo: UNHA ENORME ESTAFA!.

Sobre este volume inxente de axudas públicas a banca galega e española compre facer varias reflexións relevantes. A primeira é a de que, como resulta evidente, o comportamento dos poderes públicos coa grande banca é antagónico co que ten co resto das entidades privadas –familias, pequenas e medianas empresas, comercio polo miúdo-. Se a primeira dispón de barra libre en condicións vantaxosísimas tales que nunha porción relevante aínda non devolveu, nin devolverá,  o prestado ao resto das entidades privadas non so non dispón das mesmas condicións senón que aquelas sofren ben o acoso dos poderes públicos e dos propios bancos en caso de ser debedor –velaí o goteo continuo de desafiuzamentos- ben non ten aceso ao crédito ou o ten en condicións duras. A outra consideración é de que estamos a falar de fondos públicos que, en moitos casos, non son contabilizados como débeda pública, ao contrario que o resto dos gastos públicos moi especialmente daqueles que ían destinados as funcións públicas de benestar e a creación de emprego que si se contabilizan como débeda pública.

Velaí a xusteza de que cualifiquemos a actuacións públicas en relación a banca privada como unha auténtica ESTAFA que os poderes públicos estanlle facendo a maioría da poboación (90%). Moito mais cando sabemos que a afirmación de que esas axudas públicas serían devoltas polos bancos –“custo cero para o contribuínte”- era unha nova mentira. Non serán devoltas por que en realidade estas axudas públicas son destinadas polos bancos tanto a pagar as súas enormes débedas como a aumentalas reservas. Reservas que dados os baixos tipos de xuro –derivados das políticas de austeridade- destinan a compra de títulos, bonos e produtos financeiros varios. Compras que contribúen a suba dos prezos destes produtos e, xa que logo, a inchar novas burbullas financeiras que, como sucedeu sempre, rematarán estoupando. Estoupido que dará paso unha nova crise financeira e con ela asistiremos a un novo rescate bancario e, xa que logo,a unha nova estafa. BINGO!.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista