0 Gardados para despois

Xulio Ríos

Plácido vivo

No cemiterio de Santa Mariña de Cambados, honraremos este luns 17 a memoria de Plácido Castro ao se cumpriren os cincuenta anos do seu pasamento. Será esta unha ocasión para reivindicar tamén a súa faceta humana, intelectual e política e, sobre todo, para chamar a atención da sociedade galega sobre a súa figura, espello de tantos outros reconducidos, no mellor dos casos, aos libros de texto.

E sen embargo, Plácido debería estar máis vivo entre nós. No seu ideario, por exemplo, atoparía o nacionalismo galego, na difícil tesitura en que se atopa, unha concepción ben acaída para enxergar un discurso coherente para os tempos actuais, defensor acérrimo da identidade con piares sustentábeis pero igualmente partícipe dunha visión do mundo sen valados, humanista, democrática, sensible no social, transpartidaria na súa vocación mais alargada.

Ese Plácido intelectual, tan descoñecido aínda, ese Plácido político, tan incómodo e que algúns quixeran disimular, é expresión do mesmo home de cultura que tanto fixo polo ennobrecemento da nosa tradución e igualmente do persoeiro comprometido, por exemplo, coas arelas irlandesas daquel esperanzador tempo que lle tocou vivir ata a chegada da guerra civil.

Inimigo dos tópicos (os ingleses flegmáticos, a saudade tristeira...), Plácido soubo ser ata un pedagogo creativo, innovando en algo pouco común entón, a aprendizaxe de linguas, especialmente do inglés logo de homologar os seus estudos ante o Ministerio de Educación optando a unha praza cun paper sobre as semellanzas entre Christina Rossetti e Rosalía de Castro.  Na homenaxe do vindeiro luns contaremos cun bo grupo de ex alumnos, aguilloados por Luís Silva, do Instituto Laboral de Vilagarcía, onde impartiría aulas tras regresar de Londres cos 15 anos de inhabilitación absoluta cumpridos que lle foran impostos como parte da condena ditada polos tribunais fascistas.

Hoxe deberamos achegarnos a Plácido e a outros coma el, da súa xeración, co respecto debido, con vontade de comprensión, con ánimo de reler e de aprender. A Plácido bastáballe con ser e estar no mundo da discreción; non precisaba dos recoñecementos e poucos tivo en vida. Poida que se sigan demorando pero seguro é que non caerá no esquecemento.

Acerca de Xulio Ríos

Xulio Ríos é presidente de honra do IGADI