N. é unha fermosa muller negra. Abraia a súa firme vontade e o rápido que aprendeu castelán ao mesmo tempo que é quen de entender unha conversa en galego. Chegou a Galicia hai 4 anos, despois de pasar unha serie de anos entre vagando e avanzando, desde o sur da península, a onde chegou, con moita fortuna como ela mesmo recoñece, procedente do norte de África, despois de cruzar o estreito nunha ruinosa embarcación.
N. non dubida en ofrecerse para todo tipo de traballo. Non lle fai ascos a nada. E, no entanto, ninguén, a pesar de que a usan como man de obra, deu o paso de ofrecerlle un contrato en toda regra, a mellor garantía de poder regularizar unha situación administrativa, que unha lei inzada de racismo institucional, converte en delito.
N. procura non perder contacto coa súa xente de Senegal. O domingo, cando ten un oco, reúnese coa súa xente e falan das dificultades, dos soños, dos atrancos para reunir diñeiro e enviarllo á familia. Falan de esperanza, a de poder reagrupar aos seus cando as cousas se poñan mellor. Mais falan tamén de medo. N. Recoñeceume que no grupo teñen medo todos e todas, mesmo os que teñen unha situación regularizada, xa que dependen da vontade do contratador para non verse nunha situación de irregularidade sobrevida. Si, falan do medo a seren deportados. Non queren fracasar: son a esperanza de demasiadas persoas.
Ás persoas desta nosa terra que non estean informadas, ata lles pode parecer esaxerado. Mais non o é. N., hoxe, non está en Galicia. E non é pola súa vontade que marchou. Non. Todo sucedeu de forma tan rápida que é mesmo complexo resumir ben como se deron os acontecementos. Dise que unha democracia demostra a súa saúde a través da fortaleza do estado de dereito. Dise que unha proba desa fortaleza é a tutela xudicial efectiva. N. non gozou dese dereito. Para ela houbo violación da asistencia letrada e en menos de 24 horas saltou dunha comisaría en Galicia a un CIE e Madrid e a un voo de deportación.
E estas experiencias non están recollidas en ningures como recoñeceu o propio Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura do Defensor del Pueblo (MNP) no informe do ano 2016, dado a coñecer hai escasos meses. En efecto, o MNP parte dos datos que emanan directamente do CIE, prescindindo da súa situación de orixe e da causa que provoca dito internamento e deportación. E así é imposible mesmo rachar coa opacidade e garantir o dereito a unha tutela xudicial efectiva.
No entanto, algúns dos datos sinalados no informe do 2016 do MNP inciden no lóxico medo que nos contaba N. antes de ser deportada. Durante o ano 2016 foron 360 as persoas estranxeiras detidas en Galicia por aspectos referidos á Lei de estranxeiría, que se desglosan da seguinte maneira por provincia: A Coruña: 124; Lugo: 58; Ourense: 61; Pontevedra: 117. A estes datos temos que engadir as 317 identificacións que se producen no ano 2016 en Galicia por motivos relacionados coa Lei de estranxeiría. Lembremos que estas identificacións e detencións se producen en estacións de tren e bus, en cursos para estranxeiros, mais tamén nos fogares onde as mulleres realizan o seu traballo doméstico. Unha verdadeira persecución que a subdelegación de goberno en Coruña xustificou en aras da eficiencia e eficacia para que os voos de deportación se enchan e cumpran o seu cometido.
B. é de Camerún. Traballa con alegría todos os días, a pesar de que traslada sobre si o produto a vender durante toda a noite. Sempre cun sorriso. Nunca lle escoitei un reproche. E motivos ten. Quere reunir o diñeiro suficiente para volver ao seu país este ano de vacacións e ver á familia. Non é nostálxico, mais aínda así emociónase cando falamos da familia. Os anos que leva B. en Galicia aproveitounos para mergullarse na nosa idiosincrasia. Ten moita curiosidade e pregunta para saber como somos. Ten certa retranca e semella inesgotable.
Imaxino que por dentro estarán as aristas e mesmo a indignación ante certos comportamentos racistas dos que tiven coñecemento: un deles, por exemplo, ten que ver co alugueiro de vivenda, cando chama por teléfono para concertar cita non hai problema, mais cando asiste á cita e o propietario ve que é negro....xorde sempre unha escusa peregrina que impide que B. poda alugar dita vivenda. E iso que B. leva con nós case unha década.
Recoñezo que establecín unha relación amizosa con B. e que conversamos moito sobre Galicia e Camerún. Todos os días desprázase da cidade en que reside para traballar en Compostela. Traballa toda a noite, de local en local, coa esperanza de facer uns euros. E sempre que podo procuro velo para falarmos da vida. E sei que hai olladas de sospeita sobre nós. Unha especie de mestura de racismo e aporofobia, de rexeitamento ao Outro, a ese Outro, sobre todo se é pobre.
A vida non é fácil para as persoas migrantes. Coa aparición da crise xurdiu o imaxinario do 'culpable' de todos os males encarnado nas persoas migrantes...que virían a "roubarnos o traballo". Entón os gobernos, supostamente democráticos, comezaron a endurecer as normas de acceso á vida en común en todos os eidos: sanidade, educación, políticas sociais, vivenda, emprego, formación, etc.
Na fractura social o único que se deixou foi unha pequena fenda pola que asoma o traballo escravo, moi mal remunerado, e case sen dereitos para as persoas migrantes. A obriga de manter a documentación en regra converteuse no único obxectivo. E no entanto, a crise foi brutal coas persoas migrantes e moitas non puideron manter a súa alta na seguridade social e caeron unha situación de irregularidade administrativa. É o que chamamos irregularidade sobrevida.
Hoxe, por desgraza, B. non está con nós. O seu caso foi, precisamente, o dunha irregularidade sobrevida. Os colectivos que traballamos para a defensa dos dereitos das persoas migrantes pouco puidemos facer: amosar publicamente a nosa indignación e denunciar a vulneración de dereitos humanos. En menos de 24 horas pasou de Galicia a estar no CIE de Os Aluches en Madrid para ser deportado nun voo. Así é imposible que se atenda aos dereitos das persoas migrantes. Imposible. En resposta dada polo Ministerio de Interior a unha pregunta de En Marea sinálase que ao longo de todo o 2016 foron deportadas 142 persoas procedentes de Galicia.
Poderíamos seguir coas historias de vida, cos relatos de dificultade e de esperanza das persoas migrantes. Cada ano repítese o inferno que sofreron N. e B. Os números que deu a coñecer o MNP non varían moito. Cada ano repítese unha silenciosa vulneración e violación de dereitos humanos. Cada ano unha empresa aeronaútica (neste 2017 Air Nostrum, Viajes Barceló, Iberia) se lucra con 12 millóns de euros públicos para deportar persoas migrantes e así demoucar a esperanza. O último voo do que se ten constancia é o que partiu o 24 de xullo de 2017 con destino a Guinea Conakry, saíndo de Madrid e pasando por Barcelona.
Cada ano a nosa democracia faise máis pequena, prisioneira do racismo.