0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Os salarios como fundamento das desigualdades sociais e territoriais

O emprego que ven  coa recuperación é de mais calidade que o que marchou coa crise

FÁTIMA BAÑEZ. Ministra de Emprego e Seguridade Social.

Hai algunhas décadas (1969) o economista grego, e daquela profesor na Universidade París, VII Arghiri Emmanuel mostrounos (A. EMMANUEL: El intercambio desigual. Editorial S. XXI)  como as brutais desigualdades provocadas polo crecemento económico capitalista teñen o seu fundamento no intercambio desigual derivado das diferenzas salariais quen, a súa vez, son efecto da división internacional do traballo  entre comunidades e estados. Desigualdades que separan ao  Norte do Sur,  o Centro da Periferia da economía mundo favorecendo, como logo mostraría o economista exipcio Samir Amin (1976) o desenrolo desigual capitalista (S.AMIN: Sobre el desarrollo desigual de las formaciones  sociales Editorial ANAGRAMA).

Teses que tiveron vixencia durante algúns lustros pero que, claro eran pensadores marxistas, foron mais tarde desautorizadas polo pensamento único neoliberal. Pero a realidade é moi teimuda e as evidencias poñen continuamente en evidencia que as desigualdades salariais no so se manteñen senón que incluso agrándanse. Sucede isto por que as clases dominantes, na procura da máxima ganancia, sempre atacan os salarios dos traballadores co argumento liberal de que son estes, polo seu custo elevado, quen impiden o crecemento económico ao limitar a competencia fundamentalmente externa, freando o comercio e provocando así as crises cíclicas. Claro que logo as evidencias demostran, unha vez si e outra tamén, a falsidade de tal argumento como sucedeu coa recesión económica última.

A repetición sistemática deste criterio por parte de representantes políticos e poderes económicos, amplamente difundido e estendido pola maioría dos medios de comunicación e opinión, dou lugar a aparición dun novo dogma que culpa a uns custes laborais “excesivos” dos problemas das economías europeas periféricas tal que a española e a galega. Un novo dogma que –apoiado en datos falsos e falsificados- agocha un obxectivo político: baixalos salarios. Unha baixada que se xustifica como necesaria para a creación de emprego e o crecemento económico. Unha baixada que afecta tanto ao salario directo como  as cargas sociais –como se estas non formaran parte dos salarios-.

Cómpre aquí facer unha serie de aclaracións necesarias. Cando, por distintas razóns, os gobernos proceden a unha baixa nas cargas sociais están afectando ao salario real do/a traballador/a como se pode comprobar nas propias nóminas. As cargas sociais forman parte da apartación do traballador a empresa aínda que aquel non a perciba senón que sexa transferida a Seguridade social. Unha apartación do traballador que se utiliza para o financiamento da atención sanitaria, das pensións de xubilación, do seguro de desemprego.... etc. Compre ter moi claro o aquí sinalado: cando se está pedindo unha baixa nas cotizacións sociais estase pedindo tanto unha baixa nos salarios como no financiamento público –ao través da Seguridade social pero vía cotizacións sociais- de servizos fundamentais. Cando se implantan rebaixas nas cotización sociais –co gallo de favorecela contratación de mozos desempregados, de axudar aos traballadores autónomos (emprendedores), de favorecelas pequenas e medianas empresas ou o comercio polo miúdo- estanse rebaixando tanto os salarios coma o financiamento público de funcións básicas de benestar.

Analicemos agora o comportamento dos salarios en España e Galicia. Nesa análise vemos (Gráfico 1) como nas derradeiras décadas a caída da participación dos salarios na riqueza nacional foi importante tanto en España como en Galicia. Si nos anos 60 e 70 a participación dos salarios na riqueza nacional foi crecente – si en 1962 a participación era do 48,8% en España e o 39,3%  en Galiza, respectivamente, acadaría os 65,9% e 62,1% no ano 1981-. Nas últimas décadas, a partir dos anos oitenta,  esa participación non parou de descender – caendo do 58,4% e o 56,8% no 1991  ao 47,4% e 44,1% no 2014-. Entre os anos 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza nacional caeu 18,5 puntos en España e 18 puntos en Galicia: unhas caídas realmente espectaculares. Un comportamento dos salarios que fai que España e Galicia, estean entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza nacional: 44,1% en Galiza e 47,4% en España fronte a un 48,1%  de media na UE.

Pola súa parte o excedente bruto de explotación e as rendas mixtas brutas teñen (Gráfico 1) unha evolución xustamente contraria. Unha primeira caída  dende o 47,4% en España e o 58,4% en Galicia no ano 1962, o 30,8% e o 34,4% no ano 1981. Para a partires dese ano darse un xiro na tendencia pasando do 37,3% e o 40,8% no 1991 ao  42,5% e o 46,2% no 2014. No mesmo período a participación das rendas do capital medrou 12 puntos en España e en Galiza coa particularidade de que en ámbolos dous casos está claramente por riba da media europea (UE): 40,2%. Asemade en Galiza a participación das rendas de capital (46,2%) é superior a das rendas do traballo (44,1%).


A evidencia empírica demostra, xa que logo, que a participación dos salarios na riqueza nacional dende a década dos oitenta non deixou de baixar tanto no conxunto de España como en Galicia. Unha caída na participación dos salarios que foi en beneficio dun incremento das rendas de capital. A nivel territorial esta evidencia mostra tamén que a participación dos salarios na riqueza nacional é, dende os primeiros anos oitenta, menor en Galicia (47%) que no conxunto de España (49%) –os salarios reais en Galicia están entre os mais baixos de España-. En senso contrario: a participación das rendas de capital en Galicia (46,2%) é superior a do conxunto de España (42,5%).

A evidencia empírica demostra que a participación dos salarios na riqueza nacional dende a década dos oitenta non deixou de baixar tanto no conxunto de España como en Galicia

Esta realidade permite afirmar que o crecemento económico habido nas derradeiras fases expansivas tivo, tanto en Galicia como no conxunto de España, como principal soporte o control salarial, a redución dos custos laborais, a explotación intensiva da forza de traballo. Unha situación que se intensifica na fase actual cando os salarios manteñen a tendencia decrecente.  Estas  evidencias refutan así e rotundamente os argumentos neoliberais de que foron os elevados salarios a causa das crises e as recesións económicas posteriores impedindo a recuperación do crecemento económico e a creación de emprego. Unhas evidencias que, asemade, explican como os gobernos español e galego (PP) buscaron sempre unha saída as crises e as recesións económicas pola vía de reducir aínda mais os custos laborais, ou sexa os salarios reais dos traballadores como veremos a continuación

O salario bruto anual presenta, durante as últimas décadas (Gráfico 2), unha evolución equivalente en España e Galicia aínda que con diferentes intensidades. Si partimos do ano 2001 –data mais antiga da que dispoñemos de datos- o salario bruto anual en Galicia presenta un tendencia diverxente condicionada pola evolución do mercado laboral e mais en concreto do emprego. Entre os anos 2001 e 2007 –fase expansiva da economía- este salario mantivo, en termos reais, unha certa estabilidade xa que no ano 2007 equivalía ao 98,8% do salario medio no ano 2001-. Nos anos de crise os salarios medran en Galicia nunha primeira pero curta fase –o desemprego afecta maiormente os empregos mais precarios- para inmediatamente volver a baixar a situarse (ano 2011) no 92,7% do ano 2001, e logo caer, en termos reais, ata 30 puntos: o salario bruto anual medio en termos reais pasa así a representar o 68% (ano 2016)  do valor correspondente ao ano 2001.  No conxunto de España a evolución do salario bruto anual medio é so lixeiramente diferente: entre os anos 2001 e 2005 este permanece practicamente estable (101,2% no ano 2007) para logo baixar lixeiramente nos primeiros anos de crise (92,5% no ano 2010) e experimentar a continuación unha fortísima caída de ata 30 punto (69,1% no ano 2016), de novo polas mesmas razóns que en Galiza: elevada precariedade, con elevado desemprego, froito das reformas laborais neoliberais.

Esta análise da evolución do salario bruto anual medio en Galiza permite sinalar catro aspectos relevantes: 1º Hai unha tendencia continua a baixa dos salarios reais –agás nos primeiros anos da fase recesiva cando as primeiras vítimas do desemprego son os traballadores de salarios mais baixos-, 2º Un salarios reais que se manteñen por baixo da media española con unha diferenza (88,5%) que se incrementa na fase expansiva (85%-86%) para logo volver a situación anterior (87,2%). 3º. Unha baixa dos salarios reais que leva a un menor peso das rendas salariais (44,1% do PIB) que das rendas do capital (46,2% do PIB) cousa que non sucede na maioría das comunidades autónomas. 4º. Unha dinámica salarial que evidencia como o emprego que ven é manifestamente peor que o que se foi e que explica que cada vez sexan mais os traballadores galegos que non poden facer fronte aos gastos básicos como, por caso, a alimentación.

Resultan unha vez mais totalmente infundados os argumentos neoliberais de que son os elevados salarios dos traballadores os causantes das crises.

Por todo o sinalado resultan unha vez mais totalmente infundados os argumentos neoliberais de que son os elevados salarios dos traballadores os causantes das crises. Un salarios elevados que segundo estes profetas do neoliberalismo danan a competitividade das economías impedindo o crecemento económico. Todo o contrario: como demostra a evolución dos salarios reais en España e Galicia as causas das crises son outras, como por caso o elevado peso das rendas de capital, polo que non se resolverán baixando os salarios xa que estas baixas o que fan é que as crises rematen transformándose en grandes recesións.
Unha evolución en Galiza dos salarios e paralelamente da riqueza, que nembargante, si confirma as teorías de A. Emmanuel sobre que son as diferenzas salariais as que fundamentan o intercambio desigual que, como sinalaba Samir Amín sustenta o desenrolo desigual. Durante estes anos de continua caída das rendas salariais Galiza mantén posicións de cola no conxunto do estado español como mostra, por caso, a evolución da renda per cápita: a pesares da caída da poboación o PIB por habitante de Galiza (2016) segue estando claramente por baixo da media española (89%: 11 puntos).  Moitos economistas e políticos de salón, tamén medios de comunicación, con demasiada frecuencia esquecen a relación directa que en Galiza hai entre os salarios e o consumo quen é unha das bases fundamentais da demanda e do crecemento económico.

Unha posición de cola derivada de diferenzas salariais froito dunha división internacional do traballo que contribúe a perpetuar a condición de Galiza como rexión periférica.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista