0 Gardados para despois

Nel Vidal

Unha lingua para a festa, e viceversa

“A mí me gustan más grandes / Que no me quepan en la boca”, “Chingan cuando yo les digo / Ninguna me pone pero”, “Me dice papi vente adentro así me preñas”, “Tengo puta nueva to' los fines de semana”, “A ella le gusta que le den duro y se la coman”, “Agárrala, pégala, azótala, pégala”... É triste recoñecer que a única vez que vin unha atracción infantil de festa en Euskadi me chamara a atención que non soase ningunha canción do tipo destas de Becky G., Maluma, Arcángel, Daddy Yankee ou Trébol Clan. Sorprendentemente para min estaba a soar música infantil en éuscaro. E é que, si, no noso país é frecuente escoitar nas festas que pagamos todas e todos, a todo volume, eses temas nas chilindradas ás que levamos as nosas nenas e os nosos nenos, sen que nos chame xa a atención, porque, ademais, son semellantes a algunhas das que soan en festas infantís de aniversario ou comuñóns, que as rapazas e os rapaces bailan e cantan en festas ou bailes, e non tan diferentes, incluso, dalgunhas sobre as que se teñen preparado coreografías en campamentos de verán ou festivais escolares. Escollín exemplos dos máis explícitos dalgunhas das cancións máis duras, é certo, pero todas reais e escoitadas por min nun paseo pola zona de atraccións dunha festa hai un par de semanas.

Mais eu viña aquí falar de lingua. E é que, por diversos motivos, este verán tocou darlle voltas ao idioma na música e na festa, e moito, moito temos que sachar, principalmente en dúas frontes, a das festas, tanto nas actuacións coma nas atraccións, e a dos festivais, tanto en grupos coma en comunicación.

Con respecto ao que soa nas chilindradas, temos que dar argallado algo desde os servizos de normalización lingüística para incentivar a música infantil en galego, e facilitarlles a responsables de atraccións, da man de asociacións e comisións, unha selección da máis movida, para conseguir que nas camas elásticas se brinque con Paco Nogueiras ou Pitusa Semifusa, que nos scalextris ou no tren chu chu se xire con Mamá Cabra ou Pirilampo, que nos inchables se salte con María Fumaça ou As Maimiñas, que nos coches se choque con Pablo Díaz ou A Gramola Gominola, que no camión de bombeiros ou no carro de cabalos do carrusel se imaxine a aventura con Uxía Lambona ou A Banda dos Cueiros… Será por variedade! E faremos un necesario dous por un: que soe música en galego de calidade, divertida, axeitada, e que se eviten letras sexistas, machistas e violentas.

E con respecto ás actuacións, ademais de soaren tamén en directo nas prazas e campos das festas bandas infantís coma as citadas, para os non tan nenos ou nenas claro que pode haber orquestras, que oxalá inclúan máis repertorio en galego para cantarmos e bailarmos coa “Oda ao futbolín”, “Pero que ghallo é!”, “Onde vas rapaz?”, “Estou na lavadora”, ou tantas outras que aprendemos co Xabarín, ou con Andrés do Barro, Ana Kiro, Fuxan os Ventos ou Os Resentidos, ou para pecharmos as verbenas cantando a coro “Licor do negro café”. E claro que tamén pode actuar Miguel Bosé, Bustamante, Rosario Flores, Carlos Baute, Merche ou David Cibera. Mais tamén, nas mesmas condicións e lugares deben actuar Ses, Roi Casal ou Guadi Galego. Claro que en festas ou festivais poden estar Los Planetas, Novedades Carminha, Fangoria ou Sex Museum, mais tamén, nas mesmas condicións, deben estar Ataque Escampe, Terbutalina ou Zënzar. Ou Os Diplomáticos, A Compañía do Ruído e Dios ke te crew. Ou Nao. Ou Ezetaerre. Ou O Sonoro Maxín. Ou Som do Galpom. Ou Os Amigos dos Músicos. Ou A Banda de Balbina. Ou Ruxe Ruxe. Ou Malandrómeda. Ou Familia Caamagno. Ou… Porque o galego non resta nin calidade nin variedade. E temos cumbia da boa, rock ata de serie b, música festeira, indie, pop, hip hop, folk e música tradicional, punk, Blues do País, ska, metal, soul, músicas do mundo, electrónica… Se por ter ata temos ao Leo i Arremecághona ou a Emilio José!

E, como vemos, ademais das festas, o outro gran núcleo irradiador da música, sobre todo no verán, son os festivais, dos que hai exemplos ben positivos para a música en galego (Revenidas, Pardiñas, Ortigueira, Festigal, Antros Pinos, Castañazo…), mais é preocupante, e creo que van en aumento, os festivais que exclúen o galego mesmo na comunicación, e que non temos por que non citar: V de Valarés, PortAmérica, Cultura Quente, O Marisquiño, Atlantic Fest, FIV de Vilalba, etc. Nestes e noutros, incluso coa música en galego secundarizada ou directamente excluída. E está na man dos concellos, das deputacións e da Xunta, que os financian, que os financiamos, facer que a nosa lingua propia e oficial, sobre a que temos a responsabilidade do seu fomento, non quede nin secundarizada nin moito menos, por suposto, excluída.

Para a música en galego, ademais do quen, é moi importante o cando, o onde e o como: ten que estar nas festas, na praza, no escenario principal, non en emprazamentos alternativos ao maioritario, ao central, e nas mellores condicións posibles.

E si, temos unha lingua ben axeitada para a festa. Fagamos tamén unha festa ben axeitada para a lingua.

Acerca de Nel Vidal

É de Artes, Ribeira, anda entre Val do Dubra, Carballo e Santiago, e traballa a prol do uso e prestixio do galego. Foi presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) de 2007 a 2016. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Colaborou coa posta en marcha de diversos proxectos de normalización lingüística e, desde 2003, é técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo. Tamén foi director de Culturgal.