Desafiuzamentos e desvergoña

“Tódolos españois teñen dereito a disfrotar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes púbricos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes pra facer efectivo este dereito, regulando a utilización do terreo dacordo ao interese xeral pra impedir a especulación....” (Art. 47. Constitución Española)

Como xa sinalara en artigos anteriores o estoupido das burbullas inmobiliaria e crediticia (2008) deixaron ao descuberto en España unha enorme débeda privada tal que as fontes mais fiables cifraban nun valor próximo aos 3,7 billóns de euros que viñan a equivaler ao 332,1% do PIB español. Unha enorme débeda que, naquelas datas, multiplicaba case por 10 a débeda pública quen se cifraba en 0,45 billóns de euros (39,5% do PIB).

Unha débeda privada que se distribuía do xeito seguinte: bancos e outras entidades financeiras, 1,54 billóns de euros que equivalían ao 138,2% do PIB; empresas 1,25 billóns de euros equivalente ao 112,2% do PIB e familias 0,91 billóns de euros equivalentes ao 81,7% do PIB. Como se pode ver se a débeda privada global equivalía ao 332,1% do PIB, a débeda dos bancos e outros entidades financeiras representaba, por si soa o 41,6%  -practicamente a metade- de toda a débeda privada e o 37,1% -mais da terceira parte- de toda a débeda –pública+privada-.

O diverxente e discriminatorio comportamento posterior das autoridades públicas (PSOE e PP) con relación a cada tipo de débeda, e moi especialmente, aos respectivos debedores foi un exemplo paradigmático de quen manda realmente en Galiza e en España. Por caso, fronte a débeda dos bancos e outras entidades financeiras -1,54 billóns de euros- o goberno español saíu disparado ao seu rescate. Fronte a débeda das familias -0,91 billóns de euros- aquel favoreceu e dou cobertura política os desafiuzamentos. O rescate disparou –xunto aos gastos por desemprego- a débeda pública –que actualmente está no 101,3% do PIB: 1,14 billóns de euros-. Os desafiuzamentos dispararon o número de familias que se quedaron sen a súa vivenda habitual e seguen endebedadas: ao día de hoxe mais de 100.000 en toda España -15.000 en Galiza-. Un rescate que supuxo unha inxección do fondos públicos no sector bancario superior aos 100.000 millóns de euros. Uns desafiuzamentos que carrexan outros problemas gravísimos: o 50% dos suicidios habidos en España (11 diarios) e Galiza (4 diarios) atribúese aos desafiuzamentos    (PAH: Plataforma de afectados pola hipoteca).

Asemade e mentres os desafiuzamentos seguen o seu curso -segundo as fontes mais fiables (PAH)  chegan a superar os 100 diarios en España e os 6 en Galiza, neste caso segundo informa a propia Defensora do Pobo- e se incrementa o número de suicidios por desafiuzamento, enterámonos por fontes oficiais que o rescate bancario vai camiño de converterse nunha nova grande estafa das elites políticas e financeiras aos cidadáns de España e, xa que logo, de Galiza. Así si o Banco de España afirma que 60.600 millóns de euros do total do rescate bancario   –que asegura ascendera a 77.000 millóns de euros- non se recuperarán, o Ministro de Economía (Luís de Guindos) confirma esta evidencia pero xustificando que de non ter habido rescate a recesión tería sido aínda maior.

Resulta imposible non indignarse diante de tanta desvergoña e caradura. En primeiro lugar, e como ben lembraron algúns medios de comunicación e opinión, porque cando se aprobou o rescate o goberno de torno (PP) asegurou, con total rotundidade e por boca dos responsables políticos, que aquel “non custaría nin un euro aos contribuíntes españois …. custo cero” (Luís de Guindos) xa que “o crédito é a banca e vaino pagar a banca” (Mariano Rajoy).  En segundo lugar por que mentres se procedía “a rescatala banca” con diñeiro público –o maior rescate con fondos públicos da eurozona- púñanse en marcha fortes recortes nas funcións públicas de benestar –ensino, atención sanitaria, atención as familias, ós maiores e ós desempregados …- tales que provocaron un enorme deterioro na calidade de vida da maioría dos cidadáns e moi especialmente das clases populares. En terceiro lugar por que o monto total destinado a rescatala banca é, realmente, moi superior as cifras recoñecidas-77.000 millóns de euros- pois supera de longo os 100.000 millóns de euros polo que as perdas serán, en realidade, aínda maiores. Finalmente por que o se presentou como un proceso modélico de rescate dun sector financeiro, do que se loaba a súa fortaleza, aparece realmente como unha estafa e unha chapuza que contrasta, por caso, co rescate levado adiante polo goberno dos Estados Unidos –con B. Obama na Presidencia- quen si tivo un custo cero para o contribuínte -no ano 2013 o goberno estadounidense tiña recuperado, e con beneficios, tódalas axudas públicas prestadas a banca-.

Por razóns como estas mentres en España a recesión económica que precedeu a crise financeira durou case unha década nos Estados Unidos so durou catro anos.

Mentres tanto, como sinalaba anteriormente, seguen os desafiuzamentos en Galiza e en España. Actos que supoñen unha agresión directa ao dereito a unha vivenda digna recollido por caso na Constitución Española (art. 47) e tamén na Declaración Universal dos Dereitos Humanos (art.25). Actos que continúan sen que dende os poderes públicos, neste caso a Xunta de Galicia e o Goberno español, se lles ofreza unha alternativa habitacional incluso aos casos de máxima vulnerabilidade. Un comportamento que supón unha subordinación do dereito a unha vivenda digna en relación ó dereito a propiedade privada y a liberdade de empresa paradigmas da sociedade capitalista. Un comportamento que considero indigno por que o dereito a unha vivenda non é inferior aos dereitos anteriormente citados senón que debe ter unha prioridade diante dos mesmos como así se recoñece en numerosos tratados internacionais a maioría dos cales foron asinados polo Estado español.

Nun estado democrático e de dereito como, por caso o español, os poderes públicos (Goberno español, Xunta de Galicia) están obrigados a garantir, promover, respectar e protexer o dereito de tódolos cidadáns a unha vivenda digna. Cousa que, neste caso, non están facendo como estamos vendo tódolos días.

Por caso veño de recibir un novo correo dos meus amigos da PAH –Plataforma antidesafiuzamentos-. Xente, homes e mulleres, magnifica que veñen loitando dende fai anos contra os desafiuzamentos sen que reciban, tanto por parte da maioría da clase política como de moitos medios de información e comunicación, a atención e o apoio que merecen. Nembargantes, grazas a súa perseveranza e a súa teimosía, nacidas da solidariedade, conseguiron que miles de familias galegas non foran desafiuzadas. No correo infórmanme dos últimos acontecementos, das súas últimas batallas. De como nos vindeiros meses a PAH acudirá ao Congreso dos Deputados para esixir a sinatura de compromiso de tódolos grupos parlamentarios para que se lexisle, o antes posible, a Lei de Vivenda da Pah, un texto de lei que recolle cinco medidas de mínimos para afrontar a emerxencia habitacional.

Dende aquí so podo seguir animándoos na súa xusta loita e desexar que teñan éxito na mesma, por que do seu éxito depende o futuro de moitas miles de familias das clases populares galegas e españolas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.