A que non se arrisca, nunca descubrirá
o que sería capaz de facer
(Discurso de ingreso na Real Academia Galega 27 de outubro de 2001)
Este setembro de 2017 levounos a Xohana Torres como un setembro de anos atrás levara a súa avoa. Di en Elexías a Lola:
Lola das roxas viñas
este mes é setembro a redimirse
maduramente para alguén no froito.
Ti, acouga en paz. Sobre a violenta verdura da túa tumba
traballan en ringleira afanosas formigas.
Xohana perseguiu os seus soños. Arriscando pois non hai outra forma de acadar os soños. Os soños, dicía ela, como as cancións infantís, resisten ben o paso do tempo. Resisten, claro está, se nós resistimos, se arriscamos. Talvez Xohana non puidese concebilo, mais hai quen traizoa os seus soños, e facéndoo traizóase a si mesma, a si mesmo, a peor forma de traizón.
Os soños de Xohana: ser dona da súa propia voz, navegar os mares da literatura galega sorteando os baixíos que impedían ás mulleres participar plenamente na vida cultural de Galicia (como na doutros lugares). Soños feitos realidade nunha obra poética intensa. Seis libros, non é preciso máis, como labaradas. Prendendo lume nas poetas mulleres que se recoñecen (nos recoñecemos) nela. “Sen que ninguén o impida son a dona dos mapas / anego estancias, adiántome ás eclipses, entro nas furnas, tomo baluartes.”
Neses soños lingua e literatura son inseparábeis. Xohana escribe en galego, forma parte da xeración que comeza a publicar a finais dos 50, chamada das Festas Minervais, de feito é a única muller. Unha foto da homenaxe a Rosalía de Castro –á que tamén fixo referencia nas redes sociais Ismael Ramos, o día da morte de Xoana –, o primeiro día das Letras Galegas, en maio de 1963, representa de forma gráfica esta situación. A sala da Universidade de Santiago está ateigada de homes, vestidos de escuro, agás Xohana, seria e fermosa, sentada na primeira fila, a carón de Salvador García Bodaño, Carlos Casares e Arcadio López-Casanova. Que difícil facerse un lugar no barco, empuñar o leme.
Conciencia da lingua da escritora e tamén dos seus personaxes, da Maxa de Adiós, María, a súa única novela quen, como di acertadamente Helena González, constrúe na conciencia da linguaxe a súa identidade, é un corpo de linguaxe.
A deslumbrante poesía, esta novela, deixan ás veces en segundo plano as súas contribucións a unha cultura galega que intentaba saír á luz polas escasas fendas da censura franquista. Foi directora do primeiro programa cultural radiofónico en galego, “Raíz e tempo” en La Voz de Vigo nos anos 60, e antes realizara un programa en Radio Ferrol. Participa tamén nun grupo de teatro, Teatro Estudio de Ferrol. Recitais, colaboracións en revistas, todo o empeño na recuperación da lingua e da cultura galegas.
Xohana amou a lingua, a terra, a paisaxe, sobre todo a da Ría de Ferrol, mais tamén a do Avia da súa avoa, reflectida nos seus poemas e no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, en 2001 con 71 anos (nunca foi doado o acceso das mulleres á academia nin ás institucións).
Con Maxa dicimos “e berro, mamai, e choro. E total xa non podes contestarme.” Xohana deixounos orfas. Por fortuna temos as súas arriscadas palabras.