0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

Lume: a xestión da complexidade

Este artigo publicouse hai 11 anos na edición impresa de Tempos Novos (nº 112, setembro 2006). Un resumo foi publicado en Vieiros o 06.10.2016. O autor subliña que, a pesar do paso dos anos, a análise é aplicable ao momento actual.

Todo o mundo ten unha opinión sobre o problema do lume en Galiza e ese, en boa medida, é o problema: ter unha soa idea. A razón é que se está a tratar un tema extraordinariamente complexo cunha simplicidade pueril. Pódese falar de ecoloxía, historia, antropoloxía, economía, socioloxía, psicoloxía, agronomía, climatoloxía, etc. simultaneamente? Pódese facer unha análise sosegada baseada en feitos reais e non nas “impresións” que, en moitas ocasións, prensa e políticos lanzan ao vento de xeito irresponsable? Pódese opinar dende a independencia? É difícil pero non por iso pódese deixar de intentar.

 

Situándonos

Se queremos saber algo dos lumes debemos coñecer primeiro onde nos situamos bioclimatoloxicamente, logo deberíamos saber como estaba e como está conformada a paisaxe e, finalmente, deberemos saber como o home leva explotando o territorio dende hai séculos.

Repasemos o cóctel: unha biomasa excepcional nun monte mesto, especies pirófitas, dous meses de seca estival e unha poboación rural envellecida que fai un uso cultural do lume

En primeiro lugar, inda que a maior parte de Galiza está situada na área atlántica, tipicamente verde e vizosa, non podemos esquecer que temos en torno a dous meses de seca estival moi acusada o cal é unha diferenza substancial con outras áreas cántabro-atlánticas ibéricas e, dende logo, coas paisaxes coas que tanto nos gusta compararnos noutras áreas da fachada atlántica europea. Igualmente, debemos saber que a combinación de temperaturas moderadas e alta pluviosidade da lugar a un período vexetativo moi elevado, isto é, a vexetación medra axiña e durante bastantes meses. Así, idealmente, a paisaxe que deberíamos atopar sería unha continua masa forestal vizosa de árbores caducifolias, a pesares dese pequeno período de seca estival. Pero aquí hai xa que comezar a introducir a figura do home que abriu, empregando o lume, por suposto, pastos para o gando, hortas e demais cultivos, reducindo, historicamente o bosque a unha representación máis ben exigua e xerando unha paisaxe cultural de gran produtividade caracterizada polo mosaico de espazos e usos agrosilvopastorais.

Tanto en Galiza como en Portugal, nos anos 50, con dúas ditaduras e paisaxes culturais moi similares, impúlsase a forestación con piñeiros (primeira/s especie/s exótica e pirófita) daquelas zonas que ata o momento eran pasteiros no monte e/ou cultivos de cereais, nunha primeira marea de poñer árbores no campo relacionado coa falla de madeira pero tamén cos complexos ibéricos fronte á forestada Europa; neste caso coincidiu coa migración cara ao exterior e/ou ás cidades de inxentes masas campesiñas, xustamente das máis pobres, que pastoreaban o monte con ovellas e con cabras nos sitios máis bravos. A continuación veu unha segunda marea na que se plantaron eucaliptos (segunda especie exótica e pirófita) nas áreas que quedaban. A gandería ovina e caprina desaparece e implántase, ou imponse máis ben, a gandería bovina que devén nun fracaso, particularmente despois da entrada na Unión Europea. Así, o que ata ese momento eran pastos de fondo de val vense cubertos de eucaliptos. Os labregos rarifícanse nunha paisaxe, ben forestal, ben con amplas áreas de monte baixo moi mesto, produto da diminución dos usos tradicionais. Esta paisaxe apenas contén bosque ningún, particularmente nas áreas máis temperadas, máis propicias para os cultivos forestais de ‘colle o diñeiro e corre”, é dicir na franxa costeira. Conformase deste xeito un inmenso territorio combustible, un campo de bombonas de butano.

O que en ningún momento mudou foi o uso cultural do lume para abrir pastos e ceibarse das alimañas, entre outras cuestións, cando non para ver simplemente os marcos das fincas ou tomarse a xustiza pola man propia fronte a aldraxes, reais ou ficticias, do veciño ou da parroquia propia ou allea.

Os cambios ambientais foron tan rápidos e de consecuencias tan fondas que non foron acompañados de ningún cambio na mentalidade no envellecido rural

Así chegamos á data de hoxe, ou de hai vinte anos que tanto ten, co territorio que máis lumes ten da Unión Europea; repasemos o cóctel: unha biomasa excepcional nun monte mesto, especies pirófitas, dous meses de seca estival e unha poboación rural envellecida que fai un uso cultural do lume.

 

Pero, en definitiva, quen lle mete lume ao monte?

A pesares de todo, esta parece ser unha cuestión fundamental. Xa se avanzou unha tipoloxía de incendiarios, digamos, de corte tradicional, que ven a representar o tremendo desfase que existe entre o medio ambiente e o medio cultural; neste caso os cambios ambientais foron tan rápidos e de consecuencias tan fondas que non foron acompañados de ningún cambio na mentalidade no envellecido rural. E aínda hai máis, o desmantelamento produtivo e cultural do medio rural conleva todo tipo de problemas de índole social e persoal que agroman de diversas formas, o lume entre elas, neste senso hai que recordar que unha porcentaxe (sorprendentemente?) alta de detidos son postos a tratamento psiquiátrico. A iso podémoslle engadir os conflitos máis ou menos modernos nos montes entre o uso do gando e o uso forestal; estes conflitos o único que nos están a indicar é a ausencia de planificación e ordenación territorial.

No medio rural, no monte, hai multitude de actores interactuando e mantendo intereses contrapostos: é a ausencia de planificación e participación cidadá no deseño das políticas, é dicir, unha democracia de baixa calidade

Pero hai moitas máis cuestións, vexamos algún exemplo: quéimase para evitar o lobo (neste último ano a Xunta non regularizou as indemnizacións por danos ao gando) e outros animais coñecidos de portas para dentro como “alimañas”, queimase por conflitos por mor da caza, queimase para facilitar as descargas de drogas na costa, quéimase para obter madeira-lixo a prezos inda máis baixos, etc. E algunha cousa algo máis novidosa: sabemos que non se pode recualificar ningún terreo para ser urbanizado, pero tamén o lume podería ser un xeito de presión para obrigar a vender a quen non quere facelo.

En definitiva no medio rural, no monte, hai multitude de actores interactuando e mantendo intereses contrapostos: é a ausencia de planificación e participación cidadá no deseño das políticas, é dicir, unha democracia de baixa calidade. Para quen queira investigar máis esta cuestión, a Garda Civil ten recollido perfectamente as tipoloxías de quen lle mete lume ao monte nunha esclarecedora análise.

 

O lume: unha gran industria

O incremento do gasto en extinción significa o fracaso das políticas rurais (agricultura, gandería, forestal e ambiental)

Poñamos por caso que temos unha cidade co seu corpo de bombeiros; que é máis lóxico e desexable, ter un gran corpo que apague constantemente incendios ou ter un corpo pequeno que apenas teña que actuar?, parece bastante lóxico que o ideal é que non haxa apenas incendios e polo tanto se precisen uns medios modestos. Este tipo de lóxica, pola contra, non é aplicado ós montes. Se o tipo de monte que temos é unha plantación de bombonas e bombas incendiarias, por qué persistir no modelo? Polo tanto o incremento do gasto en extinción significa o fracaso das políticas rurais (agricultura, gandería, forestal e ambiental). Así, durante toda a era Fraga persistiuse en incrementar os medios de extinción sen preocuparse da sustentabilidade do modelo e, a estas alturas, deberíamos telo claro: o modelo actual non é sostible entre outras cousas porque non é apagable e, neste ámbito bioxeográfico, o lume acaba por aparecer sempre porque, finalmente, é un epifenómeno provocado por factores estocásticos. Así que cando apareza, o desexable é que sexa extinguible rapidamente e co mínimo aporte de recursos posibles, o ideal sería que o lume se apagara só.

O problema de ter unha industria cuxa materia prima é o lume é tan serio que, quizais, é mais rendible ter lume que non telo porque así desvíanse inxentes cantidades de cartos públicos á empresa privada e a manter moitos postos de traballo nunha sorte de plano de emprego público encuberto. Neste senso, se calcularamos o que lle aporta ao PIB a industria do lume en comparación co que lle aporta a industria forestal, quizais levariamos unha sorpresa.

 

Entre a limpeza e a extinción

Estamos logo a falar de que o monte está abandonado e medra o mato, fundamentalmente leguminosas que, como o toxo, fertilizan e protexen o chan ademais de ser un hábitat de gran interese natural. Iso é sucidade?

Habitualmente estase a reclamar un certo cambio no senso de que os recursos que se empregan na extinción deberían ser dedicados á prevención, e aquí xorde a verba “limpeza” recorrentemente. Deberíamos ter coidado coas verbas: a limpeza do monte é feita tradicionalmente a base de lume. Estamos logo a falar de que o monte está abandonado e medra o mato, fundamentalmente leguminosas que, como o toxo, fertilizan e protexen o chan ademais de ser un hábitat de gran interese natural. Iso é sucidade? Máis ben, deberiamos falar desa mesta masa combustible que se acumula baixo dos exóticos cultivos e que arde rapidamente.

Para solucionalo, en realidade, estase a suxerir a creación dun gran exército armado con desbrozadoras mecánicas que recorrerían os montes en todo terreos; en definitiva, o modelo actual require unha cantidade desaforada de gas-oil o que significa, unha vez máis, unha completa ausencia de sostibilidade, tanto ambiental como económica porque, quén pagaría ese exército?. Ademais, isto solucionaría pouca cousa en situacións realmente adversas.

Fálase de aproveitar esa biomasa produto da “limpeza” para pequenas centrais térmicas encubertas: non se pode pensar en nada máis ilóxico que en empregar gas-oil para limpar un monte que dará menos enerxía que o propio gas-oil que se emprega nas tarefas de desbroce e transporte, e polo tanto tamén é insostible economicamente por moito que poda xerar emprego, ou, se cadra, se trata de que todos sexamos empregados públicos.

Precisamos, pois, un cambio de modelo no que se recuperen os usos do monte, tanto agrícolas como gandeiros, pois son as terras onde se desenvolven estas actividades as máis reticentes a arder

Precisamos, pois, un cambio de modelo no que se recuperen os usos do monte, tanto agrícolas como gandeiros, pois son as terras onde se desenvolven estas actividades as máis reticentes a arder e no caso de que finalmente ardan, son sinxelamente apagables. Por outra banda o emprego de especies forestais caducifolias como castiñeiros, carballos, nogueiras, cerdeiras, etc impide que a luz pase ao chan evitando a proliferación do sotobosque e manténdose esa “limpeza” de xeito natural; igualmente manteñen un nivel de humidade superior, clave para unha menor propagación do lume.

Polo tanto, non se trata de drenar máis recursos da extinción á prevención senón de mudar o modelo completamente, de darlle a volta como un carpín para que sexa sostible económica, social e ambientalmente; e por suposto, que sexa apagable.

 

Patrimonio privado e medios públicos

Polo tanto, non se trata de drenar máis recursos da extinción á prevención, senón de mudar o modelo completamente

A maior parte do monte galego é privado, ben estea en mans netamente particulares ben estea en mans das comunidades de montes. Pola contra este monte, tal e como é empregado agora, non xera moitos beneficios sociais, vexamos: a paisaxe está completamente estragada por moito que os eucaliptos poidan ser verdes, os sistemas hidrolóxicos alterados, a diversidade biolóxica reducida á mínima expresión, etc. E, curiosamente, os sistemas de extinción de incendios pagámolos todos, propietarios ou non, é dicir, son públicos. Hai que saber que se a un se lle queima a casa e veñen os bombeiros, pásannos unha factura a continuación por apagar o lume; ben, por que non se fai isto no caso das propiedades no monte? Quizais porque non sería rendibles? Que ocorrería se incluíramos os custes de prevención/extinción nos custes de produción?

Polo tanto, ou ben os propietarios evitan que arda o monte e o fan rendible dalgunha maneira, de tal xeito que dea para pagar un seguro ou ben, a sociedade ao completo debe decidir como se emprega o monte, estea nas mans de quen estea, con fins de protección paisaxística, conservación da biodiversidade, protección hídrica e preservación dos recursos biolóxicos das rías.

A sociedade ao completo debe decidir como se emprega o monte, estea nas mans de quen estea, con fins de protección paisaxística, conservación da biodiversidade, protección hídrica e preservación dos recursos biolóxicos das rías

Se isto non é materia de discusión habitual, na miña moi persoal opinión, é polo paternalismo ao que se somete aos habitantes do rural por parte do urbano nunha sorte de caciquismo/clasismo intolerable a estas alturas. En definitiva deberiamos aclararmos a que estamos a xogar.

 

Cambiou algo este ano?

A resposta é clara: non. Porén, é preciso aclarar as razóns. Fálase dunha tipoloxía diferente que primaría queimar a carón de casas, núcleos, cidades, vías de transporte, fálase de que se concentraron no tempo, etc. Hai que dicir que nada diso é novo e segue os mesmos parámetros ano tras ano: o mapa do lume é o mapa do abandono do territorio que coincide onde hai máis poboación (urbana) e onde esta poboación máis se adica ao sector secundario e terciario e, polo tanto, onde a desconexión co rural, precisamente, é superior.

Coméntase que se prendeu preto das casas, cando máis ben habería que sinalar que esas casas foron construídas sobre as bombonas de butano tras ser autorizadas ou consentidas por todo tipo de concellos

Hai, todos os días de verán, todos os veráns, un número basal de focos; ás veces estes focos teñen éxito ou non dependendo das condicións e, este ano, as condicións foron particularmente propicias para os lumes: dous anos de seca e unha situación anticiclónica, con ventos do nordés, excepcionalmente longa e potente onde se cumpre á perfección a arquicoñecida regra do 30, isto é, ventos en torno aos 30 km/h, humidade relativa menor do 30% e temperaturas en torno aos 30ºC; nestas condicións non se poden apagar os lumes se temos en conta como está o monte, haxa máis ou menos medios.

Coméntase que se prendeu preto das casas, cando máis ben habería que sinalar que esas casas foron construídas sobre as bombonas de butano tras ser autorizadas ou consentidas por todo tipo de concellos.

Unha situación como a de este ano tíñase que dar tarde ou cedo, máis se temos en conta que podemos considerar estes lumes como a última herdanza da era Fraga, un dos seus últimos caramelos envelenados: é a consecuencia do seu éxito na extinción. Explícome: tal e como está o monte, lembremos os cultivos forestais continuos e a proliferación de biomasa, é unha auténtica polvoreira, e se evitamos que arda nunha serie de anos consecutivos, a situación empeora pois o combustible é cada vez maior e máis continuo ata que chega un momento no que, dándose as condicións meteorolóxicas concretas, o monte prende é finalmente é imposible de apagar. Quere isto dicir, inda que poida chocar e mesmo confundir, que se seguimos con este lamentable modelo, o mellor que nos pode pasar é que arda un pouquiño todos os anos conformándose un mosaico; a alternativa é que arda de pronto todo, nuns días, tal e como pasou nestas últimas semanas e tal e como está a suceder agora e nos últimos dous anos en Portugal, particularmente no norte. O paralelismo non é casual nin moito menos.

A hipótese da conspiración, mafia, trama, etc... ten máis que ver cunha cortina de fume para esquivar responsabilidades e coa cómoda paranoia colectiva, que busca un único culpable nunha pirueta mortal de simplificación da realidade

Polo tanto, a hipótese da conspiración, mafia, trama, etc  ten máis que ver cunha cortina de fume para esquivar responsabilidades e coa cómoda paranoia colectiva, que busca un único culpable nunha pirueta mortal de simplificación da realidade. Neste senso é particularmente perturbador observar cómo o Goberno actual desliza consignas similares ás lanzadas polos sucesivos Gobernos de Fraga, mafia incluída. Culpar á oposición, toque ao que lle toque, ademais de estulto é perigoso, e di moito de quen o fai.

 

Desastre ecolóxico?

Escoitase falar de que os incendios deste ano foron un auténtico desastre ecolóxico pola súa magnitude e é certo, mais é unha certeza relativa. Podemos dicir que o desastre xa estaba aquí: cando nos permitimos encher, nunha porcentaxe altísima, o territorio con especies pirófitas exóticas que arrasan a diversidade estrutural e biolóxica así como a paisaxe, cando eliminamos cultivos e gando, podemos dicir que, en realidade, os incendios son a última volta de parafuso que faltaba para completar un panorama desolador nos eidos da biodiversidade, da paisaxe, da cultura, da rendibilidade económica e da estruturación social: o lume non é un problema senón a consecuencia máis mediática dun problema.

Cumpre, neste eido, destacar que agora o problema trasladámolo polos ríos abaixo ata os bancos marisqueiros das rías; isto pasa por non ter en conta, igualmente, os sistemas hídricos na política do rural durante décadas e considerar que o territorio é un campo ao que se poden poñer portas. Pagarán os propietarios os danos nas rías? Terán un seguro que o cubra? por suposto a resposta é non.

 

Que facer?

O primeiro que hai que facer, na miña opinión, é decatarnos da necesidade de facelo e o segundo crernos que o podemos facer. O terceiro paso sería acadar o consenso político e social neste eido

Sen dúbida, cambiar de modelo. O problema é como. O primeiro que hai que facer, na miña opinión, é decatarnos da necesidade de facelo e o segundo crernos que o podemos facer. O terceiro paso sería acadar o consenso político e social neste eido. Este consenso debería materializarse nun pacto con obxectivos a trinta anos; xa se perderon moitos poñendo parches e, se cadra, a situación deste mes de agosto, no fondo, representa unha oportunidade para todos os galegos. Para acadar este consenso débense seguir uns pasos concretos:

1.- a realización dunha diagnose obxectiva e completa non só dos incendios senón destes no contexto do medio rural galego onde se teñan en conta ademais de cuestións de orde económica e técnica, a biodiversidade, os sistemas antropolóxicos e sociolóxicos, a protección da paisaxe e a protección dos sistemas hidrolóxicos. Neste eido, unha comisión parlamentaria é claramente insuficiente inda que necesaria para complementar a diagnose feita por unha equipa multidisciplinar que garanta desapaixonamento e obxectividade.
2.- sometemento da diagnose á sociedade civil e implicados (a evitar a verba e o concepto de “afectados” pois sómolo todos e non só os que ven danada a súa economía).
3.- elaboración dun plano de acción a un prazo de 30 anos nos que se basearía o pacto político e social. Dende logo, se non se acada un pacto político non se vai conseguir mellorar a situación.

A xestión da complexidade debe evitar a simpleza no análise e na elaboración do discurso

Por outra banda, a xestión da complexidade debe evitar a simpleza no análise e na elaboración do discurso, así como tempo, firmeza e paciencia.

 

Preconceptos e outras herbas

Ao fío da situación en agosto lánzanse ao vento conceptos e ideas que de tan repetidas poden parecer verdade, pero non por moito repetir algo imaxinario acaba cobrando visos de realidade.

Chama a atención que non estando os incendios apagados, hai cidadáns, políticos e xornalistas coa verba “repoboación” na boca. Repoboación de que?

Chama a atención que non estando os incendios apagados, hai cidadáns, políticos e xornalistas coa verba “repoboación” na boca. Repoboación de que? De novo volveremos a sementar piñeiros e eucaliptos que alimenten os incendios de dentro de 15 anos ou queremos facer algo positivo? Neste senso, se dentro dun mes, hai unha soa persoa plantando piñeiros ou eucaliptos nas áreas queimadas, saberemos que temos fracasado, unha vez máis. Hai que lembrar que o forestal é so un máis dos múltiples usos que se lle pode dar ao monte. É particularmente importante que tanto a sociedade, como os políticos que a representan, se convenzan disto e podan, así, poñerlle freo aos pescadores de pingües ganancias no río revolto do mundo forestal incendiario: as grandes compañías madeireiras deste país que teñen en Galiza o seu couto privado, incumprindo, en moitas ocasións a lexislación vixente e xogando con certificacións forestais de sostibilidade ficticia; haberá suficiente valor e independencia?

Estas cuestións deberan ser tidas en conta porque parece que só se está a falar dun problema forestal cando a realidade é que é un problema do rural, é dicir, é un problema da gandería, da agricultura, da ordenación do territorio, da conservación da biodiversidade, do mantemento do ciclo da auga, etc. Neste eido os políticos do país deberían estar moi ocupados tratando de que a PAC contemple cuestións deste tipo ademais das regulacións económicas dos mercados comunitarios.

Parece que só se está a falar dun problema forestal cando a realidade é que é un problema do rural, é dicir, é un problema da gandería, da agricultura, da ordenación do territorio, da conservación da biodiversidade, do mantemento do ciclo da auga, etc.

Por outra banda, cal é o perfil do profesional que traballa nestes eidos neste país? Curiosamente, e xa dende o franquismo, son os enxeñeiros forestais e enxeñeiros de montes os que teñen o monopolio. É dicir, a diversidade está xestionada dende a parcialidade, pois este corpo técnico está formado no déjà vu do seguidismo da explotación de piñeiros e eucaliptos, por moito que poida haber profesionais novos cunha mentalidade aberta e contemporánea. Sería interesante abrir as portas a profesionais que, neste momento, non poden nin meter o pé, é dicir, biólogos, economistas, antropólogos, xeógrafos, sociólogos, politólogos, agrónomos, etc.: a planificación dunha realidade complexa precisa da diversidade e da complementariedade, a ecoloxía é a columna vertebral disto.

Sería interesante abrir as portas a profesionais que, neste momento, non poden nin meter o pé, é dicir, biólogos, economistas, antropólogos, xeógrafos, sociólogos, politólogos, agrónomos... A planificación dunha realidade complexa precisa da diversidade e da complementariedade

Tampouco debemos esquecer o cambio climático que se aveciña con, quizais, menos auga, choivas máis torrenciais e máis calor. Estes factores deben ser tidos en conta pois se non hai un cambio, episodios como os vividos nestas datas magnificaranse.

Por último, habería que falar dos símbolos. Se as autoridades, empresas, propietarios e a sociedade, en xeral, tratamos o campo como lixo, agredíndoo con políticas intolerables noutros eidos, é lóxico que o lume só sexa unha mostra máis dise desleixo. Os responsables políticos e a Administración deben ser os primeiros en darlle a consideración oportuna e deben liderar o cambio tamén no ámbito do simbólico.


Xabier Vázquez Pumariño
Santiago de Compostela, agosto de 06

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos